Resolucións do Encontro Aberto celebrado na Estrada en novembro de 2021

1. Cómpre pór freo á instrumentalización do feminismo por parte dos partidos políticos, nomeadamente do PSOE, a través dun feminismo institucional que se apropia das nosas reivindicacións para marcar a súa propia axenda.

2. Defendemos un feminismo incómodo e combativo que se ben pode colaborar puntualmente con algunha institución en cuestións concretas, manteña sempre unha posición independente e autónoma que permita facer as críticas pertinentes. As subvencións e colaboracións económicas non poden entenderse por parte das administracións como mecanismos para apagar a crítica.

3. Todas as nosas convocatorias deben ser un espazo seguro para as compañeiras trans. O posicionamento da Marcha Mundial das Mulleres é claro e inamovíbel e non cabe debate, o noso feminismo é un feminismo construído tamén por mulleres trans. Todas debemos ser coherentes con esta posición colectiva e asumir como propios os posicionamentos da Marcha Mundial das Mulleres a nivel nacional e Internacional.

4. Apostamos por reforzar os nosos eixos de traballo e os nosos principios ideolóxicos (feminismo, anticapitalismo, antiracismo, antiimperialismo) como base para a construción do noso feminismo.

5. Cómpre reforzar a formación feminista non só a nivel teórico senón tamén na nosa práctica política diaria apostando polo asemblearismo, a horizontalidade e os espazos de escoita e debate como marcos de traballo colectivo.

6. Defendemos a necesidade de manter o protocolo galego de respostas ante os feminicidios e non ceder ás urxencias mediáticas que procuran respostas inmediatas. A nosa aposta de transformación é de longo percorrido e precisamos construír respostas útiles non só viscerais. Recoñecendo a dificuldade ante os casos máis mediáticos e a demanda de resposta apostamos por un feminismo que non só dé resposta senón que constrúa un axenda propia.

7. Entendemos que é preciso pasar a unha fase de construción feminista que interpele ás estruturas do poder patriarcal logo de estos anos de acumulación de forzas. Poremos especial foco nos xulgados, concellos, sistema de saúde, ensinanza… Coa fin de que o feminismo sexa un suxeiro político que interpele, vixíe , sinale e dé respostas concretas en tódolos eidos da vida. Precisamos mudanzas reais no día a día da vida das mulleres.

8. Cómpre tecer espazos de encontro a nível local colectivizando o traballo e atopando puntos de encontro, respecto e coidados, dende o amor e a construción e non dende a confrontación. Conscientes de que existen diverxencias construír axendas propias e respeitar ás das outras debe ser parte da nosa construción política.

9. Defendemos a necesidade de que o espazo de encontro que é Galegas 8M para o feminismo galego se oriente cara un feminismo combativo de acción en torno desa data, profundizando na loita polos dereitos das mulleres galegas traballadoras.

10. En relación á folga de mulleres do 8M de 2022, tras analizar o desenvolvemento destas en 2021, 2020, 2019 e o paro de 2018 pensamos que o desenvolvemento das xornadas do 8M non responden ás dinámicas dunha folga senón a unha xornada de mobilizacións. Entendemos que cómpre deseñar estratexias máis útiles e eficaces de aquí en diante

Até que todas sexamos libres!

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram