Chamado: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos. Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Campaña Europea

4 de outubro – 8 de marzo

Lema: A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos. Marchamos por unha vida digna e sostíbel

Países envolvidos na Campaña: Galiza, Portugal, Catalunya, Euskalherria, Grecia, Francia, Bélxica, Suíza, Italia, Rumanía, Macedonia, Turquía…

Nós as mulleres, queremos controlar as nosas vidas e construír unha sociedade máis xusta, que termine co sistema capitalista e patriarcal e que nos permita vivir a nós e a tod@s unha vida digna. Para loitar por esa vida digna que queremos, dende a Coordenadora Europea da Marcha Mundial das Mulleres vimos traballando nunha campaña que poña no centro dos debates sociais a vida e os dereitos das mulleres.

Con esta campaña ‘A débeda dos gobernos é coas mulleres, non cos bancos’ queremos denunciar a situación das mulleres nos nosos países e o agravamento desa situación coas políticas que os diferentes gobernos conservadores están a pór en práctica coa escusa do crise económica. Crise que para nós non é máis que un novo saqueo aos nosos povos para acumular as riquezas en mans dos poderosos e para eliminar gran parte dos dereitos conquistados polas traballadoras ao longo das últimas décadas.

Tras meses de traballo conxunto e a implicación de mulleres de máis de 10 países elaboramos o manifesto que acompaña este texto e un calendario de accións conxuntas que partillaremos nos nosos países para visibilizar a nosa loita e trasladala ás nosas realidades concretas e ás nosas loitas nacionais.

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres queremos facer un chamado a toda a sociedade galega, individual e organizada a apoiar esta Campaña Europea no marco da loita que dende diversos sectores se leva a cabo na Galiza contra este sistema inxusto e criminal que saquea as nosas vidas e os nosos dereitos. Concretando este apoio en aderir ao manifesto e na colaboración e coorganización das actividades nos días de mobilización programados no calendario da campaña.

Porque temos dereito á soberanía económica e alimentaria, a vivir sen violencias, á educación e á sanidade, a que a vida sexa o centro das políticas, a unha vida sostíbel e á soberanía política, queremos demostrar e visibilizar xuntas que non imos permitir que nos rouben o futuro, que lexislen sobre os nosos corpos e as nosas vidas.

Estaremos na rúa en toda Europa defendendo os dereitos das mulleres, porque para mudar o mundo é imprescindíbel mudar a vida das mulleres e porque para mudar a vida das mulleres é imprescindíbel mudar o mundo.

E porque a vida que queremos para as mulleres é a vida que queremos para tod@s, queremos chamar a participar nesta campaña a todos os colectivos sociais da Galiza.

A tod@s @s que apoiades esta campaña convidámosvos á presentación da mesma que terá lugar de xeito simultáneo en máis de 10 países. A presentación na Galiza será o 4 de outubro na Galería Sargadelos, Compostela.

 

Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
15 de Setembro de 2012
Galiza

 

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram