Comunicado de Feministas Galegas (6 de marzo de 2012)

Ao escoitarmos 8 de marzo, evocamos unha historia na que máis de cen mulleres arderon en Nova Iorque dentro dunha fábrica téxtil onde as traballadoras estaban encerradas para protestar polas súas condicións laborais.

Sabemos do conmovedor deste relato mais tamén sabemos que o Día Internacional das Mulleres non nace aí, e que hai outro relato que a Historia se resiste a amosar: a marcha de milleiros de traballadoras soviéticas que saíron a rúa un 8 de marzo e emprenderon un camiño colectivo en busca de pan para as súas familias. Elas eran as sustentadoras do tecido social dun país que estalou a raíz desas marchas: elas, as fiadeiras da revolución. Detrás desta historia, agóchase un interese do patriarcado por ocultar unha revolución proletaria e protagonizada por mulleres.

Hai xa case 100 anos desta andaina mais aínda hoxe os poderes capitalistas que nos gobernan seguen a se inxerir nas nosas vidas, nos nosos corpos, nos nosos espazos e nas nosas loitas. Por iso o 8 de marzo segue a ter valor e segue a ser preciso, porque vivimos nun mundo patriarcal onde nos foi roubado até o recoñecemento da nosa forza transformadora.

Por iso onte, hoxe e sempre estaremos aquí, en pé de guerra, para loitar polo que é noso aínda que os estados capitalistas e heteropatriarcais se empeñen en nos negar.

A nosa voz é a do compromiso firme para coas nosas compañeiras de camiño: as meigas, as guerrilleiras, as tecedoras de noites sen tregua, as mariscadoras, as conserveiras, as labregas, as traballadoras do fogar, as redeiras, as que migran, as que alimentan os nosos corpos, as que os subverten, as que pelexan cada día nas estruturas patriarcais, as que se empeñan en pór a linguaxe en feminino, as que fan pan e recollen os acios, as creadoras deste noso País.

Grazas a elas estamos aquí hoxe, e mentres os nosos dereitos sigan a ser negados, aquí seguiremos. De aí a necesidade desta campaña, dunha reivindicación feminista e colectiva para denunciar a escalada de precariedade á que nos están sometendo os diferentes poderes, cuxa máxima expresión reside na aprobación dunha reforma que lexitima o empresariado a dedicir e dispoñer sen cortapisas sobre as nosas condicións laborais, afondando na desigualdade e impedindo o goce dunha vida digna, plena e autónoma.

Increméntase así a nosa explotación, xa que sobre nós seguen a recaer as tarefas do fogar e de coidado de menores, maiores e persoas en situación de dependencia. Traballo invisible que non conta con remuneración nin recoñecemento social algún, imposto pola desigual asignación de roles entre homes e mulleres e que esta crise non fai senón acentuar. Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias. E agora, unha nova ofensiva patriarcal por parte dos sindicatos españolistas, brazos políticos dos partidos que en ningún caso nos representan e que deciden invisibilizar o noso traballo roubándonos o dereito das mulleres a expresar as nosas reivindicacións e revalorizar as nosas loitas.

Os sindicatos, que teñen a responsabilidade social de loitar pola xustiza social e a igualdade, non fixeron máis que afondar durante anos na división sexual do traballo, perpetuando o patriarcado dos sistemas que nos gobernan.

As compañeiras que loitan dentro dos sindicatos ben sexa como traballadoras, ben como afiliadas, ben como representantes, levan ás súas costas o inmenso labor de tentar día a día quebrar as estruturas patriarcais sobre as que se cimentan estes organismos. Moitas delas están nesta campaña pelexando polos nosos dereitos, os dereitos de todas as mulleres galegas, construíndo desde a base un camiñar feminista.

Cal é o papel dos sindicatos que decidiron non sumarse a esta campaña? Que lexitimidade teñen as reivindicacións das mulleres dentro das súas organizacións? Como é de prioritaria a loita das mulleres nestas súas estruturas? A historia se repite, e a desvalorización golpea de novo.

Desde a organización da campaña nacional do 8 de marzo, queremos amosar a nosa repulsa ás mobilizacións que desde os sindicatos españolistas CC.OO. e UGT se están a convocar para os días 8 e 11 de marzo, invisibilizando con elas o traballo que as mulleres galegas estamos a facer e apropiándose máis unha vez dos nosos espazos e das nosas loitas para facelas súas, nun claro intento de lavar as súas facianas e agochar os seus verdadeiros intereses como brazos dos partidos políticos aos que serven.

Xa que logo, esiximos que nos devolvan o roubado! E lembramos a sociedade galega que desde o mes de novembro diferentes colectivos arrancamos unha campaña por todo o País na que están enmarcadas case medio centenar de actividades en diferentes localidades e comarcas. Estas abarcaron desde palestras, colóquios, accións de rúa e obradoiros até actividades lúdico-festivas como a leitura de poemas, contos e pasarúas, que van a ter como punto central a realización dunha manifestación o vindeiro domingo 11 de marzo.

Convidámosvos pois a participar activamente nesta campaña e a asistir ámanifestación nacional do próximo domingo que sairá ás 12 horas da estación de tren de Compostela.

A loita obreira será feminista ou non será!
Viva a loita feminista!
Viva a loita das mulleres!

Este 8 de Marzo todas á rúa!

Este 8 de Marzo sae á rúa con nós! Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!

Manifestacións/Concentracións/Actividades do 8 de Marzo:

Santiago de Compostela
20.00h Praza do Toural

Ourense
19:00h Rúa do Paseo

Vigo
20.00h Praza de Portugal

Ferrolterra
20.00h Cantón de Molíns

A Coruña
20.00h Praza de Ourense

Hai moitos motivos para saír á rúa! [ Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres ]

Que está pasando?

A estafa que chaman crise económica, xunto a gobernos que lexislan contra os dereitos acadados polas mulleres afianzan o machismo e a desigualdade.

O mundo que temos

-Os recortes sociais, as reformas laborais e das pensións, a privatización dos servizos públicos afondan na situación de desigualdade que ocupan as mulleres no mundo laboral e na sociedade en xeral.

-Converten outra vez o aborto nun delito, restrinxen o aceso a anticonceptivos como a “píldora do día despois”, eliminan os tímidos avances en educación como foi a implantación da asignatura “Educación para a cidadanía”, son as lindes que os gobernos do PP queren poñer á nosa liberdade e aos nosos dereitos.

-Os avances en políticas de igualdade dos últimos anos están sendo demolidos. Desaparecen o Servizo Galego de Igualdade, os Centros de Información á Muller… Aínda que a violencia machista segue matando, redúcense os orzamentos e servizos de atención ás vítimas.

-A privatización, eliminación e encarecemento de servizos públicos como escolas infantís, comedores escolares imposibilitan a conciliación da vida laboral e familiar.

-Xornadas laboráis prolongadas; longas e infrutuosas búsquedas de emprego, recorte asistencial a depencencias… Están recluíndo forzosamente ás mulleres no espazo doméstico con perda de independenza económica e dereito a prestacións.

-Empodérase á lerarquía católica e organización integristas como ProVida ou Red Madre, promulgando a lei malchamada de Apoio á Familia e a Convivencia, e trátasenos ás mulleres como cidadás sen plenos dereitos.

-Acentúanse os movementos migratorios entre as mulleres. As que veñen atópanse con dereitos recortados, e as que están, sobre todo mulleres mozas, vense obrigadas a emigrar para conseguilos noutros países.

-Hai avances que non se consolidan, como o das labregas ao aceso á cotitularidade da explotacións, e outros que se aplican sen ter en conta as singularidades das mulleres afectadas como é o caso da nova regulación do servizo doméstico.

O mundo que queremos

– Esiximos: Respeto polos nosos dereitos sexuais e reproductivos. O dereito ao control dos nosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública

-Esiximos: o dereito a unha atención especializada á saúde das mulleres na sanidade pública, que sexa gratuíta e de carácter universal.

– Esiximos: servizos públicos e medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tanto aos homes como ás mulleres.

-Esiximos: accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, a precariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación. Creación de emprego público.

– Esiximos: manter, mellorar e ampliar os servizos públicos que dean cobertura ás necesidades de coidados de familiares e persoas a cargo. Dereitos reais para as empregadas domésticas.

– Esiximos: políticas integrais para a eliminación da violencia machista, con recursos públicos suficientes. Acabar co tráfico de persoas.

– Esiximos: Ensino público, gratuito, non sexista, igualitario e de calidade, que garanta unha educación nos valores da igualdade, da paz, da xustiza e da solidariedade. Dereito á coeducación.

– Esiximos: prestacións sociais e pensións dignas para todas. Acción positiva para evitar as desigualdades na cuantía derivadas de situacións de discriminación no momento da cotización.

– Esiximos: políticas laborais , agrarias, alimentarias, fiscais e sociais en función das necesidades da cidadanía, que frenen a emigración da mocidade con accións positivas que poñan fin á discriminación das mulleres.

Rebelémonos polos nosos dereitos!

As compañeiras de Vigo cantan para reivindicar este 8 de Marzo:

Os traballos das mulleres
son moitos e gratuitos
e cando temos un choio
o soldo é ben pequeniño

Ai o patriarcado o que nos deixou
violencia, machismo e subordinación
ai o patriarcado ten que rematar
se loitamos xuntas o imos lograr

Vou eu, vas ti, vai ela
loitar é o que nos queda
vou eu, vas tí, vai ela
loitar é o que nos queda

O noso esforzo
e a nosa unión
e ó que único que queda
para parar a reaçión

Vou eu, vas ti, vai ela,
loitar é o que nos queda
vou eu, vas ti, vai ela
loitar é o que nos queda

oh señora Ana señora Maria
eu estou parada sen cobrar nadiña
a señora ana e a filla tamén
non teñen nadiña traballando arreu

Vou eu, vas ti, vai ela
loitar é o que nos queda
vou eu, vas tí, vai ela
loitar é o que nos queda

Anubía e anubía
e anque anubía non chove
a banca di que está en crise
anque está en crise non morre

Ai o patriarcado o que nos deixou
violencia, machismo e subordinación
ai o patriarcado ten que rematar
se loitamos xuntas o imos lograr

A Campaña do 8 de Marzo tamén na rede

Durantes estes días e de cara á mobilización do 11 de Marzo empregaremos os hastags #mulleresgalegasenloita #GZfeminista tanto en FB como en Twitter para tomar as redes sociais, queu tamén son as nosas ferramentas feministas.

Convidamosvos a todas a acompañarnos tamén nas redes a través destas ‘etiquetas’.

Camiñando cara o 8 de Marzo

cartaz_8marzo.gif

Despóis da posta en marcha da campaña polo 8 de Marzo ‘Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos’ están en marcha as actividades/actos locais cos que as feministas galegas preparamos este ano a reivindicación no noso día internacional. Convocatorias de charlas, accións de rúa, mobilizacións, encontros de mulleres, debates e todo tipo de espazos comúns teñen lugar estes días nos que, xuntas, camiñamos cara o 8 de Marzo.

Estes actos teñen lugar baixo un lema común e un manifesto conxunto elaborado coas exixencias ante a situación que estamos a vivir.

cartaz_8marzo.gif

Descarga o manifesto:

[ Manifesto en AGAL ]

[ Manifesto en ILG ]

MULLERES GALEGAS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS!

rolda de prensa 8m 1.jpg

Hoxe tivo lugar a Rolda de Prensa na que apresentamos a campaña conxunta para este 8 de Marzo, nela, compañeiras de varios colectivos explicaron a necesidade da mobilización social nestos momentos para loita contra os recortes de dereitos que estamos a sufrir, especialmente duro no caso das mulleres.

rolda de prensa 8m 1.jpg

rolda de prensa 8m.jpg

Este é o manifesto da Campaña:

MULLERES GALEGAS EN LOITA POLOS NOSOS DEREITOS!

 

Neste contexto de crise capitalista, todos os gobernos nos lanzan a mesma mensaxe: fannos responsables dela e demándannos austeridade, sacrificio e resignación, en canto destinan axudas millonarias para garantir os intereses e privilexios da banca, grandes empresas e fortunas, monarquía, exército ou igrexa católica.

Dísenos que non hai cartos para a sanidade e o ensino públicos, que o sistema de pensións é insostible, que é preciso seguir reformando o mercado de traballo, mentres privatizan os bens máis básicos como a auga. Dinnos que non hai cartos, para nós! Dinnos que non hai recursos, para nós! Dinnos que hai que baixar salarios e pensións, os nosos… Xa está ben!

Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, mulleres galegas de diferentes colectivos queremos denunciar a precariedade histórica á que estivemos sometidas polo sistema capitalista, baseado en que os esforzos sempre recaen sobre a mesma parcela da sociedade: a clase traballadora e os sectores populares. O suposto plan de actuacións contra a crise responde a motivos ideolóxico-políticos moito máis que a fundamentos económicos e, no caso das mulleres, as políticas de axuste están a ter un efecto perverso sobre as nosas condicións de vida e un retroceso de lustros nos dereitos que mediante anos de loita feminista acadamos.

A actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas. Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo Galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivo-sexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seupunto de partida na retrógrada Lei da Familia. Dita normativa só pretende instaurar o control alleo sobre o noso corpo e sexualidade, volvendo a situar ás mulleres na esfera doméstica.

Paralelamente, estamos a soportar unha vertixinosa escalada da precariedade laboral, que se expresa nunha cada vez maior temporalidade, no aumento da contratación a tempo parcial e en salarios insuficientes que impiden o goce dunha vida digna, plena e autónoma. Esta situación, que afecta a toda a sociedade, ten unha meirande repercusión nas mulleres debido aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións.

Se falamos das mulleres labregas hai que engadir as dificultades para acceder á titularidade das explotacións aínda hoxe e, no caso das mulleres migrantes e das empregadas do fogar, a situación agrávase, posto que á inseguridade laboral hai que sumarlle a xurídica.

Increméntase a explotación xa que sobre nós seguen a recaer as tarefas do fogar e de coidado de menores, maiores e persoas en situación de dependencia. Traballo invisible que non conta con remuneración nin recoñecemento social algún, imposto pola desigual asignación de rolesentre homes e mulleres e que esta crise non fai senón acentuar.

Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflexa en que sexamos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas foron as que traballaban pola igualdade, información e protección ás mulleres.Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renunciangarantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máisextrema: máis de 70 mulleres son asasinadas só no estado español cada ano.

Como é posible que, nesta realidade, se eliminen as políticas de igualdade e educaciónsexual?

Por todo isto, neste 8 de marzo, as mulleres feministas galegas en loita polos nososdereitos, ESIXIMOS:

– Medidas concretas e recursos públicos en todos os ámbitos para erradicar aviolencia machista (educativos, sanitarios, de información e de protección).

– Sanidade pública, universal e gratuíta de calidade, con atención especializada ásaúde das mulleres.

– Ensino público, gratuíto, non sexista, laico, de calidade e en galego.

– Prestacións sociais e pensións dignas. Establecer medidas de acción positivapara evitar as desigualdades no acceso e na contía das pensións, derivadas desituacións de discriminación.

– Medidas para equiparar os dereitos laborais e de protección social dastraballadoras do servizo doméstico cos demais réximes.

– Medidas que faciliten a regularización das persoas migrantes residentes e quegarantan a plena igualdade de dereitos co conxunto da poboación galega.

– Accións dirixidas a eliminar as desigualdades salariais, a temporalidade, aprecariedade dos traballos feminizados e a sobreexplotación das mulleres.

– Aplicación da Lei de titularidade compartida nas explotacións agrarias.

– Unha política laboral, agraria, alimentaria, fiscal e social en función dasnecesidades da cidadanía, que estableza medidas de acción positiva para poñerfin á discriminación das mulleres e que poña freo á emigración da mocidadegalega.- Servizos sociais públicos de calidade que dean cobertura ás necesidades decoidado de familiares e persoas a cargo.

– Medidas que permitan compatibilizar a vida persoal, familiar e laboral, tantoaos homes coma ás mulleres.

– Medidas urxentes para a creación e a estabilidade do emprego. Implantaciónde medidas dirixidas a eliminar a discriminación salarial das mulleres.

– Medidas que garantan unha vida plena para as persoas con diversidadefuncional.

– Dereito a gozarmos a nosa sexualidade, sexa cal for a nosa orientación sexual ea desenvolver un proxecto de vida en liberade e equidade.

– Respecto aos nosos dereitos sexuais e reprodutivos, que inclúe o control dosnosos corpos, garantindo o dereito ao aborto gratuíto na sanidade pública.

Domingo 11 de Marzo, sae á rúa connosco para berrar polos nosos dereitos!Participa na mobilización que sairá ás 12 horas da estación de tren de Compostela!

 

Convocatoria Abera en Ourense de cara á Campaña do 8 de Marzo

logo-marcha.jpg

Ourense, 7 de febreiro de 2012

logo-marcha.jpg

En Loita polos nosos dereitos!

O colapso do sistema ecómico a nivel mundial e as políticas regresivas aplicadas na Unión Europea e o Estado Español están a provocar un terríbel impacto nun número cada vez maior de persoas do noso entorno. Este impacto no económico, no emprego, na sanidade, na escasa protección social e nos servizos públicos, entre outros, trae como consecuencia graves recortes para os dereitos da cidadanía e un grave empeoramento nas condicións de vida: desemprego, emprego a tempo parcial, temporalidade, perda de ingresos importante nos fogares familiares, copago da xustiza, recortes na educación, nos comedores públicos, na privatización das garderías, nos servizos sociais, na sanidade, no aumento de migracións e de mulleres e homes en risco de exclusión social.

Esta situación é máis grave no caso das mulleres pois ao impacto sobre os servizos súmanse todos os retrocesos en materia de conciliación, dereitos reprodutivos, combate da violencia machista, ou en traballos como o doméstico e de coidados non remunerados que son maioritariamente brindados polas mulleres á familia e á comunidade. O Partido Popular está a aproveitar a situación económica para desmantelar os avances acadados nestes anos: desmantelamento das secretarías da muller, redución das subvencións destinadas aos CIM (agora para grupos pro-vida), redución de orzamentos adicados a políticas de igualdade e o que demostra o ataque a todo o que ten que ver cos dereitos das mulleres: devolver o aborto ao código penal a través dos supostos de despenalización de 1985.

Fronte a isto as feministas galegas queremos facer un chamamento á mobilización na campaña deste 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. É tempo de unir vontades e por iso estamos a traballar nunha campaña conxunta do movemento feminista na Galiza de cara a unha manifestación nacional o 11 de Marzo en Compostela.

Dende a Coordenadora de Ourense da Marcha Mundial das Mulleres cremos que tamen na nosa cidade é momento de unir vontades para defender os nosos dereitos e de cara á celebración do 8 de marzo queremos facer unha convocatoria aberta a termos unha asemblea o vindeiro martes, 14 de febreiro ás 20:00 horas no Centro Cívico Colón (rúa Colón, nº18, Zona Histórica).

 

Agardamos sumes a túa vontade á nosa
Recibe unha aperta feminista
Contacto en ourense: ourense@feminismo.info

 

Contra a MUTILACIÓN XENITAL FEMININA

mutilacion genital_540.jpg

Hoxe, 6 de febreiro, reivindicamos o Día Internacional contra a Mutilación Xenital Femenina, unha práctica que atenta contra os dereitos das mulleres e contra os nosos corpos.

O mundo pousa hoxe os ollos neste Día Internacional, as mulleres reivindicamos a fin desta práctica cada día nos cinco continentes, en cada rincón do planeta.

NON Á MUTILACIÓN XENITAL FEMININA
BASTA DE AGRESIÓNS CONTRA OS NOSOS CORPOS!

mutilacion genital_540.jpg

Máis información sobre a FGM

Manifesto das novas feministas da Europa

novasfeministas.jpg

Este texto é un documento de traballo creado no Campamento de novas feministas da europa organizado en 2011 polo grupo de novas da Coordenadora de París da Marcha Mundial das Mulleres.

Durante os sete días que durou o campamento tiveron lugar numerosos talleres, obradoiros e debates en torno a diversos temas que cristalizaron no presente documento de traballo conxunto realizado por mozas de Francia, Galiza, Bélxica, Euskal Herria, Suiza, Portugal, Armenia, Rumanía, Polonia e Macedonia.

novasfeministas.jpg

[ Premer na imaxe para descargar ou ver ]

O obxetivo do presente documento é analizar conxuntamente as loitas compartidas e traballar na elaboración de respostas e estratexias comúns para afrontalas no futuro.

 

Tribunal de acusación

tribunal_acusacion.jpg

O domingo 17 de Outubro de 2010 tivo lugar o Peche da 3ª Acción Internacional da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres con actividades-espello en todas as partes do mundo do acto central que aconteceu en Sud Kivu na República Democrática do Congo.

Na Galiza ocupamos a Praza da Princesa de Vigo como símbolo da visibilización pública que queriamos facer da situación de guerra, opresión e violencia que sofren as nosas irmás congolesas, así como todas as irmás do mundo que viven en zonas de conflito armado.

O Tribunal de Acusación contra as violacións dos dereitos das mulleres na RD do Congo levou ao público á traxectoria de violencia, horror e inxustiza que viven os diferentes sectores da sociedade congolesa ao mesmo tempo que foi identificando as causas dos conflitos armados e pobreza nun país con unha grande riqueza en materias primas e incuestionábel potencial humano. Neste conflito como en moitos outros que están a ocorrer en outros lugares, os responsábeis ten cara e nome e deben ser acusados, xulgados e condenados: o capitalismo, o machismo, o racismo, os gobernos corruptos, as multinacionais, os gobernos e institucións occidentais e internacionais que ollan para outro lado por conseguir manter un estilo de vida consumista e neoliberal onde o pobo fica desprovisto de toda capacidade de acción, todos foron xulgados e condenados neste Tribunal de Mulleres, onde a xustiza fíxose realidade.

A continuación o texto completo deste acto:

tribunal_acusacion.jpg

[ Preme na imaxe para descargar o texto do tribunal ]

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram