III Encontro Nacional da Marcha Mundial das Mulleres

encontro1.png

Nestes últimos 15 anos, temos percorrido xuntas as rúas das cidades da man de colectivos e mulleres de todo o mundo, temos navegado as augas dos ríos africanos, temos atravesado as selvas americanas para encontrarnos con outras mulleres, temos surcado os ceos da Europa para programar proxectos mundiais e temos agarrado coas nosas mans a un tempo as cores violeta das nosas bandeiras e os altofalantes das nosas ideas.

Agora, dende a Coordinadora Nacional da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, convidámosvos a participar no noso III Encontro Nacional, que terá lugar o próximo 26 de Setembro en Santiago de Compostela.

encontro1.png

Este Encontro quere ser un novo alto no camiño que levamos percorrido desde o ano 2000, que nos permita ver con perspectiva o lugar onde estamos, valorar o momento no que nos atopamos, e reflexionar sobre cara a onde queremos seguir camiñando. Quere tamén ser un espazo para atopármonos , un espazo para escoitármonos e falar, achegar as nosas experiencias, coller folgos e soñar un feminismo que cambie o mundo e a vida das mulleres.

O encontro é aberto a todas as mulleres e colectivos que teñan vontade de construír e terá lugar en Compostela o día sábado 26 de setembro, de 10h a 20h na Asociación Veciñal A Xuntanza no Barrio de San Pedro (rúa Fraguas 37, baixo) con tres momentos ou espazos para o debate en torno a:

  • Situación actual da Marcha
  • Situación actual do feminismo na Galiza.
  • Traballo cara ao futuro.

[ FORMULARIO DE INSCRICIÓN NO III ENCONTRO NACIONAL ]

Gustaríanos que o traballo deste Encontro sirva de base para futuros proxectos da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, e, polo tanto, agardamos contar coa vosa presenza, para achegar perspectivas, valoracións e propostas.

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE: BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO

COMUNICADO EN REPULSA ASASINATO MACHISTA DE:
BEATRIZ RODRÍGUEZ MARIÑO
O pasado venres foi asasinada en Arbo Beatriz Rodríguez Mariño xunto a a súa actual parella Sergio Rodríguez. Como case sempre as autoridades policiais e xudiciais non confirman o feito de que se trate dun novo caso de violencia de xénero, pero o certo é que o seu ex-compañeiro, e pai da súa filla está detido.

Nos medios de comunicación puidemos ler algúns comentarios dos compañeiros de traballo de Beatriz. Din que o seu ex nunca aceptou o feito de que ela decidira romper, que non a tratou moi ben e que últimamente metíase moito con ela por telo deixado pero que ela nunca presentou denuncia porque non o quería prexudicar, porque era o pai da súa filla…

Estes comentarios reflicten ben o problema da violencia machista:
  • Unha mala relación, que nin a sociedade nin a vítima identifican con violencia de xénero, porque entra dentro dos parámetros aceptados socialmente. Uns parámetros que grazas ao feminismo están cambiando e que actualmente levan a que moitas mulleres, a pesar de ter moi interiorizados os estereotipos e roles de xénero, poidan detectar e identificar as mostras de abuso, que  modifiquen a súa capacidade de comprensión e de sacrificio polos demais, que non estean tan predispostas a desculpar e perdoar. Un cambio que leva a que moitas mulleres decidan rachar unha relación sentimental non satisfactoria.
  • Pero este cambio de mentalidade atópase a miúdo con un home que ten crenzas estereotipadas sobre o modelo masculino e feminino, que considera a muller como inferior e séntese dono da persoa que abusa. Unha posesión que é unha forma de negar a humanidade e a identidade da parella, que socava o respecto e o recoñecemento da persoa amada. A paixón de dominio e control, xustificada como un dereito natural, que adoita desembocar na dúbida, no sentimento de traizón e na violencia se estes desexos non se satisfán. De aí ven que moitos dos asasinatos por violencia machista prodúcense cando a muller decide rachar unha relación, ou empezar unha nova, e o home non acepta perder o seu dominio.
  • Fronte a falsa crenza de que moitas mulleres presentan denuncias falsas para obter privilexios, a inmensa maioría das mulleres que sofren malos tratos ou o acoso da súa parella ou ex-parella non o denuncian. Porque seguen predispostas a desculpar e perdoar ao seu agresor; porque séntense culpables de telo abandonado e de empezar unha nova vida; porque non queren que os seus fillos ou fillas carguen coa humillación pública de ter un pai maltratador…Porque non son conscientes de que as ofensas verbais poidan desembocar en asasinato.

Pero, aínda que o tivera denunciado, a denuncia desafortunadamente non garante a seguridade das vítimas. A policía, a xustiza, as institucións, non están a pór todos os recursos necesarios para garantir á seguridade  das vítimas de violencia de xénero. O caso de Isabel Fuentes,  asasinada nun hospital público en Ourense, no mes de maio, onde se atopaba ingresada por mor dunha agresión anterior, demostra  a desprotección que sofrimos as mulleres fronte á violencia machista e a enorme distancia entre as palabras de preocupación  pola violencia de xénero e as medidas que se adoptan -mellor dito non se adoptan- para garantir a seguridade das vítimas ou facilitarlle a saída desa situación de violencia ás mulleres que a están a sufrir.

Pero non nos enganemos. É a sociedade quen ten que comprometerse na loita contra a violencia machista. Non vale conmoverse ante os asasinatos e quedar impasible o resto do ano.

Desde aquí queremos unir as nosas enerxías para denunciar o máis profundo rexeitamento das violencias que continuamos vivindo.

En sororiedade con Beatriz, con todas, tolerancia cero coa violencia machista en todas as súas manifestacións. Debémoslle a cada unha das  mulleres asasinadas, agredidas, violadas, humilladas,  e as fillas e fillos desas mulleres  o noso compromiso firme e decidido contra a violencia  machista.

ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA TEN QUE SER UN COMPROMISO DE TODAS E DE TODOS
O MACHISMO MATA, NON SEXAS CÓMPLICE.

Orgullo LGBTQ 2015

Un ano mais a Marcha Mundial das Mulleres quere apoiar o día do orgullo de Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais e Intersexuais, día de reivindicación e denuncia porque, a pesar dos avances conseguidos, o colectivo de LGTBI segue sufrindo a discriminación, o acoso, o rexeitamento e a invisibilidade por unha gran parte da sociedade e mentres non se remate con todo iso seguiremos reivindicando en todo o mundo que o colectivo LGTBI sexa tratado con respecto, igualdade de dereitos e dignidade.
Queremos denunciar:
  • Que as persoas LGTBI seguen sufrindo acoso nas escolas, nos institutos, no traballo, nos centros de maiores e mesmo nas propias familias.
  • Que as situacións de acoso, agresión verbal, de exclusión social e de agresión física seguen producíndose con certa impunidade.
  • Que as lexislacións sobre doazóns de sangue identifican ao colectivo LGTBI con prácticas de risco e nalgúns países como Francia, os homes homosexuais teñen prohibido a doazón de sangue, promovendo a homofobia desde as institucións.
  • Queremos denunciar que a LGTBIfobia mata, xa que centos de adolescentes suicídanse pola presión e o acoso a que se ben sometid@s.
RECLAMAMOS xunto co colectivo DE LESBIANAS, GAIS, TRANSEXUAIS, BISEXUAIS E INTERSEXUAIS (LGTBI):
  • Que desde as administracións e institucións públicas se poña en marcha de forma efectiva a lei contra a LGTBIfobia.
  • Que se traballe na formación do funcionariado (sanitario, administrativo, educativo, xudicial) na igualdade de dereitos e na visibilización de maneira positiva ao colectivo LGTBI con todos os seus dereitos e deberes.
  • Que se traballe para conseguir escolas seguras onde nenas e nenos poidan vivir con total respecto e liberdade a súa orientación afectivo-sexual, a súa identidade de xénero, así como a da súa familia.
  • Que se visibilice nas escolas e institutos a diversidade afectivo-sexual e a diversidade familiar nas aulas e que estes temas se traballen de xeito transversal en todos os niveis do ensino, desde infantil ao ámbito universitario.
  • Que os medios de comunicación e a publicidade se impliquen na visibilidade da realidade LGTBI, en todo o seu espectro e abarcando todas as etapas da vida.
  • Que as persoas que forman parte do colectivo LBTGI poidan vivir con orgullo a súa realidade afectivo sexual, de identidade de xénero e familiar, e que a poidan visibilizar sen vergoña nin infravaloracións.
  • Que ningunha agresión homófoba quede impune.
Pero non é só un día de denuncia e reivindicación senón tamén un acto de visibilidade para demostrar que a felicidade conséguese vivindo como se sente, amándose de xeito libre, relacionándose sen tabús e formando a familia que se soña.

COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ

COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ

Aínda que van xa 33 anos dende que se instaurou este día que estamos a reivindicar, seguimos vendo a faciana da violencia dos conflitos armados a diario. Neles as mulleres sufrimos unha dobre violencia, xa que ás agreseións que hai implícitas nas guerras, temos que sumarlle a violencia de xénero. Somos usadas como armas de guerra: somos usadas para matar, usadas para ser violadas e así facerlle dano ao inimigo, xa que nos consideran da súa propiedade.

Un caso actual desta violencia é o das nosas irmás secuestradas por Boko Haram, onde 214 das 293 mulleres que ceivaron están embarazadas. Estas mulleres foron usadas como obxectos sexuais e foron vítimas de todo tipo de agresións e humillacións, mentres a ONU e a Comunidade Europea permanecen impasiveis ante este terrorismo estando máis preocupados por que esas mulleres e criaturas non cheguen as súas costas, botando man, unha vez máis, de todo o seu potencial militar enviando fragatas para protexelas dos que, máis que coma seres humans as tratan coma lixo; no canto de buscar solucións reais: deixar de concebir aos países en conflicto coma un mercado onde saquear materias primas e colocar stocks e novos diseños da súa próspera industria armentística que o único que provoca é avivar a lacra belicosa, deseñada e creada de xeito interesado por parte do capitalismo, patriarcal occidental.

Por estas e por máis razóns é polo que non parece que lles afecte o máis mínimo que só no 2014, Boko Haram secuestrara a 2000 nenas e mulleres.

Pero esta violencia non é a única que se xenera nas guerras, hai outras moitas agresións que nos tocan maioritariamente a nós, xa que non hai que esquecer, por exemplo, que na fuxida das zonas de conflicto, entre o 75% e o 90% da poboación que migra son mulleres e crianzas. Ou que a pobreza xenerada por conflictos armados a sofren, na súa mayoría, as mulleres.

As mulleres feministas e pacifistas mantemos firme a nosa vontade dun desarrme mundial, tanto físico como psicolóxico. Si, queremos tamén a desmilitarización mental da sociedade. Basta xa dese “se queremos a paz, preparémonos para a guerra”. A única loita que aceptamos para conseguir a paz é a resistencia civil activa da poboación contra estes conflictos armados. Animamos e apoiamos que se condeen, que se visibilicen e que se denuncien todo este tipo de violencias.

Por suposto, este cambio pola paz non será posible sen unha feminización que pase por todos os ámbitos, dende o social ata o institucional. Non hai procesos políticos nin sociais de paz se non hai mulleres neles.

Nunca nos cansaremos de reivindicar a paz, de opoñernos á cultura da morte e de berrar contra toda a destrucción que estes conflictos deixan tras de si. Queremos construir, queremos vivir. Queremos a paz.


Marcha Mundial das Mulleres de Galiza

As feministas galegas enchen as rúas contra a violencia machista 25N 2014

A coordenadora galega da Marcha Mundial das Mulleres saiu á rúa xunto co movemento feminista para reclamar máis implicación social no fin do patriarcado, estas son algunhas das imaxes das accións deste 25N de 2014:

Vigo

Ourense

Ferrolterra

Pontevedra

Compostela

Sen esquecer a importancia do 25N como un día de mobilización feminista seguimos traballando para que cada día sexa unha ocasión para reivindicar o dereito das mulleres a vivir nun mundo sen violencia. Ata que todas sexamos libres!

Convocatorias 25 de novembro de 2014

Convocatorias da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza este martes 25 de novembro de 2014:

  • Vigo: martes 25 ás 20h manifestación, saída dende a Farola de Urzaiz
  • Ourense: martes 25 ás 20.30h na Praza do Ferro
  • Ferrolterra: martes 25 ás 20h na Praza da Escola de Fene
  • Compostela: martes 25 / ás 20h na Praza 8 de Marzo, manifestación conxunta do movemento feminista
  • Pontevedra: martes 25 ás 20h na Praza da Peregrina
  • Vilagarcía de Arousa: martes 25 ás 20:30 Praza de Galiza, Convoca As. O soño de Lilith
  • A Coruña: martes 25 ás 19.00h no Obelisco, convoca acción Feminista da Coruña

opcionnal-25n-redes.jpg

Un ano máis, outro 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, a Marcha Mundial das Mulleres estamos na rúa para denunciar e visibilizar a violencia que se segue a exercer sobre nosoutras polo único feito de sermos mulleres. Segundo unha enquisa feita no ámbito da Unión Europea:

Calcúlase que 13 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia física. Esa cifra equivale a un 7% de mulleres con idades entre 18 a 74 anos.

Calcúlase que 3,7 millóns de mulleres na UE experimentaron violencia sexual. Esta cifra equivale a un 2% de mulleres con idades de entre 18 e 74 anos. Na UE un 18% das mulleres foron obxecto de acoso a partir dos 15 anos. Estas porcentaxes representan que 9 millóns de mulleres na UE sufriron e sufrirán violencia machista.

A metade de todas as mulleres da UE (53%) procuran evitar certos lugares ou situacións, por temor a ser vítimas de agresións físicas ou sexuais. Pola contra, enquisas recentes sobre victimización e medo aos delitos indican que o número de homes que limitan os seus movementos é infinitamente máis reducido.

España rexistra a taxa de criminalidade máis baixa dende o ano 2003, segundo o último informe que o Ministerio do Interior publicou a mediados de xullo. As infraccións penais rexistradas en 2013 descenderon o 4,3% Fronte a estes datos, un pero, a violencia sexual que medrou , segundo o mesmo informe, un 1,4%. As violacións son o delito menos denunciado no mundo, en porcentaxes aínda máis pequenas que no resto de denuncias por violencia machista da que se calcula que o 70% permanece silenciada e polo tanto, impune.

As mortes por violencia machista, por moi inexplicables que parezan, non son actos illados, fortuítos, senón que obedecen a unha cultura patriarcal no que as mulleres non teñen dereito a decidir sobre a súa vida. Son a reacción violenta de quen se cree posuidor dun ben, dunha propiedade, ou dunha escrava.

A solución non é doada e necesita do compromiso de todas e de todos, porque precisa de cambios profundos dado que o machismo está enraizado na nosa sociedade e non estamos facendo o preciso para desbotalo. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

A violencia contra as mulleres é a violación de dereitos humanos máis universal, presente en todas as sociedades do mundo. Esta violencia exércese de moitas formas, física, psicolóxica, sexual, económica, simbólica. É exercida en diferentes ámbitos da vida das mulleres, independentemente da clase social, nivel cultural, relixión ou raza.

Esta violencia, incrementouse nos últimos tempos. Coa escusa de “crise económica”, estamos a asistir a un brutal recorte de dereitos que se está a cebar especialmente coas mulleres (peores condicións laborais, problemas de conciliación da vida laboral e familiar, ataque aos dereitos sexuais e reprodutivos, concepción da muller como obxecto sexual, entre outras). ISTO TAMÉN É VIOLENCIA.

Por iso, non podemos esquecer a todas as mulleres que sufriron e sofren diferentes tipos de violencias, aquelas que morreron ás mans das súas parellas, ou ex parellas (no que vai de ano 38 no Estado Español); e tampouco esquecemos a aquelas mulleres que no seu día a día se viron ameazadas, insultadas, desprezadas e coartadas na súa liberdade por ser mulleres. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

 

Mais tamén exercen violencia de xénero os que propagan ideas e conceptos que perpetúan os valores patriarcais, os que lexislan en contra dos dereitos das mulleres ou non velan polo cumprimento integral das leis existentes, os que privan as mulleres dos recursos para a igualdade, e negan a utilidade das accións e políticas para a igualdade; os que actúan con hipocrisía ao resgarse as vestiduras cada vez que nos asasinan e nos insultan e desprezan privadamente e no ámbito público, en definitiva, os que nos tratan como obxectos e non suxeitos de dereito e cidadás. Por tanto promoven a violencia machista contra todas as mulleres, os organismos e institucións que dan azos á perpetuación dos valores patriarcais: ao valor da familia tradicional en que as mulleres só podemos ser nais, convertendo a maternidade no único fin social para o que sermos educadas; ao valor da sexualidade pasiva, para non darnos ocasión para exercer os nosos dereitos sexuais e reprodutivos; a impornos a heterosexualidade como único modelo sexual; ao intento de recluírnos no traballo dos coidados e no ámbito do privado, para impedir a autonomía económica das mulleres e a nosa participación social na toma de decisións.

Este é o caso do actual Goberno do Partido Popular. Así, comezamos un novo curso escolar, coa formación en economía e a transmisión dos supostos “valores” do emprendimiento asomándose ás aulas, mentres a educación afectivo sexual salta pola ventá. Isto fixeron o ministro de educación Wert e os seus compinches políticos e relixiosos, eliminándoas xunto a coeducación, a ética, a educación para a cidadanía, e a loita contra esta eiva, esquecendo a sensibilización das e dos profesionais e ignorando a incorporación da perspectiva de xénero en todas as etapas educativas, para promover relacións igualitarias como forma de prevención de calquera tipo de violencia machista.

Así tamén comezamos este ano coa ameaza por parte do mesmo Goberno do Partido Popular de reformar a actual lei do aborto. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!! A implicación ten recompensas como xa temos demostrado conseguindo coa unión das feministas e a implicación de moitas organizacións sociais a retirada por parte de Rajoi da reforma desta lei do aborto.

É necesaria a mobilización e rexeitamento de toda a sociedade, a implicación de todas e todos e rachar coa indiferenza, para rematar con este problema tan arraigado. Por iso, especialmente necesaria é a implicación dos medios de comunicación e os seus responsables, polo seu forte papel na socialización dos nenos, nenas e adolescentes e pola influencia que exercen na nosa sociedade.

Os medios de comunicación teñen a a obriga de desterrar expresións tan daniñas como “crime pasional”, “asasinada tras un ataque de celos”, “problema sentimental” ou “agrediuna despois dunha forte discusión”. Moitas veces tamén continúan a xustificar a violencia por causas externas: estaba baixo os efectos do alcohol ou as drogas; evitando así os debates de fondo: por exemplo, que valores lles estamos a transmitir ás novas xeracións para que, os datos digan que catro de cada dez rapaces continúen a pensar que o papel da muller é estar en casa e coidar da familia.

É noso deber denunciar situacións especialmente denigrantes, como é a realidade das mulleres en situación de prostitución, xa que esta é unha forma de violencia extrema para as mulleres, mostrándonos ás mulleres como meros obxectos sexuais para uso e disfrute masculino. A trata de mulleres con fins de explotación sexual é unha consecuencia da existencia da prostitución, onde os prostituidores, mal chamados “clientes”, perpetúan a violencia demandando mulleres como mercadoría, enriquecendo as mafias e a industria do sexo.

Especialmente sensible é a situación que viven as mulleres inmigrantes en situación irregular, xa que coa reforma sanitaria viron minguada as súas posibilidades de acceso aos recursos de atención primaria, sendo máis difícil a detección precoz de situacións de violencia, ademais de verse vulnerado o seu dereito fundamental de acceso á saúde.

Por todo iso dende a Marcha Mundial das Mulleres esiximos aos Poderes Públicos que se IMPLIQUEN, QUE RACHEN COA INDIFERENZA!!! Se os homes maltratadores enfrontáranse cun rotundo non, cun contundente rexeitamento social, especialmente por parte do resto dos homes, a violencia machista reduciríase moi considerablemente. A violencia existente no seo da sociedade, non é máis que a suma das violencias individuais de cada un dos seus membros; a que xera cada unha das persoas que a compoñen e a que é capaz de tolerar e asimilar. Cada xesto, actitude ou comentario pexorativo e discriminatorio contra as mulleres, aumenta a permisividade e abre o camiño cara á violencia contra as mulleres.

Se queremos avanzar como sociedade, non podemos permitir retrocesos en materia de prevención, denuncia e tratamento da violencia contra as mulleres. Por iso, instamos igualmente aos Poderes Públicos, medios de comunicación, sistema educativo e a toda a cidadanía a continuar coa loita e denuncia desta forma a violencia que ataca a metade da humanidade, as mulleres.

Machismo, Sociedade Patriarcal e Cultura da Violación… onde? Aquí, ao noso carón día a día. Esaxeramos?. Non, non esaxeramos!!! A violación silénciase, cálase. E hai veces, que os silencios, matan.

Pedimos a implicación de todos os sectores sociais, pedimos a implicación de todas as mulleres e homes. IMPLÍCATE, RACHA COA INDIFERENZA!!!

É por todo isto que a Marcha Mundial das Mulleres vos insta a IMPLICARVOS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA E RACHAR COA INDIFERENZA!!!

DECLARACIÓN DA MMM SOBRE A VIOLENCIA EXERCIDA ATRAVERSO DAS CRIANZAS

A Marcha Mundial das Mulleres na Galiza queremos amosar a nosa indignación ante o contido da nova publicada o pasado xoves 16 de outubro nos medios de comunicación, referida á petición por parte da fiscalía, a unha condena de 10 meses de prisión a unha muller nai de dous fillos, así como ao internamento dos nenos nun centro de menores por non facilitar as visitas ao seu pai ao que ela tiña acusado de pederastia.
Acusación de pederastia da que no seu momento saíu absolto, xa que o informe achegado polos técnicos do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia) , concluíu no seu informe que estes estaban influenciados pola súa nai a quen consideraban desequilibrada.
Denunciamos a pouca ou nula especialización no trato a nenos e nenas, a non esixencia de formación en violencia contra as mulleres dos técnicos do IMELGA, requisito, para nos imprescindible, se esta sociedade quere prestar a protección e atención precisa a crianzas e mulleres.
Denunciamos que na inmensa maioría destes casos e salvo que haxa unhas probas moi evidentes (desgarros, hematomas, etc), todas as institucións implicadas: técnicos, xuíces, fiscais, tenden a culpabilizar a priori ás mulleres.
É isto violencia contra as mulleres?? Rotundamente si.
Definitivamente casos coma este constitúen violencia contra as mulleres exercida a traverso dos fillos e fillas. Non é a primeira vez que atopamos casos de homes que ameazan, e o peor se cabe, cumpren a ameaza de facer dano aos seus propios fillos para ferir á muller. Temos visto, por desgraza, demasiados casos. Isto evidencia, unha vez máis, que seguemos a vivir e soportar un sistema patriarcal que tende unha e outra vez a culpabilizar á muller, a supor que minte sistematicamente, a esixirlle probas máis alá do razoable.
É violencia machista por parte do sistema obrigar a unha muller convencida do dano que van a sufrir os seus fillos ou fillas por parte do seu pai e ter que deixalos ir con el.
É violencia machista exercida polo sistema ameazala de que se non obedece será duramente castigada con penas de prisión ou o que é peor co alonxamento e internamento das súas crianzas para “reeducación”.
Non en van o Comité de Nacións Unidas para a Eliminación da Discriminación contra a Muller (CEDAW), condenou ao Estado español por non actuar de forma dilixente para evitar a violación dos dereitos de Ángela González, muller vítima de violencia de xénero, e os da súa filla, a quen acabou asasinando.
É por todo isto que esiximos do Goberno, da Administración de Xustiza e de todas as Administracións un cambio nas actuacións e atención de crianzas e mulleres para que dende as Institucións se deixe de exercer violencia contra nós.

Declaração de solidariedade da Marcha Mundial das Mulheres da Europa com as mulheres curdas em luta

Nós, 60 mulheres de 18 países europeus, reunidas em Donostia, País Basco, no encontro da Coordenação Européia da Marcha Mundial das Mulheres, saudamos a resistência das mulheres curdas de Kobane (Rojava) – na fronteira entre a Turquia e a Síria, onde se desenvolvem entre curdos, sírios, armênios, árabes, yezidies e tchechenos alternativas concretas ao capitalismo, ao colonialismo e ao sistema patriarcal, baseadas na coexistência pacífica entre diferentes religiões e na liderança partilhada democraticamente a todos os níveis. Este modelo alternativo é defendido pela valente resistência do YPG (Unidade de Proteção Popular) e YPJ (integrada pelas mulheres).

Condenamos a violação dos direitos das mulheres e dos direitos humanos fundamentais, assim como todos os tipos de fundamentalismo religioso, étnico e político. Denunciamos o aumento das alianças com os sectores ultra conservadores, incluindo o fundamentalismo religioso, como uma estratégia para reforçar o modelo capitalista e patriarcal como ‘solução’ para a crise.

Continuamos com a nossa luta nas regiões em conflito para acabar com a violação e a escravidão de mulheres como arma de guerra e para construir um outro mundo onde sejam excluídas todas as formas de dominação, exploração e exclusão de uma pessoa sobre outra, de um grupo sobre outro, de uma maioria sobre uma minoria, de uma nação sobre outra.

Frente aos recentes ataques contra as alternativas e direitos das mulheres, decidimos lançar a nossa 4a Acção Internacional no Curdistão, no dia 8 de março de 2015, com o objectivo de apoiar as mulheres curdas na sua luta pela autonomia e auto-determinação sobre os seus corpos e territórios. Convocamos todas as mulheres do mundo a participar e apoiar a Caravana Feminista Européia para reforçar e tornar visível a resistência e as alternativas desenvolvidas pelas mulheres.

Seguiremos em marcha até que todas sejamos livres!

Donostia, País Basco, 12 de outubro de 2014.

 

Carta aberta a Stephen Harper

Honorable Primeiro Ministro de Canadá,

A violencia hacia as mulleres e nenas indíxenas é unha violación grave aos dereitos humanos. Os actos de violencia dos que as mulleres indíxenas son víctimas están anclados na discriminación e na marxinalización sistemática provintes da colonización, nos que interveñen a policía, os medios de comunicación, a educación e a xustiza.

O goberno canadiano debe constituir unha comisión para levar a cabo unha investigación pública independente e debe traballar na concertación coas diferentes nacións indíxenas para construír un plan de acción nacional.

Nós, as Mulleres da Marcha Mundial das Mulleres de Galiza, solidarizámonos co chamado internacional feito polas Mulleres Indíxenas do Québec (FAQ) e a Coordinación do Québec da Marcha Mundial de Mulleres. É preciso que os factores sistémicos que favorecen a desaparición e o asasinato de mulleres indíxenas, sexan correctamente identificados e que os individuos, procesos e políticas responsables do mantemento do estatus quo – e dos danos subsecuentes para as mulleres e as nenas indíxenas – sexan desmantelados. As recomendacións e MEDIDAS de cambio son necesarias para mellorar a seguridade das mulleres e das nenas indíxenas de todos os sectores de Canadá.

Unha enquisa pública nacional exhaustiva sobre a violencia hacia as mulleres e nenas indíxenas de Canadá procuraría a certeza aos pobos indíxenas que todas as esferas do goberno recoñecen a gravidade do problema e se comprometen a acabar con este ciclo de violencia. Unha investigación permitiría igualmente sensibilizar aínda máis á poboación sobre esta crisis de violación dos dereitos das persoas en Canadá, a cal moitos e moitas canadenses ignoran. A inclusión de familias indíxenas nos procesos de planificación, de implementación e de post-informe da enquisa pública nacional é primordial para o éxito desta actividade e asegura que as voces das familias sexan escoitadas. É esencial igualmente que a enquisa permita ter en conta ás asociacións de mulleres indíxenas, posto que moitas delas dispoñen de datos e informacións que recolleron no transcurso dos últimos anos.

Respetuosamente,

Solidariedade feminista,

Coordinación Nacional da Marcha Mundial de Mulleres de Galiza marchagaliza@gmail.com www.feminismo.info

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram