En sororidade coas compañeiras da MMM no Brasil e a presidenta Dilma

brasilmmm2.png

Dende a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres solidarizámonos coas nosas irmás da MMM no Brasil en defensa dos valores da igualdade, a liberdade, a sororidade, a xustiza e a paz.

Acompañamos ás nosas compañeiras e irmás e á presidenta Dilma nestes momentos difíciles nos que a legalidade e a democracia estan a ser atacadas no Brasil polos conservadores e os poderes económicos.

Dende a nosa loita feminista e anticapitalista acompañamos á MMM do Brasil e a todas as nosas compañeiras latinoamericanas que resisten día a día fronte  á violencia económica e social e que hoxe afrontan xuntas un novo ataque ás decisións democráticas dos seus pobos exemplificado no que esta acontecendo no Brasil.

brasilmmm2.png

Em sororidade feminista,

#NãoVaiTerGolpe

Pola democracia, a paz e a xustiza.

Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres

Rompamos o bloqueo – Mulleres Rumbo a Gaza, presentación da campaña galega

O vindeiro Luns 18 de Abril ás 20:00 hrs. no Salón Rahid do Hotel Araguaney de Compostela terá lugar a presentación da campaña galega de Mulleres Rumbo a Gaza, enmarcada na nova campaña da Coalición Internacional da Flotilla da Liberdade, formada a nivel estatal por Rumbo a Gaza.

Nesta campaña, que busca romper o bloque ilegal ao que o inventado estado sionista de Israel leva sometendo dende fai unha década á poboación palestina, faise especial incidencia no papel das mulleres palestinas na resistencia e na loita pola liberación do seu pobo.

Quérese visibilizar as opresións ás que estas mulleres son sometidas diariamente: principalente a xerada pola ocupación israelita, pero tamén a causada polo patriarcado, e de xeito moi relevante a xerada pola mirada occidental, que as reclúe ao seu papel máis doméstico, negándolles todos os espazos públicos que de feito tradicionalmente veñen ocupando.

A campaña galega está coordinada por BDS Galiza en colaboración coa Coordinadora galega da Marcha Mundial das Mulleres e co apoio de diversos grupos: Confederación Intersindical Galega (CIG), Sindicato Labrego Galego (SLG), Mar de Lumes, Pallasos en Rebeldía, Asociación galega contra o maltrato a menores (AGAMME) e Conas Ceives.

En sororidade feminista, viva a loita das mulleres palestinas!!!

14 de febreiro – Que é o amor romántico?

14 de febreiro

Que é o amor romántico?

O amor romántico é un modelo de amor que fundamenta o matrimonio monogámico e as relacións de parella estábeis nas culturas modernas, principalmente nas occidentais.

O amor romántico é o amor idealizado, predestinado, considerado como un sentimento único, diferente e superior a calquera outro sentimento, desexo ou modelo de vida ou de de amor. É ese amor que aínda que combinando o desexo emocional e sexual, otorga máis valor ás emocións que ao pracer.

O amor romántico é o amor que se comercializa no cine e na televisión, o que é aprobado pola igrexa, o que promoven os bancos. Un amor disfrazado de letras de cancións e relatos novelados que pretenden una vez completamente anestesiado, embriagado por toda clase de cheiros, sabores e demáis expectativas, trasladarte a un mundo ficticio, fantástico, utópico por irreal, que conduce á frustración, ao fracaso afectivo, á soidade e á mentira. É dicir, a vivir exactamente o contrario do que te contaran, ao que tanto aspirabas, iso que tan ben planificaras.

O amor romántico é un prometido antes mesmo do seu inicio, exclusivo, condicionado, incondicional, limitador, anulador, doloroso: quen non sufriu por amor, que parece que si non sofres non amas!. É un amor pobre, amargo, triste, traidor, un sentimento capaz de facerte sentir o ser máis infeliz do planeta.

O amor romántico é ese amor violento, intolerante, ciumento, inxusto, egoísta, represivo, que somete as mulleres aos desexos, praceres e necesidades dos homes. É o amor patriarcal, marcado polo machismo dende que nacemos. Un amor fabricado que educa ás mulleres e algúns homes como persoas indefensas incapaces de valerse por si mesmas, facéndoo nos crer que necesitamos a alguén sempre perto para poder ser felices.

O amor romántico é un amor obrigatorio, obrigado por nós e por terceiras. É ese amor tramposo que se antepón a calquera outro valor, que cre estar por riba de calquera outra cousa, é o amor sumiso e á vez abusivo, sen escrúpulos sempre e cando eu me saia coa miña e sen que se note. É un conxunto de mitos e de contos que lonxe de ensinarnos a amarnos, maltrátanos.

E pensaredes, que amando somos felices tamén. Pois trátase diso, de esquecer, de deixar atrás cánons, estereotipos e contos que nos fan felices por momentos e a algunhas nin sequera iso, e entregarse á verdade de cada unha para así poder amar libremente como cada persoa desexe, como cada persoa é e como cada persoa decida expresarse.

O amor, o amor de verdade, para ser amor, e para ser verdade, só poderá ser libre e gratuíto, non pode custarnos nada, nin feridas, nin a vida, nin a felicidade.

Campaña da Marcha Mundial das Mulleres neste 14F

Resposta nas rúas ante un novo feminicidio

Espertamos cunha muller asasinada polo seu compañeiro en Becerreá, outro brutal crime machista que nos trae a violencia diaria ao primeiro plano golpeando coa forza desgarradora que a violencia bate nas mulleres. Voltamos convocarnos para saír á rúa este sábado a reclamar vidas libres de violencias, de todas as violencias. Porque só así deixaremos de espertar estremecidas cada vez que unha de nós (todas) é asasinada.

CONCENTRACIÓNS SÁBADO 23 FEBREIRO ÁS 20 HORAS:
  • Vigo, no Marco
  • Lugo, na Praza do Concello
  • A Coruña, no Obelisco.
  • Compostela, na Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
  • Ferrol, na Praza do Concello.
  • Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).
  • Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, R/ Rosalía de Castro.
  • O Carballiño, na Praza Maior
  • Vilalba, na Praza da Constitución
  • Val Miñor, no Parque Ramallosa (ás 18 horas)

 

 

En sororidade coas compañeiras Kurdas, contra os crimes do estado Turco

cartaz21xkurdas.png

O 8 de xaneiro de 2016 realizouse o funeral de tres loitadoras e compañeiras, Pakize Nayir, Fatma Uyar e Sêve Demir, asasinadas polas forzas de seguridade do goberno turco o 4 de xaneiro en Silopi.

Nós, da Marcha Mundial das Mulleres sentímonos en particular moi golpeadas por este crime.Unha delas, Séve Demir, coordinou os eventos de lanzamento dá 4ª acción internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin.

Como parte da acción internacional, a Caravana feminista europea foi lanzada no territorio kurdo, estivemos no interior da Turquía para apoiar e reforzar ás mulleres kurdas na súa loita pola autonomía e autodeterminación sobre os seus corpos e os seus territorios. Tamén dando visibilidade ás alternativas construídas pola resistencia das mulleres ao sistema capitalista, colonial e patriarcal.

Para denunciar este asasinato político chamamos a toda a cidadanía a protestar fronte ao Consulado de Turquía na Coruña (Linares Rivas, 6) este xoves 21 ás 20h.

cartaz21xkurdas.png

E en Ourense:

kurdistan.png

Resposta nas rúas ante o asasinato en Narón

asasinatocaridadnaron.png

Soubemos da detención do marido de Caridad Pérez de 79 anos asasinada en Narón o pasado 29 de decembro. Saímos pois novamente á rúa visibilizar un asasinato machista e reclamar o fin da violencia contra as mulleres. Paremos o feminicidio!! Basta de violencia machista!! Querémonos vivas!! ?#?machismomata? ?#?bastadeviolencia? ?#?stopfeminicidio?

Venres 15 ás 20h
– VIGO, diante do marco, convoca Marcha Mundial das Mulleres
– OURENSE, Castañeira (subdelegación), convoca Marcha Mundial das Mulleres
– FERROL, diante do concello, convoca Marcha Mundial das Mulleres
– PONTEVEDRA, diante da Audiencia Provincial, convocan feministas de pontevedra
– LUGO, praza do concello, convocan feministas de Lugo 
– A CORUÑA, Obelisco, convoca acción feminista da Coruña
– COMPOSTELA, na porta do camiño, convoca feminismos Compostela

asasinatocaridadnaron.png

PAREMOS O FEMINICIDIO

Manifesto 25 de novembro contra as violencias machistas

PAREMOS O FEMINICIDIO

A violencia de xénero é unha práctica que se remonta ao inicio da sociedade patriarcal. Durante séculos as mulleres foron asasinadas baixo o silencio e a complicidade do seu entorno social, as leis, a relixión e a cultura imperante.

Asasinatos  amparados por códigos de honra ou xustificados pola paixón, mutilacións xenitais transmitidas de xeración en xeración, violacións agochadas baixo a obriga do “débito conxugal”, acosos  ou chantaxes sexuais que se calaban para poder traballar, malleiras sufridas no silencio das catro paredes do fogar e vividas con culpabilidade.

Violencia considerada como un asunto privado e que grazas ao esforzo, á denuncia e a constancia dos movementos de mulleres e do feminismo deixou de ser invisible para a sociedade e para as institucións.

Hai 25 anos, no ano 1990, a  ONU declarou, por primeira vez, que a violencia contra as mulleres era o crime máis encuberto do mundo. Sen embargo na nosa sociedade aínda perdura a idea de que a violencia exercida contra a muller, sobre todo se quen a exerce é a súa parella, é un asunto privado.

Con cada caso de asasinato, con cada caso de violencia machista é necesario recordar que o privado é político, que a violencia de xénero está directamente co poder e a xerarquía, coas relacións asimétricas de poder entre homes e mulleres. Si o terrorismo busca sementar o medo na poboación para lograr o acceso ao poder político, o fantasma da violación serve para aterrorizar ás mulleres e limitar o seu acceso ao espazo público. Si a tortura  baséase na destrución da identidade da persoa, destrozando a súa integridade física e moral e negándolle o control sobre o seu propio corpo, os malos tratos tamén acaban coa auto estima das mulleres agredidas, que son secuestradas en ocasións na súa propia casa, sen permitirlles decidir sobre as súas propias necesidades.

O que está en xogo é o poder, o que se perpetua é a desigualdade. E hai moitos interesados en que as mulleres sigamos vivindo a discriminación, a opresión e a violencia como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Estamos vivindo día a día un feminicidio contra o empoderamento feminino. Homes que asasinan as mulleres motivados polo odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade. Homes que a través da violencia tentan impedir a liberdade das mulleres. Feminicidio que a sociedade contempla narcotizada, acostumada aos titulares informativos  da aparición doutra muller ”morta” a mans da súa parella ou ex-parella.

Fronte a este feminicidio non chegan os minutos de silencio; Non chegan as medidas penais,  que precisan de compromisos e recursos; Non chegan os orzamentos que se destinan a protección e recuperación das vítimas. Pero sobre todo, non chegan as actuacións e recursos para erradicar o machismo.

A ONU na conferencia de Beijing en 1995 recoñeceu que a violencia contra as mulleres é un obstáculo para lograr os obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz e menoscaba o goce dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais. Os estados ademais da obriga de adoptar as disposicións legais que garantan os dereitos e liberdades das mulleres, neste caso o dereito a unha vida libre de violencia, teñen a obriga de adoptar outro tipo de medidas apropiadas para eliminala.

Xa é hora tamén de que a sociedade que está a prol da igualdade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio. Desde as escolas aos medios de comunicación, desde os parlamentos ás rúas, desde as organizacións políticas, veciñais e sindicais ata os xulgados.

Hoxe, 25 de novembro  queremos que toda a sociedade entenda que é a nosa vida a que está en perigo. Que non lle pertencemos a ninguén. E que non imos ficar caladas.

Queremos denunciar o noso máis profundo rexeitamento da violencia contra as  mulleres, queremos apoiar ás máis vulnerables, queremos alentar a resistencia e a rebeldía  para construír un mundo novo, unha vida libre de violencias para nós e as futuras xeracións de mulleres.

Parar o feminicidio forma parte da nosa responsabilidade.

Non hai xustiza climática sen feminismo!

Non hai xustiza climática sen feminismo!

O clima do noso planeta cambia de forma visible e rápida. Múltiples acontecementos climáticos extremos observados nos últimos anos, como cambios nas choivas, a intensidade e alcance das secas, a forza crecente dos furacáns, entre outros, están conectados co aumento da temperatura na terra. Estes episodios tiveron xa numerosas consecuencias negativas para comunidades de todo o mundo. Estes cambios non teñen nada de natural, senón que son as consecuencias da acción humana sobre o planeta, como así o demostraron científicos-as no informe do GIEC (Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o cambio climático) publicado en novembro de 2014. Este informe confirma a gravidade da situación: o quecemento global podería superar os 4º de aquí ao ano 2100 e, para moitos científicos-as, isto é xa un fenómeno irreversible.

Doutra banda, outras degradacións ambientais son moi preocupantes, como o aumento do nivel do mar, a redución da biodiversidade, a destrución ambiental, a desertificación, a acidificación dos océanos, a salinización da auga, as malas colleitas, a contaminación do aire, as mareas negras, os plásticos e outro tipo de contaminantes, o desxeo dos glaciares, os records de temperaturas no inverno e no verán, a multiplicación dos Tsunamis e os ciclóns fóra de tempada.

As consecuencias do cambio climático, non son unicamente físicas, senón tamén sociais, económicas, políticas e producen desigualdades. Estas consecuencias non son teóricas, senón que se fan sentir xa por todo o planeta.

Os países e as poboacións pobres, e as mulleres en primeiro lugar, son cada vez máis vulnerables ás catástrofes que levan grandes movementos de poboación. As mulleres pobres das zonas rurais e as mulleres indíxenas son máis dependentes dos recursos naturais para sobrevivir e en diferentes partes do mundo son elas as responsables da produción de comida e da subsistencia, da recollida de auga e están a cargo dos-as nenos-as e das persoas anciás.

Pero isto non é só un problema dos países pobres. En Europa, África, Asia, Américas e Oceanía a crise climática ameaza con acentuar as desigualdades no acceso á sanidade, a unha alimentación sa, ao acceso a recursos de auga, á electricidade, etc. E isto pode ter un impacto moi importante na vida das mulleres de todo o mundo.

Nas estratexias do sistema capitalista, podemos ver un paralelismo entre a explotación da natureza e a explotación do tempo das mulleres: tanto o uno, como o outro, son tratados como recursos inesgotables e flexibles que son usados como variables de axuste para garantir o beneficio capitalista baseado no traballo das mulleres e na apropiación privada dos medios comúns. O tempo e a enerxía que empregan as mulleres nas tarefas domésticas, e de coidar doutros-as nunha dobre ou ás veces tripla xornada de traballo non é visible e é flexible en función da dispoñibilidade ou supresión dos servizos públicos. Da mesma forma, o tempo e a enerxía dos procesos de rexeneración da natureza son invisibilizados e tratados como unha molestia para a maquinaria produtiva. A división sexual do traballo é a base do sistema capitalista, onde o traballo asimilado á produción, é amplamente valorizado a todos os niveis (material, simbólico, etc.) mentres que o traballo que garante a reprodución social, realizado maioritariamente polas mulleres, é considerado como subalterno, mesmo cando este contribúe para a manutención do sistema.

Sinalar co dedo aos culpables para construír a Xustiza Climática.

Fronte a esta crise climática, é importante preguntarse como chegamos aquí. As evidencias científicas mostran que a degradación do planeta está estreitamente vinculada co modo de produción capitalista e o modelo de consumo que o acompaña, e que se intensifica e globalízase tras a Revolución Industrial.

Para alcanzar a xustiza climática, é importante subliñar a responsabilidade histórica dos países industrializados do norte na situación que vivimos. Por tanto, se os países historicamente ricos son os máis contaminantes, é necesario sinalar unha maior responsabilidade das poboacións ricas co seu modelo de vida altamente consumidor de carbono e enerxía, así como dalgunhas empresas (especialmente aquelas que operan no campo das enerxías fósiles).

As ocupacións coloniais e as guerras tamén xogan un rol moi importante na destrución da ecoloxía do planeta. A explotación e subyugación de poboacións enteiras, para o proveito dalgúns Estados e industrias, destruíu moitos ecosistemas, roubado terras, contaminado e expoliado as riquezas naturais dos países do Sur. As guerras teñen numerosas repercusións na natureza: contaminación das empresas de armas e dos sistemas de seguridade, custo ambiental do mantemento dos exércitos e de preparación dos conflitos, efectos das bombas e doutras armas de guerra sobre o medioambiente, etc.

Feministas cara á COP21: NON ás falsas solucións!

A Conferencia das Partes sobre Cambio Climático (COP21) terá lugar en Paris, Francia, do 30 de Novembro ao 11 de Decembro de 2015. Os nosos gobernos anunciaron, e están a facer promesas, para conseguir un Acordo Vinculante legal Universal. Desde a Conferencia de Rio en 1992 e a Conferencia de Kyoto en 1997, os gobernos reuníronse regularmente, e este acordo aínda non foi alcanzado. No canto diso, as empresas multinacionais aseguráronse o apoio político dos gobernos para garantir que os seus intereses fan parte das estratexias de fondo destes acordos. As falsas solucións multiplícanse, nun tempo no que as emisións – E a deforestación- continua aumentando dramaticamente en todo o mundo. Os mercados de carbono, REDD e REDD+ (mecanismos de redución de emisións asociados á deforestación e a degradación dos bosques), as bioenergías provenientes do monocultivo, a economía verde e a financialización dos seres vivos son só algúns exemplos disto.

Non queremos que o crecemento económico teña prioridade sobre as vidas humanas, e non queremos un mundo no que os negocios controlen o noso planeta e os nosos dereitos. En todos lados, as empresas están a tentar controlar as terras e os territorios, chegando mesmo a usar violencia física e sexual, milicias, exércitos e forzas policiais. En todos sitios, as comunidades máis pobres enfrontan a contaminación e a destrución dos seus ambientes naturais, sexa a través da construción de presas ao longo do Amazonas, en China, ou en India, ou construíndo autoestradas nos suburbios de Paris, ou grandes supermercados no campo francés.

A nosa visión sobre a cuestión climática e ambiental considera que a destrución da natureza fai parte da forma na que o capitalismo está organizado ao redor da súa cruzada incesante na procura de beneficios. Non é suficiente identificar o impacto que este sistema ten sobre as mulleres.

Partimos da análise de que o capitalismo usa as estruturas patriarcais no seu proceso de acumulación. Como resultado, non cremos nas accións que procuran reducir o impacto negativo do sistema de produción. En cambio, nós apostamos por transformar as estruturas que son responsabilidade das relacións de poder desiguais, combinando as perspectivas de clase, raza, sexualidade e xénero.

Cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres,
cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo!

A Marcha Mundial das Mulleres loita por un cambio real: queremos superar a división sexual do traballo, promovendo o feito de que o traballo doméstico e de coidados sexa a base da vida humana e das relacións entre as persoas ao seo da familia e da sociedade. O reequilibrio e división dos traballos domésticos e de coidados entre os homes e as mulleres, é a base da construción dunha relación dinámica e armoniosa entre os seres humanos e a natureza.

O noso proxecto repousa sobre o fortalecemento dos vínculos entre as mulleres, a toma de conciencia das preocupacións comúns a todos-as, particularmente a nivel local, a loita sobre os cambios no modelo de consumo e de produción do sistema capitalista. O noso desafío implica a unión da loita das mulleres, tanto urbanas como rurais, contra a desigualdade ambiental, para salvagardar os bens comúns e os servizos públicos, para protexer a natureza, contra a privatización da vida, entre outras cousas.

As loitas pola soberanía alimentaria, as prácticas de resistencia en agroecología historicamente dirixida polas mulleres, a politización feminista do dereito para exercer o control sobre os nosos corpos, a construción da autonomía das mulleres e a centralidade dos coidados para a vida e a natureza crean converxencias políticas que son unha medida de construír unha novo paradigma de sustentabilidade da vida, fundado na igualdade e a preocupación polas xeracións futuras. Como feministas, temos moito que dicir sobre as solucións á crise climática e ecolóxica.

Non hai xustiza climática nin ambiental sen feminismo !

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

COMUNICADO CONTRA FEMINICIDIO DE INMACULADA

O luns erguiámonos coa descorazonadora noticia doutra muller asasinada en Vigo, na rúa Zamora, Inmaculada Cendón Rodríguez, de 56 anos.

Esta vez o asasino non foi o seu marido, nin o seu ex-marido, nin noivo, nin ex-noivo, non, foi o seu fillo pequeno de 27 anos, que foi trasladado ao Hospital Alvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica, aínda que non estaba tomando ningunha medicación, nin tiña ningún diagnóstico previo de ningunha enfermidade mental.

E as interrogantes de sempre, ou mais que nunca. Por que? Foi un brote de loucura ou temos que considerar a Inmaculada Cendón, unha vítima máis da violencia machista?

Nas estadísticas oficiais de vítimas de violencia de xénero non aparecerá o seu nome, unha menos nesa longa lista de vítimas, pero para nós o asasinato de Inmaculada Cendón foi un feminicidio, definido como o asasinato de mulleres por razóns asociadas ao seu xénero.

Non sabemos se con este feminicidio o seu fillo quixo impor o seu dominio sobre a súa nai. Non sabemos se foi froito do machismo e a misoxinia que alimenta o medo e a desconfianza cara a liberdade das mulleres.

Pero si sabemos que Inma era a encargada do seu coidado, que foi a responsable de lidar día a día cos seus dous fillos, de aturar e mesmo ter que denunciar, as súas agresións.

Hai moitas persoas interesadas en que as mulleres sigan vivindo a violencia machista como se fora algo persoal, do ámbito privado, onde o agresor e a vítima son os únicos responsables.

Hai moitos anos que as feministas ao analizar as causas da opresión das mulleres chegaron a conclusión de que o privado é político, pero con cada caso de feminicidio é necesario recordalo.

Cada vez que unha muller é asasinada, non podemos evitar a dor, a tristeza, a frustración e a rabia que sentimos por eses que queren impor o seu dominio asasinando.

Pero non queremos estar soas fronte a tanto sufrimento. Xa é hora de que a sociedade se comprometa dun xeito máis activo e contundente contra o feminicidio.

Convocamos a toda a sociedade para que sinta a indignación, a insatisfacción e o desasosego cando se exerce a violencia contra as mulleres, cando se asasina a nenas, avoas, as nosas irmás, mulleres, para esixir que se tomen medidas.

Convocamos a todas as forzas políticas para que tomen conciencia da magnitude do

feminicidio e tomen medidas de xeito urxente para protexernos da violencia machista e para garantir todas as axudas, recursos e medidas necesarias para combater o feminicidio dun xeito real.

Convocámosvos a todas e todos para que xunto a outras e outros soñemos a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia contra as mulleres. Por que non é natural, non é bo continuar con tanta dor, medo, impotencia, rabia, tristeza e frustración polas múltiples violencias que acotío vivimos.

Convocamos a todas as mulleres para que se ergan, para que asuman a conciencia da súa autonomía, para que se xunten con outras mulleres, collan forzas, e poidan liberarse das opresións a través do pensamento transgresor.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que ao redor do mundo autoconvócanse para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

E tempo de buscar acougo e forzas, de alentar a resistencia e a rebeldía, de non deixar soas as máis vulnerables, e de loitar contra a os feminicidios.

Porque o día que nos venza o medo, o día que nos conformemos, que creamos que nada se pode facer. O día que nos calemos, ese día estaremos perdidas.

Convocámosvos para seguir achegando á construción dunha vida libre de violencias.

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

MANIFESTO CONTRA FEMINICIDIO DE CONCHI REGUERA

As mulleres somos asasinadas polos soldados do patriarcado e cales son as novas que máis se partillan pola rede social twitter?, o cambio de hora e o partido de fútbol(Celta-R.Madrid). Nos xornais en papel aparécemos cunha pequena reseña, no apartado de sucesos como algo anecdótico e cunha forma de encauzar a nova como se fora un chisme de taberna e non como tería que ser baseada nunha análisis en profundidade porque os asasinatos de mulleres que acotío acontece non é algo casual está sucedendo no noso día a día e se chama feminicidio. Termo acuñado por Diana Russell e Jane Caputi como “O asasinato de mulleres realizado por homes motivado por odio, desprezo, pracer ou por un sentimento de propiedade das mulleres. Sentimento este de propiedade que os leva ao control das amizades, da hora de chegada, do teléfono…..e a arrebatarlles as vidas como donos do seus destinos.
Día a día nos asasinan , imos caendo como nun campo de batalla. Berramos nun mundo onde non somos escoitadas. Isto nos fai pensar, que pouco valemos no ámbito público as mulleres!, uns minutos de silencio institucional, unhas palabras condenatorias, uns teléfonos para denunciar….Acaso dende as institucións non teñen meiores ideas para rachar co feminicidio nos distintos ámbitos onde as súas alas pousan?
Mentras tanto, as que seguimos vivas por Concha e por todas as que xa non veran máis a luz do día, nin sentiran os raios de sol a quentar a súa pel, nin apertaran na ledicia do reencontro nin nas despedidas, nin bicarán os seus beizos cando asi o corpo o desexase e a quen desexase… Por elas e por nós temos que unirnos en redes e baixo o parauguas feminista para empoderarnos, para facermonos fortes, desafiar e loitar contra un exercito, dentro deste modelo social de guerra no que estamos socializadas, denunciando e concienciando como asi o ven facendo a Marcha Mundial das Mulleres

Non consentiremos que a violencia machista continue asasinándonos!!!!

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram