Outubro Diverso en Baiona

Chegou o outono e con el presentamos o #OutubroDiverso a Baiona

O Outubro Diverso é un espazo de aprendizaxe, de coñecemento e de tecer rede. Xurde do traballo conxunto da Concellería de Igualdade de Baiona, de activistas da Marcha Mundial Mulleres Galiza e da Casa Colorida, no que contamos tamén coa colaboración da Asociación de Amas de Casa de Baiona e a Asociación de Viúvas de Baiona.

Este espazo nace baixo a necesidade de achegar as nosas vilas as realidades LGBTIQA+, e de visualizar e conversar sobre os eixos de traballo e activismos dos diferentes colectivos e persoas que fan parte desta programación. Todas xuntas pretendemos construír un espazo que sexa o primeiro de moitos no Val Miñor, onde sigamos aterrando nas vilas as vivencias e procesos LGBTIQA+ para seguir aprendendo e compartindo, para acompañar as realidades diversas de moitas veciñas de vila e, sobre todo, para seguir xerando dende o comunitario un novo mundo onde entren todos os mundos.

VENRES 9

19.30h

• Presentación Outubro Diverso

• ”Activismos LGBTIQA+ da contorna”. Conversa coa Asociación Nós Mesmas e Avante LGBT+ Vigo.

SÁBADO 10

12:00h

• ”A nena que ensinou a súa familia que o mundo non é branco e negro” conversa con CHRYSALLIS. Asociación Estatal de Familias de Menores Transexuales

• Contacontos infantil para crianzas de 4 a 7 anos “Piratrans carabarco” da editorial La Calle e obradoiro infantil de debuxo en torno a temática do conto facilitado por Nós Mesmas.

DOMINGO 18

12:00h

• ”Diversidade nas artes escénicas”. Conversa con Monica Sueiro e Colectivo 85 de Vigo.

SÁBADO 24

19:30h

• Presentación da exposición fotográfica “Corpos, feminismo e territorios” exposición creada a través dun proceso participativo das mulleres da comisión de sexo afectividade do Centro Social A Galleira de Ourense.

SÁBADO 31

12:00h

• ”Orgullo, non solo hai un” conversa con Petra Porter e Comité Marikas x la fiesta

22:00h

• Espectáculo ”Las VARIETÉS de Petra Porter” proposta escénica de Combinación Imperfecta.

Toda a info no evento: http://bit.ly/OutubroDiversoBaiona

28 de xuño: Dereitos para TODAs

Neste 28 de xuño, Día do Orgullo, dende a coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres reclamamos o compromiso de toda a sociedade coa loita por conquistar Dereitos para TODAS.

En momentos nos que os discursos fascistas atopan altofalantes e medran nunha sociedade na que o lucro e o consumo vertebran a vida das persoas é máis importante que nunca alzar a voz e posicionarse con claridade contra as ideoloxías reaccionarias que negan dereitos.

O feminismo é a ferramenta máis potente que temos para loita contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e o imperialismo, e para conquistar dereitos sociais e políticos para todas. Non seremos unha voz cómoda para quen pretenda, en nome do feminismo, decidir quen debe ou non conquistar os dereitos que lle corresponden e estaremos en fronte de todo feminismo LGBTFóbico que pretenda excluír a compañeiras de loita.

💜Como mulleres lésbicas esiximos visibilidade e o fin das discriminacións que sufrimos, como os problemas que se colocan ao rexistro das crianzas cando non estamos casadas.

💙 Como mulleres trans esiximos unha Lei Trans que poña fin ás violencias institucionais que se exercen sobre nós e os nosos corpos para o recoñecemento da nosa identidade.

💙 Como mulleres bisexuais esiximos o fin da estigmatización e a invisibilidade dentro e fóra do movemento e o recoñecemento das violencias que recibimos da heteronorma.

💛 Como mulleres con diversidade funcional esiximos o fin da invisibilización e o paternalismo machista que nos considera mulleres de segunda.

💙 Como mulleres negras esiximos o fin do racismo en todas as súas expresións, as nosas vidas importan!

❤️ Como mulleres migrantes esiximos o fin das Leis de Extranxería que nos criminalizan e someten a procesos de violencia institucional e xenofobia impedindo que podamos procurar unha vida digna.

💙 Como mulleres empobrecidas esiximos o fin dun sistema criminal como o capitalista que coloca o lucro por diante das vidas.

💚 Como mulleres rurais esiximos o dereito á terra e a vivir con dignidade e servizos públicos de calidade nas nosas aldeas.

❤️ Como mulleres galegas esiximos que o noso pobo poda exercer o seu dereito á autodeterminación en pé de igualdade co resto de pobos do mundo.

Como mulleres que somos organizámonos para transformar a sociedade e construír un mundo de xustiza social sen violencias no que sermos plenamente libres.

#Orgullo2020 #OrgulloLBT #MulleresTrans #MulleresLésbicas #MulleresBisexuais #Mulleres

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram