Comunicado da Marcha Mundial das Mulleres Galiza ante os feitos de abuso sexual que se denuncian contra o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca:
A Marcha Mundial das Mulleres en Galiza quere expresar con absoluta contundencia a súa condena fronte ás graves acusacións de acoso feitas contra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a nosa solidariedade plena coas mulleres denunciantes. Sabemos que non é doado sinalar situacións de violencia machista en estruturas de poder que, demasiadas veces, actúan como barreiras silenciosas.
Ademais, queremos condenar explicitamente as declaracións realizadas por José Tomé ante as acusacións, nas que califica as denuncias como “montaxe” e resta credibilidade ás vítimas. Este tipo de respostas non só revitimizan ás mulleres que deron o paso, senón que reproducen os patróns do machismo institucional.
Ante a gravidade destes feitos:
Exiximos a dimisión inmediata de José Tomé de todas as súas responsabilidades políticas e institucionais. A exemplaridade pública é incompatible con manter no cargo a alguén sobre quen recaen acusacións tan graves.
Demandamos que o PSOE actúe con responsabilidade e sexa exemplar, evitando ratificar que é un partido que só performa feminismo cando lle convén, incapaz de actuar con firmeza cando as violencias machistas aparecen no seu seo. Nestes momentos debe decidir se é unha forza sistémica que antepón a súa autoprotección á defensa das mulleres ou non. É por isto que EXIXIMOS que pidan a dimisión inmediata e se deixen de dilacións e cálculos políticos.
Solicitamos ao PSOE unha investigación interna rigorosa e independente, e exiximos que quen coñecese os feitos e non actuase abandone o partido e os seus cargos, pois o silencio perpetúa a violencia.
Manifestamos que a ausencia dunha denuncia xudicial non invalida a gravidade das acusacións nin debe servir de escusa para a inacción. Os protocolos galegos de violencia machista non condicionan a actuación institucional á existencia de denuncia penal.
Instamos ao resto de organizacións políticas, nomeadamente ao Partido Popular, a non utilizar este caso como arma arroxadiza, tendo en conta os precedentes moi recentes da súa actuación neglixente co Conselleiro Villares. A violencia machista é estrutural e manifesta tamén o seu poder en escenario políticos, partidarios e institucionais.
Denuncias como esta, como a do ex-conselleiro Alfonso Villares ou as doutros cargos socialistas coñecidas estes días, son síntoma dun machismo estrutural profundo que a sociedade galega está obrigada a confrontar.
A violencia machista é algo inherente ás estruturas sociais actuais, pero iso non significa que sexa inevitable. A diferenza está en escoller entre ser valentes ou ficar caladas, entre actuar ou consentir. Debemos estar do lado da valentía, da transparencia e da protección das agredidas. As declaracións públicas de José Tomé e a súa negativa a dimitir representan a opción contraria: a de blindarse, minimizar, negar e manterse no poder custe o que custe. Así como o posicionamiento actual do PSdeG: non exixir responsabilidades, escorrer o vulto e botar balóns fóra.
Expresamos o noso apoio ás mulleres que deron o paso de denunciar. Pedimos máximo respecto á súa confidencialidade e agardamos que non exista calquera filtración ou cuestionamento público destas mulleres.
Esiximos a dimisión de Rafel Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, por apoiar a Luis Rubiales tras a agresión a Jenni Hermoso.
O pasado 20 de agosto o presidente da Federación Española de Fútbol agredía a Jenni Hermoso, xogadora da selección española, na entrega de trofeos da final do Mundial de Fútbol Feminino nun evento televisado e visto por millóns de persoas no planeta. Logo de varios días de sillencio ao ser preguntado pola agresión na homenaxe a Tere Abelleira, Rafael Louzán respostou tirando importancia do sucedido declarando que “Son erros que se cometen na vida, e xa pediu desculpas” en referencia a un video no que Rubiales non só non recoñece ter agredido á futbolista senón que minte indicando que o acto fora consentido.
Horas despóis Luis Rubiales realizaba un discurso incendiario na Asemblea da Federación Española de Fútbol acusando á xogadora de mentir, mentindo ao decir que foi ela quen provocou a agresión e defendendo que non dimite do seu cargo. Ademáis acompañou o discurso misóxino e manipulador de insultos e acusacións ao movemento feminista por respaldar, apoiar e acompañar á futbolista na súa denuncia de agresión.
Tras este ataque a xogadora e movemento feminista Rafael Louzán e a Federación Galega de Fútbol seguen sen posicionarse na defensa da agredida e nunha sanción exemplar a Rubiales e a todos os que apoiaron e apoian o seu comportamento.
Dende a Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres denunciamos a complicidade co machismo por parte do máximo mandatario do futbol galego e da institución que representa e esiximos a súa inmediata dimisión. As futbolistas galegas non poden ter como máximo dirixente a quen apoia e respalda comportamentos machistas, mafiosos e violentos contra as propias xogadoras e contra os colectivos que socialmente defendemos o dereito de todas as mulleres a unha vida sen violencia. Falamos ademáis dunha persoa, Rafael Louzán, inhabilitada por prevaricación para o exercicio do cargo público na operación “Patos” e que na actualidade incumple os propios estatutos da Federación Galega de Fútbol.
O deporte galego, nomeadamente o feminino, merece o apoio social e colectivo na loita contra o machismo, hoxe máis que nunca, cando en todo o mundo o deporte feminino e as mulleres erguen a súa voz contra esta agresión e contra todas as que se veñen producindo. É responsabilidade colectiva apartar non só aos corruptos e aos que agreden senón tamén a quen cala, respalda e disculpa estes comportamentos.
A Coordenadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres promove esta recollida de sinaturas non como algo apenas simbólico mas para recadar forza e apoios sociais co obxetivo de presentar ante a Valedora do Pobo a esixencia de dimisión a Rafael Louzán, polas deportistas e as mulleres galegas que non imos consentir máis violencia nas nosas vidas.
Porque se tocan a unha, tócannos e respostamos todas.
Galiza, 26 de agosto de 2023
Os colectivos e cidadás asinantes apoiamos esta demanda e esiximos a inmediata dimisión de Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fúbtol por apoiar a Luis Rubiales tras a agresión a Jenni Hermoso:
Colectivos
A Coruña Fillos de Breogán Amigas de Exeria ARELAS As punkiereteiras Asociación Cultural Cultura Aberta Asociación Cultural Deportiva e Ecoloxista Trezecatorze Asociación de Escritoras en Lingua Galega Asociación de Movilidad Humana Asociación de traballadoras do fogar e coidados Xiara Asociación Feminista Área Loura Asociación Feminista As Furias Asociación Polamiúda Avante LGBT+ Belesar Dixital Bloque Nacionalista Galego Carballas CASCO VELLO CELTA VIGO Celtarras Coepo Colectivo Berro Seco Colectivo cultural Ollomao Colectivo feminista A Estrada Deza Colectivo feminista As Curandeiras Vimianzo Colectivo Feminista As Pontes Colectivo Republicano de Redondela Colectivo Terra Pontedeume Colectivo TransGaliza Comité Anti-SIDA Ourense Concello de Begonte FS Executiva Confederal da CIG Federación Galega de Ecoloxistas en Acción Feminismo en pé Feminismo Unitario de Vigo Feministas de Catoira “Vikingas bravas” Fende Testas Fruga|Adega Fútbol gaélico feminino GALEGUIZA Galiza Nova Grupo de Traballo de Igualdade de Xénero F. Ciencias da Educación UDC Isca! Levedar Colectivo Feminista Vila de Cruces Marea Feminista de Nigrán Mudega – Mulleres Deportistas Galegas Mulleres en Acción da Barbanza O Refaixo de Carolina O Soño de Lilith Old Faces ORQUIGAL Ouligans Peña Cheka Peña Deportivista De Portosín Peña Deportivista de Uxes Peña Deportivista El Bierzo Peña Deportivista Faluya Peña Deportivista Tío Juan Peña Deportivista Tralla Brava Plataforma Feminista de Lugo Podemos A Coruña Ponteareas en común Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia Siareirxs Granates SonDaRúa UA Drogodependencias Monforte de Lemos Vangarda Obreira
Ponse en marcha unha campaña masiva de reclamacións para evitar unha nova desfeita coa sanidade en Ourense, desta volta pretenden desprazar os bebés prematuros de menos de 30 semanas a Vigo.
Paremos o desmantelamento da Sanidade pública xa!
Compartimos as reclamacións das nosas compañeiras de PETRA Maternidades Feministas:
“Sumamos á difusión dun novo atropelamento na atención sanitaria ás bebés e familias. Unha vez máis a administración sanitaria galega non é quen de dar unha solución que non sexa reorganizar derivando a unidades que están a 100 km como pouco.
Isto tradúcese por exemplo en que se es un bebé que nace prematuramente nun hospital de Ourense serás trasladado a 100 km do domicilio dos teus pais. Todas sabemos o que implica a prematuridade dun bebé no impacto dunha muller. Parécenos inxustificable recurtar nesas unidades. Asumir un desprazamento que pode durar dous meses e que non van permitir a presenza continua da sua nai como pouco.
Exiximos que se antepoñan as suas necesidades nas mesas das tomas de decisións.”
Condeamos a agresión machista acontecida en Vigo, máis un exemplo da violencia estrutural que encadra ás mulleres nos coidados, no traballo no fogar e que as responsabiliza directamente da ausencia dos mesmos.
Esta agresión non é pola “anecdótica” cea, foi porque un home machista e violento así o decidiu. Basta xa de pór o foco na escusa e non na gravidade dos feitos.
Condeamos tamén o trato mediático que reciben estas novas, baseandose nas anécdotas, non empregando os termos adecuados e mudando o foco de onde debe estar.
Nos momentos de profundas crises tamén os corpos e as vidas das mulleres son os primeiros en ser violentados. Podemos ler nesta nova “son situacións dramáticas, hai familias que están vivindo unha traxedia perdendo todo, e neste contexto, onde hai un xerme de violencia, estalla, e onde hai violencia e malos tratos, intensifícase”.
Esta violencia non pode abordarse apenas con medidas legais ou políticas de atención senón que precisan dun enfoque profundo na educación, única vía para enfrontarmos con garantías o fin da violencia machista.
Cando a violencia se converte en espectáculo e visceralidade a raiba non se transforma en acción senón en reacción. O espectáculo mediático ocupa todo o espazo, viralízanse imaxes, consignas, relatos pouco ou nada reflexivos sobre punitivismo… e como guinda a violencia mediática que se desata tras o resto de violencias, nestas tres imaxes.
Custodias compartidas, visitas non tuteladas, patrias potestades… até cando os dereitos dos agresores por diante dos dereitos das crianzas a vivir sen violencia? até cando criminalizar ás mulleres que defenden as súas crianzas do maltratador? até cando xulgados nos que os dereitos do maltratador se colocan por diante de calquera outro? até cando unha xustiza cega á violencia vicaria? até cando a explosión social na traxedia mas a inacción no día a día?
Berremos basta de violencia, e organicémonos para acabar con ela!
Dende PETRA e a Marcha Mundial das Mulleres iniciamos unha campaña para denunciar ante a Valedora do Pobo o recoñecemento dos ventres de alugueiro que se fai baixo o eufeminismo de “xestación por substitución” no formulario da Seguridade Social no que se solicitan os permisos maternos/paternos por nacemento.
Con esta acción queremos denunciar que se normalice unha práctica ilegal por vías indirectas recoñecendo dereitos a través de formularios oficiais que non se ciñen á legalidade vixente. A nosa demanda é que se retire dos formularios a casilla que permite este recoñecemento ao permiso de maternidade/paternidade, que só contribúe ao blanqueamiento ético da trata de seres humanos.
Para sumarte a esta acción comparte e envía o texto a valedor@valedordopobo.gal
TEXTO DA QUEIXA
Eu _______________________________ con DNI __________ e domicilio en ____________________________________ solicito a intervención da Valedora do Pobo ante a Administración da Seguridade Social por recoñecer de maneira encuberta, no formulario de solicitude do permiso de maternidade e paternidade, o nacemento por ventre de alugueiro ou “maternidade subrogada”, baixo o eufemismo “xestación por substitución”.
No devandito formulario, achegado na presente queixa, inclúese a casilla de “xestación por substitución” no epígrafe 2, xunto á casilla de nacemento, e en epígrafes posteriores, quedando así normalizada e branqueada unha práctica prohibida no noso país. Desta maneira, mediante un acto administrativo por parte da Seguridade Social recoñécese e estende o dereito a un permiso de maternidade e paternidade retribuído con fondos públicos a persoas que cometeron un acto ilegal, conscientes ademais diso. Engadir a opción “xestación por substitución” neste formulario equivale a asimilala como alternativa perfectamente lexítima para calquera que se descargue e encha esta solicitude de agora en adiante, e para estas mesmas persoas que despois de recorrer a artimañas legais para rexistrar a bebés nados por ventre de alugueiro, ven como á fin e ao cabo, a Seguridade Social recoñécelles o dereito a este permiso retribuído.
É por isto que solicito que se retire dos formularios a casilla que permite este recoñecemento ao permiso de maternidade/paternidade, que só contribúe ao blanqueamiento ético da trata de seres humanos. A mal chamada “xestación por substitución” ou “maternidade subrogada” implica a explotación reprodutiva de mulleres ás que se manipula con mala praxes psicolóxicas para convencelas de que as criaturas que xestan non son súas porque o óvulo é doutra, para forzalas a ” desapegarse emocionalmente”, coma se isto fose posible e non as prexudicase a elas e ás súas criaturas. Implica tamén a separación violenta destes bebés das súas nais nada máis nacer, a maioría mediante cesárea, para ser entregados a persoas que cren que porque levan a súa carga xenética, (e tampouco sempre é así), e porque pagan por iso, teñen dereito a consideralos os seus fillos e fillas por encima do da nai xestante; persoas que, ademais, non pasan por ningunha avaliación antes de que esas criaturas, coas que non hai ningún vínculo emocional previo, tan só un desexo, sexanlles entregadas. As clínicas e as persoas que obteñen beneficios millonarios dedicándose a explotar mulleres e bebés como produtos de mercado, menten e manipulan a estas mulleres e aos seus potenciais clientes, vendéndolles a idea de que o útero dunha muller, a falta dun útero artificial, é un órgano independente do resto do corpo, coma se só fose un forno para crear bebés para calquera que poña o seu embrión alí. Estas campañas de márketing fraudulentas por parte destas clínicas son a clave para branquear e aceptar como válida a substracción de recén nados ás súas nais no imaxinario común, pechando os ollos á realidade de que somos mamíferas, e non ovíparas, por tanto o proceso de xestar, parir e aleitar é o que define á nai biolóxica como tal. O empeño en anular este feito, de maneira cruel e inútil, supón provocar unha ferida primal a estas criaturas ao separalas da súa nai, e a estas, ao non volver ver á súa cría. Trátase pois, de adopcións de deseño: persoas planificadas e deseñadas en laboratorio para ser adoptadas por encargo.
Considero que as autoridades políticas e xurídicas deste país están a permitir, facilitando e contribuíndo á normalización desta práctica ao non impedir o rexistro destes bebés no Rexistro Civil, e ao non perseguir nin penalizar legalmente estes actos, sexa ás axencias, sexa a quen contrata os seus servizos. Recoñecer o dereito a un permiso de maternidade/paternidade retribuído con fondos públicos a persoas que recorreron á explotación reprodutiva dos corpos das mulleres, levándose aos bebés desas nais xestantes, equivale a lexitimar estes feitos baixo a escusa de “protección do menor”, menor cuxos dereitos humanos non se tiveron en conta previamente, debido a que se segue permitindo a súa filiación e aceptando as sentenzas xudiciais de países onde se acepta como válida a renuncia dunha muller, que foi manipulada psicolóxicamente para vender ao seu bebé, a facerse cargo do seu fillo/a, e, por tanto, non se pon fin de facto a esta práctica, pois as trabas burocráticas necesarias para que pareza que se fai algo por evitalo en realidade só contribúen á romantización de historias de maternidades e paternidades de “pais comitentes ou de intención” que teñen que salvar obstáculos pero que culminan no éxito, e co premio dun permiso por nacemento retribuído con fondos públicos por parte da Seguridade Social, usando o mesmo formulario que o resto de nais e pais que non recorreron a estas prácticas, poñendo ao mesmo nivel ético e legal todos os nacementos.
Dado que esta práctica segue adiante, polo exposto anteriormente, e estas criaturas necesitan un coidador ou coidadora, sei que se argumentará que unha vez recoñecida a filiación no Rexistro Civil, pódese solicitar un permiso por nacemento, e é por isto que esixo que os trámites para a obtención deste permiso de maternidade/paternidade fáganse por outra vía, en todo caso sen o recoñecemento para recibir unha retribución por parte do estado, e non como opción neste formulario en cuestión, engadindo a casa de “xestación por substitución”, detrás da cal se esconde a vulneración de dereitos humanos fundamentais.
Solicito tamén ter coñecemento das accións que se levaron ata a data por parte das administracións públicas para perseguir e penalizar ás axencias, clínicas e comerciais que venden os seus servizos de explotación reprodutiva en España, mediante campañas de publicidade en calquera medio, eventos comerciais, e tamén mediante as campañas de promoción encubertas orquestradas polos medios de comunicación que se posicionan a favor de trata de bebés exhibindo contidos onde tan só aparece a versión de quen se beneficia destas prácticas, ocultando calquera información sobre a realidade económica, política e social dos países onde se permite explotar a mulleres e substraer bebés, sobre como levan a cabo os partos, sobre os datos e feitos científicos relacionados coa psicoloxía e saúde perinatal, sobre as consecuencias a longo prazo para as persoas nadas por ventre de alugueiro e as nais que os xestaron e pariron, e sobre as clínicas que se lucran con mala praxe, manipulando as emocións de todas as persoas involucradas, incluídos os clientes, e vulnerando dereitos humanos fundamentais ao converter ás persoas en produtos de fábrica e comercialización.
Partillamos con vos a declaración de Mulleres Cristiás Galegas sobre as recentes manifestacións machistas da Igrexa na Galiza:
Entranas de misericordia
Dirixímonos á Igrexa galega, e nomeadamente ao seu arcebispo e bispos, a raíz das declaracións de Francisco Rafael Gómez Canoura, párroco de Zas, para chamar a súa atención sobre o que nos está a preocupar na nosa Igrexa.
O obxecto deste documento é censurar unhas palabras que atentan contra os Dereitos Humanos, escritas por unha persoa concreta que se cre co dereito a podelas dicir, pero tamén denunciar o contexto eclesial que o permite e non toma medidas enérxicas para erradicar este comportamento.
No noso horizonte está a procura dunha mellor Igrexa Galega. Non entendemos a permisividade por parte da autoridade eclesiástica respecto dun crego que hai pouco rematou o seu período de formación no seminario, un crego que a día de hoxe segue celebrando e predicando nas “súas” parroquias. E entendémola aínda menos cando o comparamos coa dureza coa que se tratan outras declaracións e situacións que non atentan contra os Dereitos Humanos como esta, e nas que non se dubida en pechar a boca ou condenar a persoas e asociacións.
Vemos unha grande distorsión respecto do tratamento das diferentes polémicas que se suscitan no seo da nosa Igrexa e isto lévanos a facer a seguinte reflexión que ten como obxectivo denunciar as actitudes que máis nos interpelan como mulleres, como cristiás e como galegas facendo propostas construtivas que nos axuden a avanzar.
Como mulleres, estamos a sentir en certos sectores da nosa Igrexa un aumento da hostilidade cara nós e cara a causa feminista, que non é outra que a igualdade de todos os fillos e fillas de Deus.
Levamos moito tempo reflexionando sobre esta cuestión, como ben poñen de manifesto o documento Nós, as mulleres na Igrexa, de novembro de 2010 e A violencia de xénero violencia contra as mulleres, de novembro de 2012 e que poden consultar na nosa web www.exeria.org.
Constatamos con tristeza o medo e receo que determinados sectores da Igrexa nos seguen tendo a nós, as mulleres, as súas irmás, medo e receo que se manifesta en actitudes de rexeitamento cando non aberta misoxinia. Cremos que pode ser debido a que a formación dos futuros sacerdotes está demasiado nesgada cara o masculino. Os cregos deben coñecer o que pensamos ás mulleres para aprender a valorar os noso aportes á vida eclesial. Nótase moito a falla de presenza feminina na formación dos sacerdotes. Na nosa Igrexa contamos con mulleres ben preparadas, algunhas doutoras en teoloxía, outras amplamente formadas en acompañamento espiritual: mulleres que dirixen exercicios espirituais e imparten clases de teoloxía que deberían estar formando aos noso futuros sacerdotes. Non se pode apreciar o que non se coñece.
Como cristiás, vemos con preocupación como a Igrexa se está convertendo no tobo onde se agochan certos sectores de opinión nos que campan persoas que se negan a ter entranas de misericordia, que viven permanentemente en contra de todo o que de bo e xeneroso vai tendo a sociedade nos seus cambios. A Igrexa é o corpo místico de Cristo, signo e sacramento de salvación, pegada de Deus no mundo. No nome de Deus, que fixo o ceo e a terra, do seu fillo Xesucristo, nacido de muller, e do Espírito que alenta a Igrexa non nos podemos permitir ser a institución na que se refuxien o odio, a intolerancia, a inxustiza, a cobiza e o desamor.
Notamos tamén o pouco protagonismo que se lle dá a laicos e laicas, o pouco que se segue apostando por formar un Pobo de Deus adulto na fe. Estamos vendo como cada día as persoas laicas somos relegadas, infantilizadas ou directamente excluídas da acción pastoral, unha acción pastoral á que se nos convoca para elaborar documentos que logo son desactivados e esquecidos nos caixóns dos despachos. Sucedeu co concilio pastoral de Galicia e está a pasar coas conclusións dos Sínodos nas nosas igrexas locais. Sentimos que se nos convoca a participar, pero realmente non se nos escoita.
Como galegas, sentimos a dor da terra ao ver a pouca altura humana de certos sectores da xerarquía da nosa Igrexa, o escaso aprecio que lle teñen á cultura galega, como se resisten a utilizar o galego e como mesmo o desprezan. Notamos actitudes máis próximas á prepotencia que ao sentido eclesial e comunitario. Necesitamos un clero sen medo a dialogar coa comunidade eclesial e coa cultura galega, que saiba respectar as diferentes opcións das persoas, que sexan animadores de auténtica e fonda eclesialidade.
Queremos pedir a toda a Igrexa galega e nomeadamente aos seus pastores: cregos, bispos e arcebispo que renoven e os seus esforzos na formación actualizada dos novos sacerdotes, que os preparen para non ter medo de nós, as mulleres, nin do mundo plural no que viven, para que saiban dar pasos seguros e decididos pola eclesialidade, camiñando cara a formación de comunidades vivas e adultas, responsables na súa fe, sen medo ás diferenzas, acolledoras e misericordiosas, en diálogo coa cultura galega, que sexan semente do Reino de Deus na nosa terra e o mundo.
É tempo de Nadal, ogallá o neno que nace en Belén o faga tamén nos corazóns de todas as persoas.
Ogallá os nosos corazóns de pedra se converten en entranas de misericordia para poder seguir avanzando na eclesialidade, a xustiza e a paz.
Asoc. Mulleres Cristiás Galegas Exeria. Festa das Santas Inocentes. Nadal 2019.
ASOCIACIÓNS, PARTIDOS E SINDICATOS PIDEN O PECHE DO NOVO SERVIZO PÚBLICO DE MEDIACIÓN E COORDINACIÓN PARENTAL CREADO POLA ASOCIACIÓN DE PAIS DIVORCIADOS DE GALIZA.
Este luns 2 de decembro, 29 entidades dirixíronse á Consellería de Política Social para pedir o peche do novo Servizo de Apoio Familiar Integral e multidisciplinar (SAFIM) que vén de crear a Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia. O centro, que se anuncia como público créase co apoio financiero da Xunta de Galicia e coa colaboración da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela e do Grupo de investigación en Psicoloxía Xurídica da Universidade de Vigo.
Entre as entidades asinantes do comunicado atópanse asociación de dereitos da infancia e de loita contra a violencia de xénero, colexios profesionais, sindicatos e os partidos da oposición no Parlamento de Galicia.
O documento fai fincapé no risco de entregar un servizo de mediación e coordinación de parentalidade a un colectivo integrado por persoas afectadas por divorcios, especialmente naqueles aspectos que afectan a nenos, nenas e adolescentes. Subliña a necesidade dunha total imparcialidade no desenvolvemento deste tipo de tarefas.O texto conclúe lembrando que os procedementos de mediación son útiles só cando se accede a eles de forma voluntaria e que non se poden aplicar nunca en situacións nas que existan indicios de violencia. O coordinador de parentalidade é unha figura que foi proposta para ser levada a debate en xaneiro deste ano no Parlamento de Galiza.
A proposta foi retirada debido á resposta contundente de colectivos, expertos-as e partidos políticos contra esta figura de corte misóxino que parte da negación da problemática da violencia de xénero.