MACHISTAS FÓRA DAS INSTITUCIÓNS!

O FEMINISMO GALEGO DENUNCIA O COMPORTAMENTO MACHISTA DO GOBERNO NO PP NA XUNTA 

Os colectivos e organizacións feministas asinantes deste manifesto, repudiamos o comportamento de todo o goberno do Partido Popular á fronte da Xunta de Galicia tras coñecer que o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, foi imputado por un delito de agresión sexual. 

En maio de 2024, as organizacións feministas galegas manifestabamos nun comunicado o noso rexeitamento á eliminación da Secretaría Xeral de Igualdade do organigrama do goberno da Xunta, denunciabamos que, a pesar das mostras de fortaleza do feminismo galego nos últimos tempos e do clamor social pola necesidade de políticas decididas cara á superación das discriminacións que historicamente se cometeron coas mulleres, non se albiscaban por parte do goberno da Xunta políticas encamiñadas a este fin.

Todo o contrario, rexeitabamos a separación da abordaxe da violencia de xénero e a igualdade en dous departamentos diferentes, a Dirección Xeral contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, cando para nós a violencia e a desigualdade eran dúas caras da mesma moeda, manifestando que non se podían poñer en práctica medidas efectivas contra a violencia que non ataquen as desigualdades. Non concordabamos con poñer á fronte da Dirección Xeral contra a violencia a un home, aínda que tivese unha experiencia como xurista.

Un ano despois asistimos a un espectáculo mediático protagonizado por cargos de goberno da Xunta, aproveitando a súa situación de poder e control dos medios de comunicación, para apoiar pública e persoalmente a un conselleiro que foi imputado por un delito de agresión sexual contra unha muller.

Desde que se coñeceron os feitos, non houbo unha soa mensaxe pública por parte de ningún membro do goberno, nin do Presidente Alfonso Rueda; nin da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez; nin de Roberto Barba Alverdro, Director Xeral contra a Violencia de Xénero, manifestando tolerancia cero cos agresores sexuais, exixindo xustiza e reparación para a vítima. 

Todo o contrario, no canto de facelo, permitiron e alentaron que o conselleiro utilizase o cargo para convocar os medios de comunicación e puidese espallar impunemente a mensaxe de que foi obxecto dunha denuncia inxustificada e que defendería a súa inocencia sen que houbese nin a máis mínima réplica, saíndo da rolda de prensa entre aplausos e desexos de que se faga xustiza e poidan recuperalo para a vida pública (ou sexa opinando publicamente que estabamos ante unha denuncia falsa dunha muller).

O resto do goberno non emitiu nin unha soa declaración facendo mención á necesidade de denunciar as agresións, de condenar a violencia sexual, nin manifestando o apoio á denunciante, senón agradecendo o xesto da dimisión como algo honorable.

Lembramos as persoas que nos representan no Parlamento Galego, que foron elixidas como tales, que a violencia de xénero non é un asunto privado, senón un problema estrutural e social que require de posicionamentos sen fisuras e de actuacións firmes. Condenamos a actuación do goberno do PP e exiximos que se sitúen no único lugar posíbel: a carón e da man de quen sufre a violencia, e de fronte a quen realiza as agresións. 

Precisamente porque acreditamos en que as institucións teñen que dar exemplo, exiximos a inmediata dimisión das persoas que, desde as súas situacións de poder, avalaron e perpetraron a violencia: o Presidente Alfonso Rueda, a Conselleira de Política Social e Igualdade Fabiola García e o Director Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero Roberto Barba.

Asinamos este manifesto: Marcha Mundial das Mulleres Galiza, Secretaría de Mulleres da CIG, Moradaura, Colectivo Feminista das Mariñas, INXURGA, Colectivo Feminista Deza-Tabeirós, Foro Feminista de Lugo, Secretaria da Muller STEG, Mulleres en Acción da Barbanza, Exeria Mulleres Cristiás Galegas, Arrolos de Teta, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Asociación de Mulleres Area Loura do Val Miñor, Asociación Xornalistas Galegas, Resposta Feminista Vigo, AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores), Plataforma Feminista Galega, Colectivo Feminista da Gudiña, Azos Feministas, Asociación Feminista Polamiuda, Feminismo en pé, Unión de Muchachas, Mulheres Nacionalistas Galegas, O Soño de Lilith, Nós Mesmas, Xiara, Avante LGBT, Mulleres STEG

28S | Aborto libre e garantido na sanidade pública!

O 28 de setembro é o Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro. Desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres revindicamos a necesidade de facer efectiva a interrupción voluntaria do embarazo en Galiza na sanidade pública. 

Hai menos dun mes sinalabamos como as políticas da Xunta de Galiza agravan a saúde das mulleres.  Políticas como a licitación de convenios para a derivación de abortos con clínicas privadas por 1,4 millóns de euros que poderán chegar aos 2,5 millóns. 

Así, o dereito ao aborto seguro e na sanidade pública é aínda hoxe unha conquista pendente en Galiza. A administración pública debe contar con recursos suficientes na rede sanitaria pública galega para facer efectivo este dereito e non favorecer que as IVEs se convirtan nun negocio máis para as clínicas privadas, financiadas cos cartos de todas.

Descarga o manifesto completo aquí

Hoxe saímos ás rúas de Galiza para pedir un aborto libre, seguro e garantido na sanidade pública!

Mobilizacións:

A Coruña, 20h no Materno
Compostela, 19:30h diante do CHUS
Ferrol, 20h diante do Arquitecto Marcide
Lugo, 20h diante do HULA
O Porriño, 20h diante do Centro Médico
Ourense, 20h diante do CHUO
Pontevedra, 20h Hospital Provincial

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram