Non hai xustiza climática sen feminismo!

Non hai xustiza climática sen feminismo!

O clima do noso planeta cambia de forma visible e rápida. Múltiples acontecementos climáticos extremos observados nos últimos anos, como cambios nas choivas, a intensidade e alcance das secas, a forza crecente dos furacáns, entre outros, están conectados co aumento da temperatura na terra. Estes episodios tiveron xa numerosas consecuencias negativas para comunidades de todo o mundo. Estes cambios non teñen nada de natural, senón que son as consecuencias da acción humana sobre o planeta, como así o demostraron científicos-as no informe do GIEC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o cambio climático) publicado en novembro de 2014. Este informe confirma a gravidade da situación: o quecemento global podería superar os 4º de aquí ao ano 2100 e, para moitos científicos-as, isto é xa un fenómeno irreversible.

Doutra banda, outras degradacións ambientais son moi preocupantes, como o aumento do nivel do mar, a redución da biodiversidade, a destrución ambiental, a desertificación, a acidificación dos océanos, a salinización da auga, as malas colleitas, a contaminación do aire, as mareas negras, os plásticos e outro tipo de contaminantes, o desxeo dos glaciares, os records de temperaturas no inverno e no verán, a multiplicación dos Tsunamis e os ciclóns fóra de tempada.

As consecuencias do cambio climático, non son unicamente físicas, senón tamén sociais, económicas, políticas e producen desigualdades. Estas consecuencias non son teóricas, senón que se fan sentir xa por todo o planeta.

Os países e as poboacións pobres, e as mulleres en primeiro lugar, son cada vez máis vulnerables ás catástrofes que levan grandes movementos de poboación. As mulleres pobres das zonas rurais e as mulleres indíxenas son máis dependentes dos recursos naturais para sobrevivir e en diferentes partes do mundo son elas as responsables da produción de comida e da subsistencia, da recollida de auga e están a cargo dos-as nenos-as e das persoas anciás.

Pero isto non é só un problema dos países pobres. En Europa, África, Asia, Américas e Oceanía a crise climática ameaza con acentuar as desigualdades no acceso á sanidade, a unha alimentación sa, ao acceso a recursos de auga, á electricidade, etc. E isto pode ter un impacto moi importante na vida das mulleres de todo o mundo.

Nas estratexias do sistema capitalista, podemos ver un paralelismo entre a explotación da natureza e a explotación do tempo das mulleres: tanto o uno, como o outro, son tratados como recursos inesgotables e flexibles que son usados como variables de axuste para garantir o beneficio capitalista baseado no traballo das mulleres e na apropiación privada dos medios comúns. O tempo e a enerxía que empregan as mulleres nas tarefas domésticas, e de coidar doutros-as nunha dobre ou ás veces tripla xornada de traballo non é visible e é flexible en función da dispoñibilidade ou supresión dos servizos públicos. Da mesma forma, o tempo e a enerxía dos procesos de rexeneración da natureza son invisibilizados e tratados como unha molestia para a maquinaria produtiva. A división sexual do traballo é a base do sistema capitalista, onde o traballo asimilado á produción, é amplamente valorizado a todos os niveis (material, simbólico, etc.) mentres que o traballo que garante a reprodución social, realizado maioritariamente polas mulleres, é considerado como subalterno, mesmo cando este contribúe para a manutención do sistema.

Sinalar co dedo aos culpables para construír a Xustiza Climática.

Fronte a esta crise climática, é importante preguntarse como chegamos aquí. As evidencias científicas mostran que a degradación do planeta está estreitamente vinculada co modo de produción capitalista e o modelo de consumo que o acompaña, e que se intensifica e globalízase tras a Revolución Industrial.

Para alcanzar a xustiza climática, é importante subliñar a responsabilidade histórica dos países industrializados do norte na situación que vivimos. Por tanto, se os países historicamente ricos son os máis contaminantes, é necesario sinalar unha maior responsabilidade das poboacións ricas co seu modelo de vida altamente consumidor de carbono e enerxía, así como dalgunhas empresas (especialmente aquelas que operan no campo das enerxías fósiles).

As ocupacións coloniais e as guerras tamén xogan un rol moi importante na destrución da ecoloxía do planeta. A explotación e subyugación de poboacións enteiras, para o proveito dalgúns Estados e industrias, destruíu moitos ecosistemas, roubado terras, contaminado e expoliado as riquezas naturais dos países do Sur. As guerras teñen numerosas repercusións na natureza: contaminación das empresas de armas e dos sistemas de seguridade, custo ambiental do mantemento dos exércitos e de preparación dos conflitos, efectos das bombas e doutras armas de guerra sobre o medioambiente, etc.

Feministas cara á COP21: NON ás falsas solucións!

A Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP21) terá lugar en Paris, Francia, do 30 de Novembro ao 11 de Decembro de 2015. Os nosos gobernos anunciaron, e están a facer promesas, para conseguir un Acordo Vinculante legal Universal. Desde a Conferencia de Rio en 1992 e a Conferencia de Kyoto en 1997, os gobernos reuníronse regularmente, e este acordo aínda non foi alcanzado. No canto diso, as empresas multinacionais aseguráronse o apoio político dos gobernos para garantir que os seus intereses fan parte das estratexias de fondo destes acordos. As falsas solucións multiplícanse, nun tempo no que as emisións – E a deforestación- continua aumentando dramaticamente en todo o mundo. Os mercados de carbono, REDD e REDD+ (mecanismos de redución de emisións asociados á deforestación e a degradación dos bosques), as bioenergías provenientes do monocultivo, a economía verde e a financialización dos seres vivos son só algúns exemplos disto.

Non queremos que o crecemento económico teña prioridade sobre as vidas humanas, e non queremos un mundo no que os negocios controlen o noso planeta e os nosos dereitos. En todos lados, as empresas están a tentar controlar as terras e os territorios, chegando mesmo a usar violencia física e sexual, milicias, exércitos e forzas policiais. En todos sitios, as comunidades máis pobres enfrontan a contaminación e a destrución dos seus ambientes naturais, sexa a través da construción de presas ao longo do Amazonas, en China, ou en India, ou construíndo autoestradas nos suburbios de Paris, ou grandes supermercados no campo francés.

A nosa visión sobre a cuestión climática e ambiental considera que a destrución da natureza fai parte da forma na que o capitalismo está organizado ao redor da súa cruzada incesante na procura de beneficios. Non é suficiente identificar o impacto que este sistema ten sobre as mulleres.

Partimos da análise de que o capitalismo usa as estruturas patriarcais no seu proceso de acumulación. Como resultado, non cremos nas accións que procuran reducir o impacto negativo do sistema de produción. En cambio, nós apostamos por transformar as estruturas que son responsabilidade das relacións de poder desiguais, combinando as perspectivas de clase, raza, sexualidade e xénero.

Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres,
cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo!

A Marcha Mundial das Mulleres loita por un cambio real: queremos superar a división sexual do traballo, promovendo o feito de que o traballo doméstico e de coidados sexa a base da vida humana e das relacións entre as persoas ao seo da familia e da sociedade. O reequilibrio e división dos traballos domésticos e de coidados entre os homes e as mulleres, é a base da construción dunha relación dinámica e armoniosa entre os seres humanos e a natureza.

O noso proxecto repousa sobre o fortalecemento dos vínculos entre as mulleres, a toma de conciencia das preocupacións comúns a todos-as, particularmente a nivel local, a loita sobre os cambios no modelo de consumo e de produción do sistema capitalista. O noso desafío implica a unión da loita das mulleres, tanto urbanas como rurais, contra a desigualdade ambiental, para salvagardar os bens comúns e os servizos públicos, para protexer a natureza, contra a privatización da vida, entre outras cousas.

As loitas pola soberanía alimentaria, as prácticas de resistencia en agroecología historicamente dirixida polas mulleres, a politización feminista do dereito para exercer o control sobre os nosos corpos, a construción da autonomía das mulleres e a centralidade dos coidados para a vida e a natureza crean converxencias políticas que son unha medida de construír unha novo paradigma de sustentabilidade da vida, fundado na igualdade e a preocupación polas xeracións futuras. Como feministas, temos moito que dicir sobre as solucións á crise climática e ecolóxica.

Non hai xustiza climática nin ambiental sen feminismo !

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram