8M 2022 Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!

O feminismo galego ateigou as rúas de reivindicación e loita feminista reclamando o fin das violencias, da discriminación e deste sistema ecónomico que atenta contra a vida. Por un feminismo forte os 365 días do ano.

Este 8M de 2022 vivimos grandes mobilizacións en toda Galiza demostrando a forza do feminismo galego. Se hai racismo non é feminismo, patriarcado e capital alianza criminal, se hai transfobia non é feminismo ou mulleres contra a guerra, mulleres contra o capital foron palabras de orden que resoaron nas rúas de todo o país nas voces de milleiros de mulleres. Unha xornada de denuncia das desigualdades e dun sistema inxusto que nos nega vidas dignas!

Recollemos aquí unha galería de imaxes de todo o país!

Se a túa localidade non está envíanos as fotos a nacional@feminismo.info !!!

8M Dereitos reais para as mulleres traballadoras galegas!

Emprego digno · Sistema Público de Coidados · Saúde Pública de Calidade · Dereito á Vivenda · Alimentación e Suministros garantidos.

Hai máis de 100 anos que o 8 de marzo é a principal data reivindicativa do calendario feminista. Esta longa traxectoria actualízase en cada lugar do mundo e en diferentes momentos da historia como un instrumento da acción e da loita colectiva das mulleres. Na Galiza de hai 104 anos, un 8 de marzo as mulleres da comarca de Ferrolterra iniciavan unha revolta fronte aos tiranos e os caciques polo pan e unha vida digna, ao berro de “Temos fame, abaixo os acaparadores” xa entón as mulleres traballadoras amosaban ao pobo o camiño da revolta.

Sabemos que hai moito máis tempo que as mulleres son parte da loita pola emancipación e xa resistian e construían alternativas ás moitas formas de dominación. Reunir ás diversas mulleres de todo o mundo en torno dunha data é esencial para construír un suxeito político colectivo que ten raíces e historia e que coloca a igualdade a liberdade como eixos de loita.

Neste 2022 as galegas enfrontamos unha fenda salarial dun 19 e o 46,7% das traballadoras cobran menos do SMI. A temporalidade, ocupamos o 76,7% dos traballos parciais, e a precariedade, moitos dos contratos asinados por mulleres duran menos dun mes, convirten ás mulleres galegas na face da pobreza no noso país. As nosas pensionistas teñen de media 10 anos menos de cotización que os homes e un 36% das desempregadas non percibe nengún tipo de subsidio por desemprego. As mulleres galegas traballamos ademáis no sector dos servizos, o 87% das asalariadas mulleres o estan neste sector, que é un dos de maior perda de dereitos laborais o que convirte a conciliación nun papel mollado na nosa realidade diaria. O 20,05% das mulleres estaban en risco de pobreza ou exclusión social en Galiza en 2020 e a cousa non mellora.

Os recortes seguen golpeando en maior medida ás mulleres no noso país e alá onde foron aplicados: recortes en programas de prevención e atención ás mulleres agredidas, recortes dos programas relacionados coa educación e a crianza, recortes na sanidade que repercuten nos tratamentos específicos relacionados coa saúde das mulleres, desmantelamento de políticas públicas de igualdade e vivenda, exclusión social e pobreza. O 94% das axudas a través das rendas de inserción social para familias monoparentais en Galiza con para mulleres.

Vivimos unha ofensiva do capital transnacional sobre os nosos territorios que tamén impactan gravemente no noso pobo e na vida das mulleres. A destrucción do medio e a explotación dos recursos naturais trae consigo a destrucción dos modos de vida e a economía tradicional que sirven de apoio a miles de mulleres para enfrontar o impacto do capitalismo e da súa economía depredadora. Esta ofensiva depredadora da minería e o extractivismo tamén tivo en fronte a organización e a loita das mulleres na defensa do territorio.

Todos estos datos económicos evidencian que a alianza patriarcado capital continúa a pór en risco a vida das mulleres e os territorios e require dun confronto social e institucional que teña no feminismo unha das súas ferramentas imprescindíbeis.

Nun estado cada día máis antidemocrático asistimos ao crecemento de sectores conservadores e a súa influencia na política e na economía. Devolver ás mulleres aos roles tradicionais é a proposta deste sector consevador para xustificar o recorte dos servizos públicos. Dende quen defende limitar o dereito ao aborto pate quen propón eliminar os programas de igualdade para manter a explotación das mulleres no ámbito doméstico. O capitalismo, o patriarcado e o racismo manteñen deste xeito ás mulleres nunha situación de desigualdade con menos acceso á renda e aos dereitos.

Tamén observamos que o feminismo se amplia e enraiza, virou unha axenda xeral da sociedade e non só dos movementos feministas organizados. Hai múltiples grupos e formas de actuar, mas tamén contidos comúns que pasan por recoñecer o carácter patriarcal e racista do capitalismo e a centralidade da axenda do coidado, a importancia de defender a diversidade afectivo-sexual, a necesidade de afirmar valores democráticos e formas horizontais de poder e a importancia da autoorganización das mulleres.

Mas fronte a este crecemento hai unha reacción do mercado para incorporar o ideal de liberdade e igualdade. Basta ver a linguaxe feminista empregada en propaganda de roupa e cosméticos vinculada ao 8M polas mesmas empregsas que explotan o traballo e a vida das mulleres ou os apelos á participación na folga de mulleres de persoeiras vinculadas ao capital e ao poder. Isto banaliza e tira radicalidade ao feminismo, como sabemos o mercado tenta facer do feminismo o “novo espírito” do capitalismo global. Pretenden converter o noso movemento político en máis un obxeto de consumo asimilando nom só a estética senón parte esa parte da mensaxe máis desvinculada da crítica profunda do sistema capitalista.

A Marcha Mundial das mulleres fai unha crítica integral ao actual modelo e aposta por un feminismo antisistema que se opoña á actual orde capitalista, patriarcal, racista, heteronormativo e colonial. Sabemos que esa aposta non é fácil nen cómoca, mas é a máis coherente coa nosa defensa dunha sociedade con novas relacións, con outras formas de organizar o traballo, de garantir a substentabilidade da vida e onde exista espazo para novas subxetividades baseadas na autonmía e a igualdade. Sabemos tamén que o horizonte de transformación e formas de loita constrúense en cada momento analizando o contexto e como as forzas dominantes operan, por iso neste momento na Galiza a loita pola democracia, polo dereito dos pobos a decidir o seu futuro, contra a guerra, pola soberanía alimentar e a defensa do territorio e contra a explotación capitalista son eixos esenciais da axenda do feminismo para crear unha axenda de mobilización e transformación social.

Por iso neste 8M de 2022 queremos que a nosa campaña fale de dereitos reais para as mulleres traballadoras galegas, defendendo a necesidade de empregos dignos para vidas dignas, dun sistema público de coidados que dé resposta as necesidades sociais e coloque os coidados no centro, o dereito a acceder a unha vivenda en condicións dignas que nos permita desenvolver os nosos proxectos de vida así como políticas que garantan os suministros e a alimentación como dereitos básicos fronte á especulación e a acumulación capitalista e unha defensa férrea da sanidade pública como outro piar básico dunha sociedade xusta na que todas vivamos dignamente.

Seguimos comprometidas en construír un feminismo que transforme o mundo e a vida das mulleres e para iso afirmar o carácter anticapitalista, antipatriarcal e antirracista do feminismo é esencial para construír unha sociedade diferente que coloque a vida no centro.

Seguimos en marcha até que todas sexamos libres.
Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres.
8 de marzo de 2022.

CARTELERÍA

DESCARGA OS CARTAZES PARA IMPRIMIR

DESCARGA O MANIFESTO

DEMANDAS 8M 2022

CONVOCATORIAS GALEGAS 8M

A Coruña, 20h Obelisco.

As Pontes, 20h30 Concello (chegada á rúa 8 de marzo)

Allariz, 19h Campo da Barreira.

Ames, 17h Praza da Maia.

Barreiros, 20h Praza do Concello (Convocatoria da Mariña)

Betanzos, 20h30 Palco da Música (Colectivo Feminista das Mariñas)

Camariñas, 12h Praza do Concello.

Carballo, 20h Praza do Concello (Círculo Feminista de Carballo)

Chantada, 20h Praza de Santa Ana.

Compostela, 19h Praza 8 de marzo.

Ferrol, 20h Praza de España.

Lalín, 20h saída desde KM0.

Lugo, 20h Praza Horta do Seminario.

Monforte, 20h30 Praza de España.

Noia, 21h Praza do Curro.

O Porriño, 20h Praza do Concello.

Ordes, 20h Alameda.

Ourense, 20h Subdelegación do Goberno.

Pontevedra, 20h Praza do Hospital Provincial.

Ribeira, 20h Praza do Concello.

Val Miñor, 11h30 (Confluencia ás 12h30 na Ramallosa)

  • Baiona, Peirao.
  • Gondomar, Praza de Abastos.
  • Nigrán, diante do Concello.

Vigo, 19h30 Praza dos Cabalos.

Vila de Cruces, 12h Praza do Concello.

Vilaboa, 18h diante do Concello.

Vilagarcía, 20h30 Praza de Galiza.

Non á guerra na Ucraína! Non á OTAN!

A tensión e a escalada militar que se está a producir na Europa do Leste nos últimos días e que alcanzou a súa cimeira a raíz das declaracións de Vladimir Putin ten consecuencias perigosas para os pobos da Europa. Rusia e Ucraína. O envío diario de soldados e a carreira armamentística no medio do belicismo do imperialismo fan que a situación sexa moi preocupante. O mundo está de novo ao borde dunha guerra, tras as ambicións imperialistas, polos intereses económicos, desexosas de demostrar as súas pretensións de gran Estado. O custo desta guerra será moi elevado, especialmente para os pobos da Ucraína, Rusia, Europa e todos os países da rexión. 

Nós, da Marcha Mundial das Mulleres sempre afirmamos o noso compromiso coa loita pola paz e o rexeitamento á guerra e á militarización da sociedade. Porque a guerra é unha das expresións máis vivas da discriminación das mulleres e das crianzas. 

A coordenación da Marcha Mundial das Mulleres da rexión de Oriente Medio e Norte de África – MENA denuncia a guerra contra o pobo ucraíno, que se dirixe especialmente a mulleres e crianzas. Destacamos a magnitude do impacto desta guerra na rexión árabe, especialmente as zonas de conflito nas mulleres e crianzas de Palestina, Iemen, Líbano e Siria. Expresamos a nosa preocupación polos ataques ás mulleres e crianzas contra o seu dereito á paz e á seguranza; e tamén o temor de que a poboación sufra o mesmo destino que as mulleres e os nenos palestinianos polo roubo das súas terras e os ataques diarios contra as necesidades básicas da vida, respectando os dereitos humanos e a lexitimidade universal desde 1974, a guerra da entidade sionista contra o pobo palestiniano. 

Desde a Marcha Mundial das Mulleres, rexeitamos calquera ameaza e ataque militar contra un Estado soberano. A independencia e a integridade territoriaol de Ucraína deben ser respectadas. Estados Unidos e a OTAN deben anunciar que retiran as súas mans da Ucraína, e deben deixar de enviar armas e municións ao país o antes posíbel. O imperialismo está repetindo o que fixo no Iraque e Siria, esta vez de forma diferente na Ucraína, e unha vez máis causando sufrimento aos pobos do mundo. O conflito entre as grandes potencias fai que a humanidade pague un alto prezo. 

A Marcha Mundial das Mulleres solidarízase con todas as forzas políticas e sociais da Ucraína, Rusia e de todo o mundo que defenden unha solución pacífica á guerra. 

Nós, coa nosa posición antiimperialista e antibélica, mobilizaremos ñas mulleres na loita contra a guerra na Ucraína e na rexión. 

Resistimos para vivir, marchamos para transformar!

Referentes // Rosa Parks

Hai 65 anos Rosa Parks negaba o seu asento a un home branco. Coa súa detención daba pulo e facía aínda máis pública e mediática a loita contra o apartheid nos EUA.
Recollemos o seu legado e continuamos a loita contra o racismo en calquera das súas expresións.

A loita contra o racismo no mundo segue necesaria, e é unha loita feminista e anticolonialista. Recomendamos a leitura en Capire do texto “Transfeminismo negro, uma luta anticolonial e anticapitalista” de M. Adams.

https://capiremov.org/…/transfeminismo-negro-uma-luta…/

Resolucións do Encontro Aberto celebrado na Estrada en novembro de 2021

1. Cómpre pór freo á instrumentalización do feminismo por parte dos partidos políticos, nomeadamente do PSOE, a través dun feminismo institucional que se apropia das nosas reivindicacións para marcar a súa propia axenda.

2. Defendemos un feminismo incómodo e combativo que se ben pode colaborar puntualmente con algunha institución en cuestións concretas, manteña sempre unha posición independente e autónoma que permita facer as críticas pertinentes. As subvencións e colaboracións económicas non poden entenderse por parte das administracións como mecanismos para apagar a crítica.

3. Todas as nosas convocatorias deben ser un espazo seguro para as compañeiras trans. O posicionamento da Marcha Mundial das Mulleres é claro e inamovíbel e non cabe debate, o noso feminismo é un feminismo construído tamén por mulleres trans. Todas debemos ser coherentes con esta posición colectiva e asumir como propios os posicionamentos da Marcha Mundial das Mulleres a nivel nacional e Internacional.

4. Apostamos por reforzar os nosos eixos de traballo e os nosos principios ideolóxicos (feminismo, anticapitalismo, antiracismo, antiimperialismo) como base para a construción do noso feminismo.

5. Cómpre reforzar a formación feminista non só a nivel teórico senón tamén na nosa práctica política diaria apostando polo asemblearismo, a horizontalidade e os espazos de escoita e debate como marcos de traballo colectivo.

6. Defendemos a necesidade de manter o protocolo galego de respostas ante os feminicidios e non ceder ás urxencias mediáticas que procuran respostas inmediatas. A nosa aposta de transformación é de longo percorrido e precisamos construír respostas útiles non só viscerais. Recoñecendo a dificuldade ante os casos máis mediáticos e a demanda de resposta apostamos por un feminismo que non só dé resposta senón que constrúa un axenda propia.

7. Entendemos que é preciso pasar a unha fase de construción feminista que interpele ás estruturas do poder patriarcal logo de estos anos de acumulación de forzas. Poremos especial foco nos xulgados, concellos, sistema de saúde, ensinanza… Coa fin de que o feminismo sexa un suxeiro político que interpele, vixíe , sinale e dé respostas concretas en tódolos eidos da vida. Precisamos mudanzas reais no día a día da vida das mulleres.

8. Cómpre tecer espazos de encontro a nível local colectivizando o traballo e atopando puntos de encontro, respecto e coidados, dende o amor e a construción e non dende a confrontación. Conscientes de que existen diverxencias construír axendas propias e respeitar ás das outras debe ser parte da nosa construción política.

9. Defendemos a necesidade de que o espazo de encontro que é Galegas 8M para o feminismo galego se oriente cara un feminismo combativo de acción en torno desa data, profundizando na loita polos dereitos das mulleres galegas traballadoras.

10. En relación á folga de mulleres do 8M de 2022, tras analizar o desenvolvemento destas en 2021, 2020, 2019 e o paro de 2018 pensamos que o desenvolvemento das xornadas do 8M non responden ás dinámicas dunha folga senón a unha xornada de mobilizacións. Entendemos que cómpre deseñar estratexias máis útiles e eficaces de aquí en diante

Até que todas sexamos libres!

// Ourense: Karina Ochoa. Feminismo Decolonial

Xa temos a disposición de todas a palestra de Karina Ochoa en Ourense falando de feminismos decoloniais, unha oportunidade única para achegarnos de primeira man a este pensamento que nos pode dar ferramentas para analizar a nosa propia realidade e actuar sobre ela para transformal.

Imaxes da Galleira o día da palestra.

//25N. Sentada na USC contra o acoso sexual.

Sentada na USC contra o acaso sexual esta mañá! Hai uns días denunciábamos a través dun comunicado de apoio que centos de alumnas vense inmersas en situacións de acoso, abusos e agresións nas súas aulas, por parte de compañeiros e profesorado sen que a institución que ten obriga de ofrecerlles espazos seguros, a USC, se manifeste e posicione contra tales violencias, tomando medidas contra elas.

Comunicado en apoio á sentada convocada por URXE! e Xuntxs por políticas o 25N en Santiago de Compostela.

A USC leva anos branqueando a violencia patriarcal no seo da súa institución.

Centos de alumnas vense inmersas en situacións de acoso, abusos e agresións nas súas aulas, por parte de compañeiros e profesorado sen que a institución que ten obriga de ofrecerlles espazos seguros, a USC, se manifeste e posicione contra tales violencias, tomando medidas contra elas.

As mulleres accedemos a unha universidade pública onde somos constantemente violentadas sen que tales actos teñan consecuencias. Debemos seguir compartindo espazos cos nosos abusadores e agresores, ou decidir abandonar os nosos estudos e vida para resgardarnos nun espazo seguro onde non sintamos continuamente medos que coartan as nosas liberdades de ser e estar. Porén, eles seguen impunes, nos mesmos espazos, onde seguirán acosando, abusando e agredindo a outras compañeiras.

É por todo isto, que as organizacións estudantís URXE! e Xuntxs por políticas da USC están a convocar unha sentada para o vindeiro 25N, Día internacional contra a violencia de xénero, diante de dita facultade e en dous tramos horarios (12:00 – 13:00h e 17:00 – 18:00h).

Reclámase que:

– A USC sexa un espazo seguro onde todas e todos poidamos disfrutar dunha docencia de calidade e segura.

– As persoas agresoras deixen de gozar de impunidade como até o de agora.

– A seguridade e comodidade de todas as alumnas nas súas aulas.

Desde a Marcha Mundial de Mulleres da Galiza queremos mostrar todo o noso apoio e solidariedade coa mobilización convocada e coas mulleres vítimas desta violencia patriarcal na USC, animando a todas aquelas que poidan a participar nesta sentada e mobilizarnos unha vez máis polos nosos dereitos, polas nosas vidas.

http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/181880-sentada-masiva-facultade-politicas-usc-denunciar-30-casos-acoso?utm_source=dlvr.it&utm_medium=twitter&fbclid=IwAR2M2yaoU41KepTEPHVAG05kBZzifEXcPDhVcKwaqHqFwK8oduZHmBqj-AY

// A violencia machista e a represión franquista contra as mulleres. Montse Fajardo.

Hoxe da man das compas de Orgullo Galego , haberá unha conversa con Monste Fajardo sobre a violencia e represión contra as mulleres no franquismo.

Fundamental visibilizar ás invisibilizadas.

+ info sobre Montse Fajardo: https://gl.wikipedia.org/wiki/Montse_Fajardo

Vídeo da conversa de Montse Fajardo: https://www.youtube.com/watch?v=V_n80Iiio4k

twitch.tv/orgullogalego

YouTube
YouTube
Instagram
Telegram