8M 2018 Paramos Galiza!


Chamamento ás mulleres galegas

8M 2018
Paramos Galiza!

As mulleres da Coordenadora galega da Marcha Mundial das Mulleres chamamos a secundar na Galiza o paro internacional de mulleres iniciado polas nosas irmás latinoamericanas no 2017 reclamando un mundo sen violencia e o dereito a vivirmos unhas vidas libres nun mundo máis xusto.

Queremos convidar á folga non so no ámbito laboral, tamén no ámbito dos coidados, visibilizando todos os traballos que asumimos as mulleres e sen os cales a sociedade non podería funcionar.

Este 8 de marzo a terra vai tremer porque as mulleres do mundo asumiremos un Paro Internacional de Mulleres poñendo en práctica o mundo no que queremos vivir.

Un mundo onde as tarefas de coidados sexan unha responsabilidade de toda a sociedade, valorizando o traballo invisibilizado das mulleres construíndo redes, apoios e estratexias vitais en contextos dificiles e de crises.

Un mundo onde non existan as violencias económicas, o empobrecemento das mulleres, a explotación do capital sobre as economías precarias, a explotación dos Estados nacionais e dos mercados cando nos endebedan, desaparezendo a vulnerabilidade fronte á violencia machista, os feminicidios, o noso dereito ao aborto libre …

As mulleres galegas estamos en folga para estarmos todas, nin unha menos, querémonos vivas. Porque están con nosco:

– as vítimas dos feminicidios, as lesbianas e trans asasinadas por crimes de odio, as presas políticas, as desaparecidas, as mortas por abortos inseguros, as defensoras da nosa língua, da nosa cultura, as que sofren acoso sexual, as encarceladas por delitos menores mentras a corrupción política, a banca e os
delitos que benefician o capital quedan impunes …

As mulleres galegas organizámonos na folga agrupándonos a todas, en todas partes, a forza do noso movemento está nos lazos que creamos entre nós, organizámonos para mudalo todo.

Porque tecemos un novo internacionalismo, porque o movemento dasemerxe como potencia alternativa, porque querémonos vivas e ceives arriscámonos en alianzas insólitas, porque estamos para nós, este 8 de marzo é o primeiro día das nosas novas vidas, porque móvenos o desexo, 2018 é o tempo da nosa revolución.

#Ninunhamenos#querémonosvivas
#NósParamos #AInternacionalFeminista
#ParoInternacionalDeMulleres

TODAS SEGUIMOS SENDO JUANA RIVAS

TODAS SEGUIMOS SENDO JUANA RIVAS

No 2017 todas saímos á rúa decindo “todas somos Juana”. Hoxe, todas volvemos a ser Juana xa que a fiscalía pide para ela 5 anos de cadea e a privación da custodia dos seus fillos por 6 anos. Todas entendemos a Juana, porque fariamos o mesmo. Quen non a entende e o sistema xudicial que pon por riba unha lexistación que obvia totalmente as situacións de violencia de xénero. Atende unha demanda de sustración de menores internacional mais non valora os motivos deste acto nin o benestar dos menores, que neste momento están vivindo en Italia cun maltratador.

A loita feminista conseguiu que os menores sexan considerados vítimas directas de violencia de xénero e loitamos por evitar que os maltratadores teñan acceso a réxime de visitas e custodia dos seus fillos. Xa que os menores son vítimas directas do contexto de violencia que xenera un maltratador no seu fogar.

O grotesco deste caso chega ao absurdo: Juana interpuxo unha denuncia de violencia de xénero contra a súa ex parella, Arcuri, o 12 de xuño de 2016, mais aínda non se resolveu, nin en Italia, nin no estado español. A maiores, como Arcuri resultou condenado no 2009 a tres meses de prisión e un ano de afastamento, por agresión a Juana, a xustiza italiana reclama que os menores estean con él pero non confía en que sexa seguro para estos, e polo tanto deben estar baixo vixilancia. Cantos mais sinsentidos temos que acumular para protexer que un maltratador non perda unha custodia? Teñen Juana e os seus fillos que sufrir esta situación en base a unha xustiza que non ten en conta circunstancias tan graves como a violencia de xénero? E por último, pode ser considerada unha delincuente unha muller que fuxe dunha situación de violencia e quere protexer aos seus fillos? de qué parte está a xustiza, dos maltratadores ou das vítimas? O feminismo da de Juana.

O 016 É PARA AS VíTIMAS: AS MULLERES


O 016 É PARA AS VíTIMAS: AS MULLERES

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos DENUNCIAR a terrible HIPOCRESÍA do goberno español. Este martes, finalmente, tras a presión social, o Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade, retirou do prego de prescripcións técnicas do “Servizo 016 de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero” a asistencia a homes en materia de “separación, custodias e orientación en contextos de violencia”. O 016 é un teléfono de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero. Cada vez menos medios se destinan a loitar contra a violencia machista, sen que esta reduza as súas cifras.

Parécenos un indicador claro da pouca importancia que teñen para o goberno español as 98 vítimas deste pasado 2017, o feito de que inclúa tratamento e asesoramento para os maltratadores no mesmo servizo que atende ás súas vítimas. 
Isto é ademais unha manobra perversa, xa que deslexitima o obxectivo co que foi creado o 016 restándolle importancia e protagonismo a un problema que debía ser central para calquera administración: a violencia machista.

Esta nova medida, xunto con tantas outras, móstranos a realidade: que baixo medidas de maquillaxe, o PP e o goberno español non pretenden loitar eficazmente contra o machismo e que non son parte da solución, senón do problema.

#FEMINISMO PARA VIVIR
#O016 PARA AS VITIMAS

DE VOLTA Á CASA QUERO SER LIBRE NON VALENTE

Nestes días sumamos outro feminicidio á longa lista de mulleres asasinadas. Diana Quer non volveu á súa casa en Boiro o 21 de agosto, Elisa Abruñedo, Socorro Pérez e outras moitas tampouco. No caso de Diana, detívose ao asasino debido a que intentou agredir a outra muller e non puido, no caso de Elisa e Socorro o seu asasino segue libre e o seu caso sen resolver. A nosa memoria almacena centos de mulleres asasinadas polo feito de ser mulleres. Que Diana Quer sexa incluída como vítima de violencia machista é fundamental e abre un camiño de xustiza negado todos estes anos. A reivindicación é clara: que todas estas mulleres sexan consideradas como vítimas da violencia machista a todos os efectos e sen ambigüidades. No 2017 non foron 48 mulleres asasinadas como reflicten os datos oficiais, foron 98.

Debemos resaltar o circo mediático artellado ao redor da desaparición e asasinato de Diana Quer, ao igual que no seu momento se fixo coas 3 mulleres de Alcácer. O morbo e as elucubracións cargadas de sexismo encheron horas de televisión sensacionalista onde se cuestionaba a vítima e as familias. Como ía vestida, ás horas nas que estaba na rúa, que facía soa pola noite…seguen a culpabilizarnos de que nos agredan e seguen a nutrir a cultura da violación e do feminicidio. Esta focalización dos medios non conciencia contra unha lacra da sociedade, senón que alimenta estereotipos e decide arbitrariamente que vítima lles parece digna de atención e cal non. Así asistimos a vítimas de primeira e de segunda e á individualización dun feito repetitivo, converténdose en “traxedia sen remedio” o que ten uns detonantes claros e non arbitrarios: o heteropatriarcado.

A realidade é que o que lle aconteceu a Diana está na mente de todas as mulleres. Podíamos ser calquera de nós. As mulleres temos un toque de queda non oficial pola noite. Xa dende pequenas se nos explica que temos que “ser prudentes”, avisar de que chegamos “ben”, non ir aos sitios soas, evitar lugares escuros… O medo fainos ceder espazos, mudar camiños, renunciar a actividades…e deteriorar a nosa liberdade a límites intolerables. E non é un medo sen fundamento, o perigo de agresión é real, probas disto son as violencias machistas que padecemos e interiorizamos nas nosas vidas diarias: que nos toquen sen consentimento, que nos acosen pola rúa, que forcen situacións obviando os nosos límites… Edúcannos para non ser violadas, para protexernos, mais non educan aos homes a non violar, a non agredir, a non asasinar. Se calquera colectivo desta sociedade sufrira este volume de agresión ou tivera que tomar as precaucións que teñen en conta as mulleres na súa vida diaria, estaríamos falando do terrorismo mais sanguinario e as medidas e medios serían moi diferentes.

As propias medidas xudiciais son mornas respecto aos asasinatos de mulleres, a introdución do “agravante por motivos de xénero” é un comezo que da esperanza, pero o obxectivo é que o feminicidio sexa recollido nos xulgados como tal sen ser preciso mediar probas para demostrar o desprezo do agresor cara o xénero da vítima. Nunha sociedade heteropatriarcal na que un home asasina a unha muller o propio sistema é proba desta situación de opresión e superioridade.

A Diana Quer, a Sara Alonso, a Agueda González e ás 98 mulleres asasinadas o ano pasado asasináronas homes fillos e netos do heteropatriarcado. Non “enfermos”, senón homes considerados “normais” que conviven na sociedade sen maior problema porque a súa conduta previa é tolerada polo seu entorno. Antes de asasinar seguro que acosaron verbalmente a algunha muller pola rúa, seguro que mandaron calar á súa parella en público, seguro que molestaron a algunha muller nun bar e a insultaron cando ela non lles fixo caso, seguro que contaron un chiste no que se emborracha á muller para que ser resista menos ou colgaban vídeos ou comentarios nun grupo de wasap de claro desprezo cara as mulleres. As sinais están ahí, só falta que a sociedade rexeite sen físgoas os comportamentos que constrúen a un agresor e comecemos a asumilos como parte da violencia contra as mulleres.

DIANA QUER PODIAMOS SER CALQUERA DE NÓS

QUERÉMONOS VIVAS

A MANADA SOMOS NÓS!!

A MANADA SOMOS NÓS!!

Nestes días asistimos á revictimización a través de todo tipo de medios dunha moza que sufriu unha violación múltiple. Os medios de comunicación explicitan a violencia estrutural a través do trato que dan do xuízo, mas non é só no caso da violación de San Fermín senón en todos aqueles procesos xudiciais nos que intervén a violencia machista.

Moitas (todas) sabemos que denunciar as agresións expón ás agredidas a todo tipo de novas e reiteradas agresións públicas e privadas e é por iso que en moitos casos non se dan os pasos necesarios para levar adiante ditas denuncias.

Na Galiza hai xa un par de anos que compañeiras se organizan para a autodefensa facendo especial traballo no contexto de festas e celebracións populares, este traballo desenvólvese baixo a denominación de manada, termo hoxe maltratado e asociado aos agresores.

Dende aquí reivindicamos que a manada somos nós, as feministas, que nos organizamos para defendernos das violencias e que seguimos tecendo rede para ter a forza suficiente para denuncialas.

IMOS FACER RUIDO CONTRA AS AGRESIÓNS

Convidámoste a que o xoves, 23 de novembro, ás 20:00 horas, na farola de Urzaiz-Vigo  saias a rúa connosco nunha ACCIÓN para reivindicar que estamos fartas de agresións! Que estando xuntas a manada somos nós!
Que estamos fartas de que sendo as agredidas se nos cuestione e criminalice!
Que non imos ficar caladas fronte a unha xustiza patriarcal e a uns medios e sociedade cómplices da violencia machista!
Que queremos mudar este entorno machista e que precisamos feminismo para vivir!
Contamos contigo para facer moito, moito ruído. Trae batukada,  panderetas, cacerolas e todo o que se che ocorra para facernos oír. Todas xuntas imos facer que se nos escoite!

Obrigadas a todas as que se organizan para combater tanta e tanta violencia.

En sororidade feminista, Feminismo para Vivir!!

[ 25 Novembro ] O machismo oprime e mata dende a infancia.

O machismo oprime e mata dende a infancia.

Organicémonos para combatelo!

Mobilizacións
OURENSE – ás 19h diante do C.C. Ponte Vella
VIGO – às 20h dende a Farola de Urzàiz 
A CORUÑA – ás 19h no Obelisco 
COMPOSTELA – ás 20h dende a Praza 8 de Marzo
FERROLTERRA – ás 18h polideportivo San Valentín (Fene)
ARZÚA – ás 19.30h entrada principal do Multiusos

O 25 de novembro é o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Neste día, como no resto do ano, queremos visibilizar a violencia que sufrimos as mulleres polo feito de sermos mulleres e reclamamos medidas efectivas e concretas para combatela. Esta violencia asumímola desde que nacemos e aféctanos a todos os aspectos das nosas vidas: violencia estética, acoso sexual, agresións sexuais, discriminación laboral, etc., ata chegar á máis evidente que é o asasinato.

Esta violencia sistémica, o patriarcado, é aínda máis cruel coas mulleres que están relegadas ás marxes pola súa condición de raza, clase, orientación sexual, inmigración…

Mais cando falamos de violencia machista non sempre entramos a debater sobre as fillas e fillos asasinados como forma de vinganza contra as súas nais. Os asasinos son sempre os seus pais biolóxicos, ou ben parellas ou exparellas das súas nais. Soen facelo durante o réxime de visitas. Usados como un mero obxecto para danar de xeito irreparábel ás súas nais, para provocarlles o maior dano posíbel. É un dos xeitos máis crueis da violencia machista porque o obxectivo é que non se recupere e non o esqueza xamais.

De feito, as administracións tan só recoñecen dous feminicidios durante este ano 2017 en Galiza: o de Virginia, de 55 anos, no Carballiño, e o de María José Mateo (Sesé), de 52 anos en Redondela. Mais aínda que non computan para as cifras oficiais, foron catro e non dúas as vítimas do machismo. Xa que no mes de maio un meniño de 11 anos foi asasinado polo seu pai en Oza Cesuras. E durante o secuestro da súa filla de tan só 21 meses, asasinaban na Coruña a M.M.A, de 73 anos, quen foi atopada molida a paus a mans do seu ex-xenro.

Nos últimos dous anos foron 18 os asasinatos machistas na Galiza. Destes, non podemos esquecernos dos asasinatos das irmás Amaia e Candela Oubel, con tan só 9 e 4 anos, asasinadas polo seu pai cunha radial durante o período de visitas estival. Por iso pretendemos visualizar na nosa campaña non só na violencia contra as mulleres no marco das relacións de parella, senón poñer o foco tamén no tipo de violencia que exercen os machistas no sistema patriarcal, agredindo todo aquelo ao que ás mulleres teñen estima: obxectos, animais de compañía, mais tamén inclúen ameazas e violencia contra amizades, novas parellas das vítimas, familiares e dentro destes, incluso as fillas e fillos. De feito, os maltratadores transforman ás crianzas en obxectos para continuar co maltrato e a violencia contra a muller, conscientes de que a través dos fillos e fillas manterán o contacto e poderán continuar coa extorsión, o acoso. Este tipo de violencia recibe un nome: violencia vicaria, que é a que se exerce contra as crianzas para ferir á muller.

Non é casual que moitos dos varóns que amosaron comportamentos violentos na relación de parella, que durante a convivencia non se preocuparon polos seus fillos e fillas, no momento da separación soliciten un réxime de custodia compartida, un réxime amplo de visitas, ou mesmo a custodia das crianzas, só co afán de seguir en contacto coa exmuller e poder continuar co maltrato. Por iso rexeitamos calquera modificación legal dirixida a impoñer este modelo de custodia cando non exista acordo entre os membros da parella.
No estado español a realidade é igual de cruda. Foron case un cento as mulleres asasinadas durante o ano 2017. Máis de dez menores. Se acudimos as estatísticas sobre violencia as cifras son demoledoras: preto de 3 mulleres ao día son violadas (as estatísticas soamente contan os casos nos que hai penetración), ducias violentadas en cada recuncho do planeta, tamén aquí ao pé das nosas casas, dos nosos lugares de ocio ou traballo. Como é posible que a loita contra a violencia machista non sexa unha prioridade? Para chegar a estas cifras tan arrepiantes sen que exista unha conmoción, é necesaria unha violencia tolerada pola noso sistema de valores. En consecuencia, reclamamos que se combata como un problema social e político. Os problemas das mulleres son problemas da sociedade e como tales, sen complexos patriarcais, deben ser tratados.

É urxente loitar contra a impunidade do acosador, do maltratador xa que esta impunidade da abeiro a múltiples abusos. Si, precisamos de leis máis coercitivas que disuadan o home maltratador de concretar con violencia o seu desprezo polas mulleres, pero é necesario insistir en que non se trata dunha violencia con motivacións psicolóxicas ou individuais senón que debemos mudar o tecido social. Non cremos na individualización da defensa contra a violencia machista. Non podemos permitir que cada unha dependa da súa sorte ou da súa fortaleza.

Esta violencia patriarcal e a cultura da violación teñen intereses económicos pois o capitalismo, na súa lóxica de acumulación de riqueza precisa que as mulleres percibamos como unha violencia menor que nos reclúan nos nosos fogares, baixo o pretexto do amor romántico, responsabilizándonos da reprodución, obrigándonos a realizar gratuitamente traballos indispensables para a sostibilidade da vida. Non soamente estas responsabilidades non son asumidas pola sociedade senón que as políticas neoliberais desmantelan os servizos públicos: garderías, centros de atención á vellez, sanidade, etc. O capital financeiro, as medidas de austeridade e a privatización provocan a pobreza e as violencias cara as mulleres.

Rebelámonos contra a intimidación colectiva que xorde das agresións físicas ou sexuais. As vítimas sofren o último mecanismo de imposición do poder masculino, son mulleres que resisten, valentes que se atreveron a cuestionalo, que deciden non ser a posesión da súa parella, que deciden non terlle medo á noite, que toman as rúas. Mentres unha soa de nós sinta medo non viviremos nunha sociedade xusta e igualitaria. Unidas en resistencias loitamos e loitaremos contra o capitalismo, o heteropatriarcado, o racismo e o colonialismo, construíndo alternativas para un mundo que poña no centro a vida, sen converter as persoas en mercadoría.

Esiximos orzamentos que se tomen en serio a violencia afrontándoa desde todos os ámbitos sociais. Rexeitamos pactos de estado que manteñen a violencia no ámbito doméstico e de parella negando a existencia dunha estrutura de opresión das mulleres. Non queremos políticas de foto e apertóns de mans, queremos solucións e recursos contra a violencia que sufrimos.

Para acadar a igualdade efectiva reclamamos:

– Unha educación non sexista nun modelo de escola que non sexa androcéntrico no reparto de espazo, nos contidos, na organización do traballo…,

Educarmos en relacións en pé de igualdade baseadas no respecto e a liberdade para sermos e estarmos con quen nos pete.

Campañas de concienciación social dirixidas aos nenos, adolescentes e homes para que non asuman a violencia como pauta de comportamento masculino.

Unha xustiza ao servizo da igualdade: aumentar e dotar de recursos materiais e humanos máis Xulgados especializados en violencia de xénero.

Protección real ás mulleres que sofren violencias: aumentar o número de vivendas de acollida para mulleres e crianzas vítimas de malos tratos, garantir a liberdade económica das mulleres que sofren violencia, garantir a asistencia letrada da vítima por parte da mesma profesional en todos os procesos xudiciais que teña que emprender tras denunciar ser vítima de violencia (separación legal, custodia das crianzas, pensións alimenticias, disolucións de gananciais, etc.), acurtar os prazos de resposta na tramitación de ordes de afastamento, e realizar unha correcta avaliación do nível de risco, conquerindo que as vítimas sexan acompañadas desde o inicio por profesionais dos servizos sociais que orienten ás mulleres durante todo o proceso.

Unha sanidade que coide das persoas: formación en perspectiva de xénero de todo o persoal sanitario que trate a mulleres e crianzas.

Mais para lograr vivir sen violencia é preciso dun cambio de actitudes, dun cambio de políticas e dun cambio do modelo social vixente na nosa sociedade. Desde a Marcha Mundial das Mulleres seguiremos loitando para acadalo. Seguiremos en marcha ata que todas sexamos libres.

#QuerémonosVivas
#FeminismoparaVvir

www.feminismo.info | nacional@feminismo.info

tw @MMMGaliza

fb marchamundialmulleres.galiza

Defender o noso territorio é defender a vida

Defender o noso territorio é defender a vida

Arde Galiza. Arde dende hai décadas baixo políticas forestais nefastas e unha cultura que dá as costas ao monte e ao seu valor ambiental, económico e social. Arde Galiza ante a niglixencia da Xunta de Galiza mas tamén como consecuencia dun sistema económico que procura un monte en monocultivo para a produción capitalista, un sistema que coloca o negocio por diante da vida e que ten nefastas consecuencias en todos os ámbitos desta, tamén na protección do territorio.

Miles de hectáreas reducidas a cinza e a terreo abonado para a especulación e o enriquecemento daqueles que viven do negocio do lume. A paisaxe devastada, o monte ferido e a sociedade empobrecida pois o valor incalculábel do monte non pode substituirse por ningún negocio.

Nós, mulleres da marcha mundial, denunciamos as políticas de devastación do noso territorio e o sistema económico que as impulsa e que actúa en contra das nosas vidas e reivindicamos a defensa do noso territorio como unha das principais loitas do feminismo para transformar o mundo pois estamos convencidas que defender o noso territorio é defender a vida.

Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
En Outubro de 2017, en meio dunha vaga de lumes que devasta o noso país.

Defensa do dereito de autodeterminación dos pobos


Defensa do dereito de autodeterminación dos pobos


Solidariedade coas mulleres e os homes de Catalunya.

As mulleres e os homes de Catalunya levan anos construindo un proceso democrático para exercer o dereito de autodeterminación ao que ten dereito todo pobo.

Neste proceso as mobilizacións sociais foron masivas nos últimos cinco ou seis anos convertindo esta reclamación lexítima nun proceso soberanista de carácter popular, social e transformador.

Nós, mulleres da Marcha Mundial das Mulleres como movemiento político feminista antipatriarcal, anticapitalista e antirracista, saudamos con simpatía e damos o noso respaldo a todos os pobos que loitan pola sua liberdade e por construír un futuro exercendo o dereito democrático a decidir como hoxe fai o pobo Catalán. Defendemos proxectos progresistas, antipatriarcais que respecten os dereitos das persoas migrantes.

Este proceso densolvese nos últimos anos chegando a situación de maior confrontación co resto do estado español en torno a realización dunha consulta popular -referendo- planteada polo goberno catalán lexitimo emanado das eleccións de 2015. Ante esta proposta democrática o Estado Español , herdeiro da ditadura franquista, responde con militarización, represión y recorte de dereitos: detencións de altos cargos do goberno, rexistros de sedes oficiais, de partidos políticos, de casas particulares, desprazamento de forzas de seguridade do estado para tomar o país e acusacions de sedición as maiores entidades sociais que impulsan o proceso.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres condenamos esa resposta represiva dos poderes do estado español dirixida a impedir o dereito da autodeterminación dos pobos e amosamos o noso apoio ás mulleres e homes de Catalunya que saen á rúa e se mobilizan de xeito permanente, democrática e pacifica para reclamar a realización da consulta popular.

Fai un par de anos reivindicamos a través da mobilización mundial a necesidade que os nosos corpos e os nosos territorios se visen libres de agresións e ocupacións, do mesmo xeito que cada dia traballamos para construír un mundo mais xusto no que as mulleres e os pobos sean donas do seu futuro e poidan exercer ese dereito para transformar as vellas e caducas institucións locais, europeas -e mundiais- en novas oportunidades de colocar no centro das preocupacións e ocupacións o dereito a vivir dignamente e libres.

Neste momento difícil para o pobo catalán que defende nas rúas o seu dereito a ser libre reiteramos o nosso compromiso de apoio como fixemos sempre coas nosas irmás de outros pobos reivindicando tamén que este proceso sirva para pór en cuestión tamén as bases do patriarcado e se constitúa cunha nova lóxica en que as mulleres e as nosas loitas sexamos tamén protagonistas.

En sororidade feminista

En apoio do dereito de autodeterminación dos pobos


En marcha, até que todas sexamos libres.

28 de setembro DÍA DE ACCIÓN GLOBAL POR UN ABORTO LIBRE E SEGURO

28 de setembro
DÍA DE ACCIÓN GLOBAL POR UN
ABORTO LIBRE E SEGURO

[ CAMPAÑA 28S ] Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres sumamos unha vez máis a nosa voz ao movemento feminista internacional para reclamar Aborto Libre e Seguro e condicións dignas na sanidade do noso país onde aínda non podemos exercer plenamente este dereito na sanidade pública galega.

 

SE É MACHISTA NON É XUSTIZA

UN MALTRATADOR NUNCA É UN BO PAI

SE É MACHISTA NON É XUSTIZA

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos facer explícito o noso apoio a Juana Rivas e a todas as mulleres que se atopan nesta terrible situación de indefensión.

A decisión de Juana é moi valente, mais ela non pretendía ser unha heroína, só quería protexer aos seus fillos dun pai que a fixo vivir nun inferno de maltrato e que resultou condenado por violencia machista no 2009. Volveuno a denunciar no 2016 no estado español, que tardou un ano en trasladar a denuncia a Italia, o país competente para tramitala, o que indica o grado de prioridade e carencia de medios que teñen estas cuestións no sistema xudicial. A súa fuxida foi unha decisión sobre todo desesperada, xa que o sistema xudicial non lle deixou unha opción mellor que deixar os seus fillos nas mans do home que a agredía. Juana demostroulle á sociedade que fronte a indefensión que crean certas leis só lle cabe as afectadas a desobediencia. Unha desobediencia que non é gratuíta. Juana enfróntase a pena de prisión e a privación da custodia sobre os seus fillos. O irónico é que a efectos da lei teñen o mesmo dereito sobre as crianzas vítima e verdugo, e que a castigada nestes casos pase a ser a vítima.

@s menores son tamén vítimas da violencia machista que viven nos fogares. Ou ben porque sofren agresións directas ou ben porque medran nun entorno de medo e violencia. Polo tanto, resulta grotesco que a persoa que exerce esa violencia se considere a efectos legais un pai con dereito a custodia e réxime de visitas, porque non se considera prexudicial para o desenvolvemento d@s súas fill@s.

A maiores, temos espantosos exemplos de casos nos que as crianzas son empregadas por agresores como arma para ferir a nai, sabendo a magnitude dese dano. Así sumamos loitos na Galiza de menores asasinad@s en réximes de visita por pais con historiais de maltrato. Que dereitos está a defender a lei? Os do pai ou os d@ menor? Sabemos que se están a dar algúns pasos neste eido, mais a realidade berra que son coma maquillaxe, lentos e insuficientes. Juana tivo que fuxir, porque estes son os medos e realidades que unha nai ten cando deixa @s súas fill@s nas mans dun maltratador.

Juana tamén nos demostrou que xuntas somos máis fortes, que a mobilización social é fundamental para que a xustiza se faga oír e que o patriarcado retroceda e que no berro de “Juana está na miña casa” se inclúen todas esas mulleres que viven no terror, que deste xeito están moito menos soas.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram