Esximos a retirada do anteproxecto de Lei para a protección do concebido e a muller embarazada

MANIFESTO DAS COORDINADORAS NACIONAIS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE CATALUNYA, EUSKADI-EUSKAL-HERRIA  E GALIZA CONTRA  O PROXECTO DE LEI DE GALLARDÓN

“O NOSO CORPO, O NOSO TERRITORIO”

No mes de decembro o Consello de Ministros do Estado Español aprobou o proxecto de reforma da lei do aborto presentado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, que leva por título: “Lei orgánica de protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada”.  Con esta reforma o partido popular cede as presións da xerarquía católica e os grupos ultra conservadores, integristas e fundamentalistas que pretenden frear os cambios das mulleres para que non salgamos do perfil maternidade-domesticidade. Coidadoras ao servizo dos demais, sen recoñecer ás mulleres como suxeitas de dereitos.

A  norma, que pretende derrogar a vixente “Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo” non só eliminaría -no caso de ser aprobada- o sistema actual de prazos, no que durante as primeiras 14 semanas de embarazo a muller pode abortar sen ten que alegar ningún motivo, senón que ademais restrinxiríanse  os supostos para poder abortar legalmente. So habería dous: violación e grave perigo para a vida ou a saúde física ou psíquica da muller. Serían os médicos ou médicas -con requisitos máis estritos que en 1985 e un procedemento máis longo- quen decidiría se ese perigo existe. A  presenza de malformacións fetais non é, segundo este anteproxecto, un dos supostos para poder abortar, aínda que si o sería o efecto psicolóxico que isto teña na embarazada.

Consideramos que esta Lei suporía:

  • unha vulneración dos dereitos das mulleres e un retroceso de máis de 30 anos na  loita polo dereito das mulleres a decidiren sobre a súa maternidade, sen intromisións.
  • Un recorte nas liberdades das mulleres e unha perda de dereitos que pode propiciar que algunhas mulleres expoñan a súa propia vida.
  • Un perigo para a saúde e para todos os dereitos humanos das mulleres desde argumentos baseados en morais particulares e en interpretacións relixiosas fundamentalistas e integristas.
  • Unha inxerencia ilexítima da moral particular dalgúns grupos nas políticas públicas e nas leis, que son responsabilidade e obrigatoriedade dos estados.
  • Unha alianza estado/igrexa que viola o principio de laicidade dos estados, vulnerando os dereitos humanos, afianzando prácticas discriminatorias e inxustas, materializando a violación da dignidade humana e da conciencia individual.

que se concretaría en:

  • Aumento de abortos clandestinos e de risco. Porque nos sumariamos á lista de países onde o aborto está restrinxido ou penalizado pola lexislación, e onde se producen a gran maioría dos abortos clandestinos, obrigando especialmente a mulleres con poucos recursos e/ou mozas a interromper o embarazo de forma pouco segura.
  • unha volta á minoría de idade das mulleres que necesitarían de varios informes psiquiátricos para poder abortar;
  • unha discriminación para as mulleres con poucos recursos – económicos ou de información-, xa que unhas poderían abortar no estranxeiro e outras terían que facelo na precariedade, poñendo en risco a súa saúde;
  • unha prolongación do sufrimento das mulleres que queiran abortar que se verían obrigadas a buscar informes médicos que “avalen” e permitan a súa decisión de abortar;
  • a  inseguridade xurídica das persoas que teñan que “informar” sobre a saúde psíquica da muller que quere abortar e de todas aquelas que poidan ser xulgadas pola realización de abortos;
  • a  vulneración do dereito a intimidade, xa que a decisión das mulleres pode ser obxecto de cuestionamento e investigación.

En definitiva  que a liberdade das mulleres para decidir sobre o seu propio corpo e a súa vida se vexan limitadas polo mesmo goberno español que está a promover uns recortes que fan que as nosas vidas se precaricen ata extremos que non podiamos nin sospeitar.

Por todas estas razóns as mulleres da MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE CATALUNYA, EUSKADI-EUSKAL HERRIA  E GALIZA

ESIXIMOS:

  • Que se recoñeza o dereito fundamental das mulleres a tomar as súas propias decisións
  • Que se garanta a soberanía das mulleres sobre o seu propio corpo e a súa vida.
  • A cobertura da interrupción voluntaria do embarazo na rede hospitalaria e extra hospitalaria pública de xeito que se garanta o carácter universal deste dereito e se normalice como prestación sanitaria, sen que exista ningunha discriminación xeográfica no acceso de todas as mulleres a este dereito nos servizos públicos.
  • A  regulación da obxección de conciencia que precise os seus límites, garantindo que todos os centros públicas dispoñan das equipas profesionais necesarias para atender a demanda de aborto das mulleres.
  • Que os dereitos das mulleres usuarias destes servizos sexan respectados e protexidos en todo momento.
  • Que se adopten as políticas e medidas integrais necesarias en saúde sexual e reprodutiva baseadas no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos.
  • Que se  inclúa a educación afectiva emocional e sexual con perspectiva de xénero no curriculum escolar.

Lembrámoslle ao goberno español que ten a obriga de garantir o pluralismo, a liberdade de conciencia, o dereito a saúde reprodutiva e sexual e o dereito a decidir. Neste sentido os argumentos relixiosos non poden converterse en políticas públicas, nin moito menos leis que que vaian en contra dos dereitos humanos de todas as mulleres.

FACEMOS UN CHAMAMENTO A MOBILIZACIÓN:

  • Súmate ás concentracións, difunde as convocatorias, fala coas túas compañeiras, amigas,veciñas…; asina os manifestos, ofrece a túa colaboración aos grupos que emprendan accións para oporse a esta lei.

  • Esixe: ás túas e aos teus representantes políticos que dean a cara, se opoñan á nova Lei, defendan os teus dereitos, loiten por garantir a liberdade das mulleres para decidir.

 

Deixa un comentario

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram