A XUNTA AGRAVA A SAÚDE SEXUAL E REPRODUTIVA DAS MULLERES AO DERIVAR ABORTOS Á SANIDADE PRIVADA

A Marcha Mundial das Mulleres advirte de que a Xunta agrava a saúde sexual e reprodutiva ao derivar a interrupción de embarazos á sanidade privada, ante a información da licitación de convenios con clínicas privadas por 1,4 millóns de euros.

A interrupción voluntaria do embarazo é un dereito que ten que poder exercerse con garantías de saúde integral para as mulleres e non concibirse como un negocio para as clínicas privadas. A administración pública debe contar con recursos suficientes na rede sanitaria pública galega para facer efectivo este dereito.

A consideración das autoridades sanitarias da interrupción do embarazo como un procedemento menor, sen riscos, implica un claro menosprezo da nosa saúde e impón un castigo ás mulleres que deciden abortar ao seren expulsadas do sistema público de saúde.

Os concertos con clínicas privadas obrigan moitas veces as mulleres e térense que desprazar fóra da súa área sanitaria, tendo que dispor dun medio de transporte axeitado  e co conseguinte risco após unha intervención destas características. 

A obxección de conciencia do persoal sanitario non pode ser motivo para que na rede pública non se conte con persoal suficiente para garantir as intervención. Unha boa forma de paliar este problema sería destinar os recursos dos convenios coa privada a aumentar os recursos públicos.

As mulleres galegas  seguimos a reclamar  aborto libre, gratuíto e na seguridade social para todas  e demandamos que a Xunta de Galiza asuma as súas competencias e garanta: 

– Educación afectivo sexual obrigatoria no currículo escolar.  

– Programas de divulgación e información sobre dereitos sexuais e reprodutivos a través dos CIM, que deben incrementarse en número e recursos para poder atender as demandas do conxunto do país. Os dereitos sexuais e reprodutivos débense abordar como unha liña de traballo específica con persoal capacitado. 

– Os centros  Quérote +, residuais  e desnaturalizados após a chegada do PP ao Goberno da Xunta deben recuperar as funcións da educación sexual e reprodutiva, a identidade afectivo sexual e o acceso a anticonceptivos. 

YouTube
YouTube
Set Youtube Channel ID
Instagram
Telegram