Contra os ventres de alugueiro

Desde a Marcha Mundial das Mulleres reafirmamos a nosa posición en contra dos chamados ventres de alugueiro. 

Falamos de ventres de alugueiro porque referirnos a esta práctica como xestación subrogada entendemos que pretende eliminar o compoñente mercantil e obviar o compoñente humano, asimilando e mesmo equiparando o termo a unha técnica de reprodución asistida. 

O debate que se abriu hoxe tras a nova sobre a “maternidade” de Ana Obregón non é nin moito menos sobre a súa idade, a súa capacidade de maternar nin sobre os motivos que a levaron a viaxar a un país (como son os EUA) para recibir unha crianza froito dun ventre de alugueiro. O debate que se abre hoxe é sobre dereitos reprodutivos, sobre o dereito a ter crianzas e sobre os dereitos mercantiles sobre os corpos das mulleres. 

As defensoras dos ventres de alugueiro falan da liberdade na escolla, o acordo entre mútuas partes como se falásemos de iguais e sobretodo, fan fincapé no dereito a ser nai/pai. O argumento é a liberdade individual. Unha liberdade indiviual que é precisamente a mesma que rexe no libre mercado, que domina os nosos recursos naturais, que pón prezo aos corpos das mulleres, á capacidade de xestar, aos nosos óvulos. É a liberdade individual que rexe o capitalismo, que con capital todo o podes mercar ou vender, incluídas as vidas. 

Non podemos aceptar a venda dos ventres de alugueiro como algo altruísta mais tampouco como algo lexítimo, porque o dereito a ser nai ou pai non existe, non é real e parte só dunha vontade e dun desexo. Un desexo que só podes cumprir se tes certas capacidades económicas. Converter un desexo en dereito, para alén de que é moi perigoso, implica poder vulnerar dereitos doutras persoas que non teñen as mesmas capacidades ca quen precisar dese suposto dereito individual.

 Desde a Marcha Mundial das Mulleres reivindicamos que o mercado non pode regular todo e que os nosos corpos son un límite claro, porque somos nós, as mulleres que vivimos na precariedade quen padecemos estas prácticas neoliberais que ocupan os nosos corpos, que nos poñen como obxecto de mercado e que só benefician os privilexios das clases dominantes. 

O noso corpo nin se vende nin se aluga, as mulleres non somos mercadoría, non somos máis un obxecto co que comerciar!

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram