Marcha Mundial das Mulleres en Istambul – Videos

A TV Foro Social Mundial fixo un video sobre a Acción Rexional Europea da Marcha Mundial das Mulleres con entrevistas a Nadia Demond de Italia e Ilkur Birol presidenta de Halkvleri. A acción tivo lugar en Istambul, Turquía, nos días 29 y 30 de Xuño.

Outro dos videos que se poden ver xa na rede sobre o Encontro Europeo da Marcha Mundial é este:

Todas somos Palestina

Nen guerra que nos mate, nen paz que nos oprima

A Marcha Mundial das Mulleres formou parte das organizacións convocantes e participou con comitiva propia o pasado Domingo 18 de Xaneiro na manifestación nacional en apoio ao pobo palestino baixo un manifesto conxunto para exixir:

  • Que se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.

  • Que a Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.

  • Que se declaren á embaixada e o Goberno Israelí non gratos en todo o territorio galego no seu conxunto; e concello por concello,

  • E que os medios de comunicación e a prensa internacional informen con imparcialidade e non a favor do sionismo .

Dende a Marcha tentamos dar voz ás nosas compañeiras palestinas a través das súas imaxes que levamos na nosa comitiva co gallo de facelas presentes na mobilización como xa o están sempre no corazón de todas nós.

Eis unhas imaxes da nosa participación en favor da paz e en defensa dos dereitos do pobo palestino:

Eis un video da comitiva na manifestación:

Máis información sobre a repercusión desta mobilización nos meios (tirada de Galiza por Palestina):

Feministas novas: Novas perspectivas do feminismo internacional

feministasnovas2.jpg

feministasnovas2.jpg

Com motivo do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial de Mulheres, tivérom lugar umha série de actividades organizadas por e para as mais novas da Marcha onde se debateu sobre a situaçom das jovens feministas nos seus países e regions, salientando as principais dificuldades e êxitos no seu trabalho a prol dos direitos das mulheres, as relaçons com as companheiras mais veteranas e as possibilidades de criaçom de umha agenda comum para as jovens da MMM.

As três actividades principais fôrom co-organizadas polas jovens da MMM da Galiza, coordenadas por Zorahaida Casales, e as mulheres jovens da organizaçom portuguesa AJPAZ, coordenadas por Sandra Silvestre, e nela participárom delegadas de mais de trinta países diferentes.

Dos 7 encontros internacionais que a organizaçom tem realizado nos seus dez anos de existência foi no da Galiza no primeiro em que as coordenadoras nacionais de todo o mundo fôrom encorajadas a incluir umha mulher jovem de menos de trinta anos na sua delegaçom nacional. A coordenadora galega foi representada pola companheira Lidia Ponte da coordenadora local da Crunha. Tamém foi na Galiza a primeira vez que se fijo umha actividade pública organizada polas jovens e dirigida ao público jovem.

A palestra ‘Feministas novas: Novas perspectivas do feminismo internacional’ que tivo lugar no domingo 19, no Centro Social Caixanova, contou com a participaçom de representantes das coordenadoras nacionais do Brasil, Quebeque, Haiti, Galiza e Portugal, assim como do colectivo feminista independente ‘As Lerchas’ de Ourense. As oradoras expugérom as suas visons sobre o feminismo, as diferenças entre geraçons de feministas e mostrárom o seu interesse em desenvolver umha agenda de actividades de formaçom e debate especifica para as jovens. No debate que seguiu surdírom temas muito interessantes como por exemplo a questom dos limites entre cultura e direitos das mulheres, o maternalismo como forma de bloqueio no poder decisório das jovens, e a institucionalizaçom dos movimentos socias e feministas.

Na segunda-feira, e dentro das jornadas de formaçom organizadas como parte do VII Encontro Internacional, desenvolveu-se o obradoiro para jovens e veteranas “Experiências e desafios do trabalho com jovens mulheres” com o objectivo de debater os feminismos emergentes e construir perspectivas de futuro que incluam os novos feminismos e as jovens feministas. Entre as conclusons da troca de ideias entre jovens e veteranas som salientáveis: Criar um discurso moderno e acessível e que represente o contexto sócio-cultural das nossas jovens, fazer ‘obrigatória’ a participaçom dumha jovem delegada por coordenadora nacional em futuros Encontros, avaliar e aprender da experiência das veteranas, e promover o intercâmbio entre geraçons, e facilitar a integraçom das jovens através do dialogo e sempre garantir a igualdade a todos os níveis dentro da organizaçom.

Todas estas actividades e programas tivérom como finalidade procurar dentro da MMM o nosso espaço de representaçom e visibilidade, assim como incorporar as nossas inquietaçons, visons e metodologias à luita feminista.

O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria

O Foro Internacional de Soberanía Alimentaria, celebrado o sábado 18 de outubro no Auditorio Caixanova de Vigo tivo dúas partes, unha primeira na que a través dunha palestra participada por Gladys Alfaro (México), Lidia Senra (Galiza) e Irene León (Ecuador) se apresentou a soberanía alimentaria como unha saída para os pobos, e un instrumento de acción para as mulleres, e unha segunda parte onde se explicaron experiencias concretas.

A través de un vídeo, Gladys Alfaro demostrou como foi posíbel mellorar as condicións de vida da comunidade en Chiapas, a través da capacitación das mulleres, da sua formación, partindo do feito de que son elas as que se responsabilizan da alimentación das familias. Garantir o dereito das mulleres ao acceso á terra é fundamental, e con iso garantir que se valore e visibilice o traballo das mulleres, que é esencial e do que depende case toda a produción.

Exemplificou con moito acerto isto facéndonos reflexionar a partir dunha taza de café. “Cando pensamos nunha taza de café, pensamos en todos os pasos que levou:  sementalo, aboalo, coidalo, colheitalo. Mas debemos lembrar que toda a familia o despulpa, o pon a secar e participa na sua moa. Todo isto é recoñecido, mais detrás da produción de café hai traballo reprodutivo, o realizado polas mulleres que se levantan para coidar os animais, para atender os nenos, e que arroupan o traballo desenvolvido polo resto da comunidade; iso non se ve na taza de café”.

Lidia Senra, da Galiza, labrega e sindicalista e de Vía Campesina, lembrou que a proposta da Soberanía Alimentaria xurdiu de Vía Campesina, dous anos despois de crearse a OMC, que está ao servizo das multinacionais, e que nela radica a auténtica solución para a fame no mundo.

Comentou que cada minuto que pasa, Europa perde unha pequena explotación campesina, e que case sempre ao frente delas está unha muller, exemplificando con isto que é un tema que non só afecta aos paises menos desenvolvidos.

A importación de pensos para animais significa que se limita o dereito á produción dos países onde os monocultivos impeden o cultivo variado para a alimentación local, e con isto sustentábel.

Hai que favorecer as producións sustentábeis, e evitar que o diñeiro público fomente o agronegocio a través da produción de alimentos industrializada, e evitar tamén a manipulación xenética das sementes.

Irene León de Ecuador, lembrou que a vivenda é un recurso básico, e que a actual crise inmobiliaria está afectando a este recurso e  propiciando que os estados fagan inversións absurdas para salvar a banca especulativa. Este diñeiro  podía servir para orientar a vida das persoas e acabar coa fame.

A visión globalizada da produción dos alimentos conduce á desaparición da produción local e de calidade, a maioría das veces de man das mulleres. “Temos que facer visíbel o traballo das mulleres na agricultura, as hortas das mulleres son laboratorio de coñecemento, onde se conservan e reproducen as sementes. Se este coñecimento fose feito por un grupo de científicos terían un premio nobel. Isto ten moito valor, a bioxenética é recoñecida como a ciencia do século XXI.

Os centos de persoas que encheron o Auditorio tiveron ocasión de participar  a través das súas perguntas e suxestións. Algunha destas intervencións se centrou na xustificación da soberanía alimentaria para Europa, que non pode ser o mesmo que para África por exemplo. Vía campesina conta con organizacións labregas en Europa –contesta Lidia Senra–, e estas organizacións entenden que hai que exercer a solidariedade para solucionar a fame no mundo, esa solidariedade pasa por ter claro que o camiño para que se desenvolvan as agriculturas é que as terras dos paises do sur para alimentar as vacas dos paises do norte deberían ser dedicadas á produción de alimentos para a cidadanía. As multinacionais compran barato e venden caro, trafican con alimentos, alí onde poidan. O que hai é unha crise de produción de alimentos. Cada pais do mundo ou grupos de paises deberían poder protexerse nas fronteiras contra a importación de produtos que non necesiten.

Todas as intervencións coincidiron en que se están construíndo novas relacións entre a agricultura e as  mulleres, que se está a  valorizar o coidado, o traballo reprodutivo e que con toda esa reflexión quizá se estea redefinindo o feminismo.


A segunda parte do Foro centrouse na exposición de proxectos concretos.

Caridad Ynares de Filipinas contou como experiencias concretas de substitución de monocultivos lograron reconducir algunhas explotacións agrarias, sen usar fertilizantes químicos, en explotacións sostíbeis. A súa organización, Sarilaya, promove a axuda ao rural, forma as labregas e labregos e loita contra os produtos transxénicos e as sementes tranxénicas e as multinacionais, en definitiva Sarilaya promove a mellora das zonas rurais no seu conxunto.

Sobre Mali falou Nana Aicha Cisse, dun dos países mais pobres do mundo influido pola relixión e a cultura, e en concreto falou dos programas de creación de infraestruturas de irrigación (en Mali chove só tres meses ao ano) para poder cultivar todo o ano e dar a oportunidade de traballar ás mulleres, porque os campos convértense en colectivos. Para coñecer as auténticas necesidades da comunidade, recorreuse ás mulleres, quen só se expresaron con liberdade cando os homes non estaban diante.

Outras accións que teñen a ver coa alimentación e a nutrición foron expostas por ela, e dentre elas destacamos a comunicación estabelecida entre as mulleres do agro e das cidades, un dos temas recorrentes ao longo do Encontro.

Denise Vuillon de Francia, é unha labrega de AMAP, asociación que promove un consumo acordado entre o sector produtor e o consumidor. As mulleres, sobretodo, consumidoras decatáronse en Francia dos efectos nefastos do sobreprodutivismo na agricultura, e advertiron que se estaba a dar unha situación de inseguridade alimentaria.
Así naceu este proxecto de produción de temporada respeitoso coa diversidade e sostíbel, amparado nun contrato de 6 meses con consumidores e consumidoras que recollen cada semana unha cesta do produto. É unha nova maneira de producir e consumir responsábelmente, que favorece a agricultura local, que economiza no uso das embalaxes, e que permiten consumir os produtos tal e como son, sen manipulación, sen fertilizantes nen produtos químicos, porque se traballa a limpeza dos campos a man.

Da Galiza, Rosario Sánchez, do proxecto « O Grelo Verde » explicou a introdución dos alimentos locais nos comedores escolares. Comezaron en Laza, e agora o seu proxecto é acollido en moitos outros centros de ensino, onde ademais desenvolven actividades como unha biblioteca itinerante, teatro, etc. De Cataluña, Esther Vivas, representante da “Xarxa de Comsum Solidari” explicou  o traballo da súa organización desde o ano 1996, baixo os principios da soberanía alimentaria e o comercio xusto.

Algunhas intervencións das delegadas

Algunhas intervencións das delegadas que demostran que sendo diversas as mulleres, procedendo de diferentes culturas, falando distintos idiomas, hai muitos vencellos que unen:

Perú:
Somos nós  mesmas somos un movimento de mulleres. Que non haxa violencia entre ningunha muller do mundo. Quando hai procesos de crise e cambio insistimos en que para que cambie o mundo ten que cambiar a vida das mulleres, pero terá que cambiar cada día a nosa propia vida.

Bolivia:
Como Boliviana penso que é importante ir agarradas das mans e ter relación coas outras organizacións de diversos países. Tamén as mulleres temos que cambiar nós mesmas para cambiar o que queremos cambiar irmás, e temos que cambiar as leis para que nos favorezan. Por iso nós en Bolivia con esta nova constitución política estamos cambiando para facer cumprir  os nosos dereitos. Eu creo que en diferentes paises non hai participación das mulleres. Temos que estar dentro do estado 50  por cento das mulleres e así imos facer cumprir os nosos dereitos. Porque en Bolivia nin siquera coñeciamos os nosos dereitos, agora para nós é como unha biblia a nosa constitución.
Adiante as mulleres, se non coñecemos os nosos dereitos non imos cambiar as cousas.

Sudáfrica:
Temos que asegurarnos que o aborto, a violencia doméstica… non se varran para debaixo da alfombra. Que os nosos problemas como mulleres se teñan en conta, igual que se teñem en conta outros asuntos.

Perú:
Hai que poñerlle unha cláusula de xénero aos tratados comerciais e facer un lobby permanente para que haxa un apartado para os temas de xénero que atendan os problemas das mulleres. Nós pensamos que iso é o máis importante: garantizar que se poida cambiar a vida real de todas as mulleres.

Vía Campesina:
Nestes momentos está en Mozambique o encontro de Vía Campesina, e a súa asemblea de mulleres. É unha relación de apoio e complementariedade  para os nosos movimentos que teñen obxectivos comuns: dignificación do traballo, a soberanía alimentaria, o coidado das sementes porque son patrimonio da humanidade. A nosa loita é clara: a defensa dos recursos, das sementes non manipuladas, defendendo a agua que é un ben común, e os dereitos sexuais e reprodutivos, e contra a violencia.

Nepal:
A raíz dos nosos problemas está na globalización económica e neste novo sistema neoliberal. Nos países menos desenvolvidos e tamén en Europa. Por iso no Sur de Asia existe unha campaña que leva traballando un tempo, 4 ou 5 anos para erradicar a pobreza, desde que no ano 1993  comezamos a coñecer os procesos de privatización.

Sudáfrica:
No ano 2008 como MMM participamos nas accións de Nairobi, co lema CAMBIAR  O MUNDO PARA CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES. CAMBIAR A VIDA DAS MULLERES PARA CAMBIAR O MUNDO; para poder ver como se produce este cambio, nós temos que construír este cambio, agora.

Honduras:
Estamos preocupadas pola violencia en Centroamérica, polo que está pasando en moitos paises como Nicaragua, onde estamos temendo pola vida das mulleres feministas, vítimas de agresións físicas e ameazas. O ministerio público entrou violentamente nalgúns locais e lles roubaron toda a información dos equipos de oficina.

Mozambique:

A maioria da poboación é feminina em Mozambique, e por iso necesitamos facer algo polas mulleres porque a pobreza está  na cara das mulleres.

Rexión dos Grandes Lagos, República Democrática do Congo:
Nestes  momentos de sangue, só temos un soño pola paz na rexión, compartido por todas, que cruzamos fronteiras para reunirnos. Isto foi unha loucura, máis as mulleres a través da MMM que se organizaba, conseguiron grandes cousas, e foi difícil. Nos reunimos a veces en Ruanda, en Burundi e no Congo para acostumbrarnos a superar o que nos dividía e conseguimos crear o Consello das Mulleres e definimos xuntas as reivindicacións.

A MMM permitiu às mulheres do Congo ter o privilexio de recibir  o Encontro na nosa casa, este encontro pode ser unha solución aos problemas que vivimos, porque cando vemos os problemas é cando nos sensibilizamos verdadeiramente. A presenza da Marcha Mundial das Mulleres pode ser unha aportación moi positiva á  situación das mulleres do Congo e aos 11 paises dos Grandes Lagos e levar a paz á rexion.Hai conflitos, mais podemos acoller a MMM nos sitios onde non hai guerra. Esta guerra é a primeira guerra mudial de África, con 5 millóns de mortos, a maioria son mulleres. Hai refuxiados. Nós imos traballar e non será a primeira vez. En 2006 xa o fixo o foro rexional dos Grandes Lagos. Este xesto será con 11 paises de África. Esta guerra está olvidada e hai que ver como traer a paz  para que se beneficie todo o continente.

Rematou o VII Encontro Internacional na Galiza

Rematou na tarde de onte o VII Encontro Internacional das Mulleres celebrado na Galiza. Atrás quedan as xornadas de debate por rexións e por áreas de acción, até que as conclusións tomaron forma dunha convocatoria para a acción global no 2010  na rexión dos Grandes Lagos en África, simultaneada con accións locais no resto do mundo e organizadas en cada rexión.

De este VII Encontro emanaron a partir dunha redacción consensuada, varios documentos, de entre os que destaca o Informe de Europa focado sobre o tema da  crise financeira que se está a dar no mundo. Tamén se realizou a presentación do libro da Marcha Mundial das Mulleres, comemorativo dos 10 anos de historia, e publicado nos idiomas que utiliza a Marcha.

O foro de Soberanía Alimentaria e a Feira que tiveron lugar durante o fin de semana, foron acontecementos que arrouparon e complementaron o Encontro, e polo seu carácter público conseguiron sumar a cidadanía galega ao proxecto de soberanía alimentaria compartido pola Marcha Mundial das Mulleres con moitos outros colectivos sociais galegos.

A Manifestación do domingo polas rúas de Vigo trouxo milleiros de persoas á Marcha, organizadas en torno ao movimento feminista, representacións de todas as partes do país acompañaron o proxecto do feminismo internacional, e numerosas organizacións mixtas apoiaron esta mobilización galega e internacional.

Sábado 18 de outubro: Xornada de acción expontánea diante dunha multinacional da alimentación para loitar pola Soberanía Alimentaria dos pobos

O sábado pola mañá, algunhas das mulleres que participan no Encontro participaron diante nunha concentración, con outras persoas de Vigo, de Ferrol e de diversas cidades da Galiza,diante da multinacional Alcampo, protestando pola mercantilización dos alimentos.

Fíxose unha defensa da soberanía alimentaria, como garantía de que os alimentos non se van converter nun produto do mercado internacional, de tal modo que se lle arrebate ao pobo o dereito de producir e consumir os seus propios alimentos.

Coreáronse, nun ambiente lúdico, consignas en galego e francés, referidas ao dereito dos pobos a organizar as súas políticas alimentarias, de acordo coas necesidade da sociedade, priorizando a produción para o mercado local e protexéndose de importacións de alimentos, que poderían arruinar os sectores de produción de alimentos.

A crítica que se fixo ao modelo ultraliberal estaba orientada cara os grandes grupos de distribución alimentaria que obteñen grandes beneficios mercando produtos a baixo prezo con pouco valor nutritivo e inseguros moitas veces. As demais denuncias que se realizaron a través deste acto lúdico reivindicativo tiñan a ver coa denuncia da especulación con alimentos básicos e co ataque ao medioambiente.

A presenza de maquetas xigantes de produtos comercializados polas multinacionais, máscaras e esqueletes, fixo que o acto fose moi chamativo para a clientela que casualmente se dirixía ao centro comercial. As mulleres escenificaron finalmente unha performance improvisada representando os ataques aos alimentos e a morte para a natureza e as persoas.

Encontro Internacional, venres 17 de Outubro, Panxón

Na xornada de traballo do Venres 17 de Outubro, que foi plenaria, e que tiña como finalidade definir as accións para o 2010, data de celebración da Acción Global para o 17 de outubro de 2010.

Tras facer unha síntese das propostas que xurdiron nos grupos de traballo reunidos territorialmente, por rexións, e por campos de acción nos días anteriores, as mulleres foron tomando a palabra.

Os temas que xurdiron en relación coas accións son:

  • Soberanía alimentaria, relacionada co medio ambiente. Relación harmoniosa das persoas coa natureza. Cambios climáticos. O racismo contra a poboación indíxena. Privatización da natureza por parte dos gobernos a través de leis. As sementes intercambiadas nas fronteiras para fortalecer a solidariedade internacional.
  • Violencia contra as mulleres, o corpo das mulleres como botín de guerra. A violencia que sofren as mulleres presas. Criminalización da protesta. Mercantilización do corpo das mulleres.
  • Traballo libre das mulleres sen nacionalidades. Traballadoras domésticas. Valorización do traballo como fonte de riqueza para a sociedade. O traballo invisible do coidado. A non apropiación privada dos nosos traballos polas grandes potencias. Contra as fronteiras, liberdade de movimento polo mundo, e de organización para as mulleres.
  • A colonización africana.Militarización, o intercambio de armas por comida. Empresas produtoras de armas, que as fabrican e as exportan (China arma África). O norte é responsábel do que pasa no sur.
  • Historia colectiva das mulleres a través da edición dunha publicación que se irá construíndo coas historias individuais ou comúns a medida marchamos, demostrando así a forza colectiva de todas as mulleres. A solidariedade internacional.
  • A crise económica. Privatización das ganancias e socialización das perdas. Alza dos alimentos básicos. Deslocalización das empresas.

Cada coordenadora nacional, traballará estes temas en función da súa propia realidade para realizar a Acción da Marcha en marzo de 2010.

A necesidade de crear unha imaxe común de todas as  mulleres da Marcha que fortaleza a nosa  identidade como Marcha Mundial das Mulleres, para nós mesmas e para o exterior, cos valores que a definen: Igualdade, Liberdade, Paz, Xustiza e Solidariedade.

Así algunhas delegadas propuxeron a creación dun vestido, que se vai intercambiar e que demostre a internacionalidade da Marcha, a súa diversidade e a unidade a través dunha imaxe común que terá utilidade para realizar un traballo de educación popular a través da realización de obradoiros de creación desa obra común en forma de vestido.

A acción Global para o 17 de outubro do 2010 que ten como principal obxectivo fortalecer a solidariedade  internacional –estemos sempre alerta sobre o que lles pasa ás outras mulleres- consensuouse  para xirar en torno á paz e a desmilitarización, coa presenza implicita dos demais campos de acción, porque as guerras empobrecen ás mulleres, facilitan que as grandes potencias se apropien dos recursos e do seu control, provocan a violencia contra as mulleres e a violación é utilizada como unha arma de guerra, e crece a manipulación dos fundamentalismos relixiosos.

Por padeceren tantos países conflitos bélicos, algúns moi alongados no tempo, outros esquecidos, foi dificultoso escoller cal podería ser o país para a realización desta acción. Zimbawe, Palestina, Irán, Afganistán, Sudáfrica, Paquistán, Iraq, Bangladesh, Colombia, Bolivia, República Democrática do Congo, México e Turquía, foron os países nomeados.

As razóns que finalmente pesaron na escolla da República Democrática do Congo foron moitas, mais fundamentalente pesou o feito de que esta acción de solidariedade tería que ter un resultado palpable canto á mellora das condicións de vida das mulleres do país. A violencia que sofren estas mulleres é diaria, sendo espidas e violadas na súa propia casa e nas rúas. Neste país son as armas as que gobernan incluso nas casas.

Ademais da acción global, pola dificultade para o desprazamento de moitas delegadas a África, por razóns económicas e de visados, faranse tamén accións simultáneas en todo o mundo, aínda que en todas elas se terá presente o país en conflito escenario da acción global.

A Marcha Mundial das Mulleres fará un Milladoiro simbólico coa participación das delegadas dos 48 paises

O domingo 19 de outubro, ás 12 da mañá será construido un milladoiro na Praza do Concello de Vigo coa participación de todas as delegadas dos 48 paises presentes no VII Encontro Internacional da Marcha Mundial.

Quérese con este milladoiro lembrar a construción milenaria de ofrenda ás deusas e aos deuses para facer o camiño protexidas e fortes.  Ten reflexo no lema da manifestación que sairá do mesmo lugar de creación do milladoiro: “Mulleres en marcha até que todas sexamos libres”.

As creadoras deste proxecto artístico son Ana Gesto, Ada Adriana García e Marta López. A peza escultórica resultante terá incorporados vários símbolos alusivos ao camiño: unha sandalia, calzado que simboliza a viaxeira, e unha zoca, calzado galego utilizado pola muller traballadora que simboliza a forza.

Son pois a sandalia e a zoca en conxunción quen van arroupar o milladoiro feito a partir das pedras de cada país de procedencia das delegadas participantes no VII Encontro Internacional, que se leva celebrando en Panxón ao longo de toda a semana.

A composición escultórica terá forma circular, representando con isto o poder, e achegará a forza e a unión das mulleres de todo o mundo vindas a Galiza para “Marchar até que todas sexamos libres” todas xuntas polas rúas de Vigo.

O material en que están realizadas as sandalias é bronce con esmaltados,  combinación que  á luz solar presenta reflexos diversos, segundo a intensidade, aproximandose nuns momentos ás texturas do coiro e noutros do ferro oxidado. O ferro oxidado remite ao tempo pasado, á historia e á forza. O coiro en cambio transmite o momento presente e a flexibilidade. E por último cando se reflicte a cor chocolate remítenos ao alimento e ao futuro.

Como peche da performance, vaise realizar un grande espectáculo da man de Nut Teatro e da cantora  Uxía Pedreira.

As feministas novas, debaten nunha palestra sobre os reptos futuros do feminismo internacional

A través dun xogo de rol se propicia a comunicación das máis novas e as veteranas

O vindeiro domingo 18 ás 17 horas, as feministas novas do VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, van dar o debate sobre as novas perspectivas do feminismo das máis xoves.

A palestra “Feministas novas : novas perspectivas no feminismo internacional” será exposta polas  delegadas  do Quebec (Anne Valerie Lemieux Breton), Portugal (Sandra Silvestre), Galiza (Zorahaida Casales) e unha representante do colectivo As Lerchas. Por Haití Samia Salomon, con unha representante do colectivo Refraca. Natalia Capellini do Brasil, por formar parte do Secretariado Internacional, vai facer a sua intervención en relación coa Marcha Mundial das Mulleres.

Esta palestra-exposición será un modo de explorar os proxectos ou campañas de cada territorio  e servirá para logo abrir a reflexión sobre os logros do feminismo, a relación coas máis veteranas, as posibilidades de colaboración internacional, e a construción dunha axenda común de xoves feministas.

Para o luns 20 de outubro desenvolverase o obradoiro “Experiencias e desafíos do traballo das mulleres xoves”, na Residencia de Panxón. Este obradoiro terá a forma de xogo de rol no que as máis novas se porán no papel das veteranas e viceversa co fin de afondar na comprensión interxeracional. Deste modo aprofundarase no coñecemento das realidades sociais dos diferentes continentes desde a perspectiva das xoves e das veteranas feministas, fomentaranse os intercambios interculturais e interxeracionais, e crearanse redes de diálogo para o entendemento.

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram