PAREMOS O FEMINICIDIO

Manifesto 25 de novembro contra as violencias machistas

PAREMOS O FEMINICIDIO

A violencia de xénero é unha práctica que se remonta ao inicio da sociedade patriarcal. Durante séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis, a relixión e a cultura imperante.

Asasinatos  amparados por códigos de honra ou xustificados pola paixón, mutilacións xenitais transmitidas de xeración en xeración, violacións agochadas baixo a obriga do “débito conxugal”, acosos  ou chantaxes sexuais que se calaban para poder traballar, malleiras sufridas no silencio das catro paredes do fogar e vividas con culpabilidade.

Violencia considerada como un asunto privado e que grazas ao esforzo, á denuncia e a constancia dos movementos de mulleres e do feminismo deixou de ser invisible para a sociedade e para as institucións.

Hai 25 anos, no ano 1990, a  ONU declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres era o crime máis encuberto do mundo. Sen embargo na nosa sociedade aínda perdura a idea de que a violencia exercida contra a muller, sobre todo se quen a exerce é a súa parella, é un asunto privado.

Con cada caso de asasinato, con cada caso de violencia machista é necesario recordar que o privado é político, que a violencia de xénero está directamente co poder e a xerarquía, coas relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres. Si o terrorismo busca sementar o medo na poboación para lograr o acceso ao poder político, o fantasma da violación serve para aterrorizar ás mulleres e limitar o seu acceso ao espazo público. Si a tortura  baséase na destrución da identidade da persoa, destrozando a súa integridade física e moral e negándolle o control sobre o seu propio corpo, os malos tratos tamén acaban coa auto estima das mulleres agredidas, que son secuestradas en ocasións na súa propia casa, sen permitirlles decidir sobre as súas propias necesidades.

O que está en xogo é o poder, o que se perpetua é a desigualdade. E hai moitos interesados en que as mulleres sigamos vivindo a discriminación, a opresión e a violencia como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Estamos vivindo día a día un feminicidio contra o empoderamento feminino. Homes que asasinan as mulleres motivados polo odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade. Homes que a través da violencia tentan impedir a liberdade das mulleres. Feminicidio que a sociedade contempla narcotizada, acostumada aos titulares informativos  da aparición doutra muller ”morta” a mans da súa parella ou ex-parella.

Fronte a este feminicidio non chegan os minutos de silencio; Non chegan as medidas penais,  que precisan de compromisos e recursos; Non chegan os orzamentos que se destinan a protección e recuperación das vítimas. Pero sobre todo, non chegan as actuacións e recursos para erradicar o machismo.

A ONU na conferencia de Beijing en 1995 recoñeceu que a violencia contra as mulleres é un obstáculo para lograr os obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz e menoscaba o goce dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Os estados ademais da obriga de adoptar as disposicións legais que garantan os dereitos e liberdades das mulleres, neste caso o dereito a unha vida libre de violencia, teñen a obriga de adoptar outro tipo de medidas apropiadas para eliminala.

Xa é hora tamén de que a sociedade que está a prol da igualdade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio. Desde as escolas aos medios de comunicación, desde os parlamentos ás rúas, desde as organizacións políticas, veciñais e sindicais ata os xulgados.

Hoxe, 25 de novembro  queremos que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas.

Queremos denunciar o noso máis profundo rexeitamento da violencia contra as  mulleres, queremos apoiar ás máis vulnerables, queremos alentar a resistencia e a rebeldía  para construír un mundo novo, unha vida libre de violencias para nós e as futuras xeracións de mulleres.

Parar o feminicidio forma parte da nosa responsabilidade.

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram